Campo do Fragoso XLVII

XUSTO EMPATE
López Caro non conseguiu despexar aínda as dúbidas sobre o futuro que lle agarda ao Celta nesta difícil andaina por Segunda. É innegable que o andaluz en apenas dúas semanas conseguiu introducir maior disciplina táctica e conformar un “once” máis estable, aliñando aos que todos os afeccionados sabemos deben xogar, a Lequi na medular da defensa e a Perera, como revulsivo atacante das segundas partes. Mudanzas que provocaron, unhas mellores sensacións no xogo celeste, mais que se amosaron aínda insuficientes para vencer a pasada semana a un frouxo Albacete, como onte a un excelente Numancia, un equipo moi ordenado e paciente que en Balaídos soubo manter durante gran parte de encontro o control da pelota e do ritmo de xogo. Saíu o Celta disparado e dominador, cunha clara ocasión de Núñez no primeiro ataque e con outra de Okkas, tamén clarísima, aos cinco minutos. Axiña chegaría o magnífico cabezazo de Lequi, rematando unha falta sacada por Larena. Entón, o Celta amainou –sobre todo a partir da desgrazada lesión de Canobbio (hoxe o santo e seña galego)–, comezando a desintegrase, a enredarse nas súas dúbidas e a ceder o control a un Numancia que, minutos despois, conseguiu empatar transformando un penalti, provocado inocentemente por Lequi. Coa reanudación, un disparo letal na frontal da área grande dun inspirado Diego Costa provocou o penalti marcado por Larena. Dende ese preciso momento, os nosos volveron naufragar na vertixe de verse por diante no marcador. Deixaron o leme a un Numancia que entón aseñorou o encontro como quixo, empatándoo nunha falta maxistralmente executada por Moreno e mesmo podendo levalo, se non fose polas intervencións salvíficas de “San Pinto”, que se convertiu no mellor dos celestes. Non hai dúbida: o empate foi xusto e o encontro ben bonito, propio de dous conxuntos con anceios de Primeira. Quédanos a dúbida de cáles son as razóns dos baixóns físicos e anímicos que padece o Celta, sobre todo, nas segundas partes. Semella que López Caro debe acelerar as rotinas de pretempada para recuperar este treito preparatorio desperdiciado.

Etiquetas:

Fidel Castro e Galicia

No suplemento Estela de Faro de Vigo publícanse hoxe tres páxinas de adianto sobre as relacións de Fidel castro con Galicia extraídas do libro de Ignacio Ramonet (Fidel Castro. A miña vida) que publicaremos a comezos do mes de decembro.

Fútbol e literatura

No artigo da semana reflexiono sobre as relacións entre fútbol e literatura. Dedico o texto a Borja Oubiña, con todos os azos para a súa recuperación. A mantenta quixen deixar fóra a dimensión tráxica, que poden compartir fútbol e literatura, preferindo rematar con estas palabras da escritora camerunesa Calixthe Beyala: “O balón é redondo coma o planeta, coma ventre da nai, coma o sol. Cando un futbolista xuta ao aire semella que o balón vai tocar as estrelas. Na literatura tamén hai un desexo de tocar o ceo, de ir máis alá dos límites da vida cotián”. Quizais nese horizonte é, tamén, onde se atopan o fútbol e a literatura.

Etiquetas:

Certame Os Viadutos 2007

Esta mañá participei no acto de entrega dos premios do VIII Certame Literario de Narrativa breve Os Viadutos 2007, organizado pola concellería de Xuventude do concello de Redondela e dirixido a narradores menores de trinta e cinco anos. Levamos participando no xurado deste premio dende o inicio (alí premiamos textos de Samuel Solleiro ou Roque Cameselle) e considero que os dous relatos premiados nesta edición son algúns dos de mellor calidade. O primeiro premio correspondeu a Iván García Campos por “O camiño das formigas” e o segundo a Xerardo Neira Pereira por “A orella de Jenkins”. No vindeiro mes de novembro publicaremos un volume coas dúas obras premiadas e cunha terceira (“A selva do caleidoscopio”, presentada baixo o pseudónimo de Iskra-lhe) que mereceu unha mención do xurado. Un premio ben xeitoso que abre unha xanela para a visibilidade de tres narradores novos.

Actualización (21-10-2007): A noticia da entrega no Faro de Vigo.

Entrevista a Agustín Fernández Paz

O levantador de minas publica unha entrevista audiovisual con Agustín Fernández Paz e un adianto lido dun dos contos (“Amor do agosto”) que forma parte do seu vindeiro libro (no prelo) O único que queda é o amor. Moi recomendables os dous documentos audiovisuais. Beizóns para Alfredo e Tati!

IV Simposio o Libro e a lectura

Anúnciase a celebración do IV Simposio O Libro e a Lectura, organizado pola Asociación Galega de Editores, os vindeiros 15 e 16 de novembro. Versará sobre tan interesante e polémica cuestión como é “Libro e Mercado“.
Etiquetas:

Portugalicia

Coñecía alguén esta sorprendente bandeira?
Etiquetas:

Il club della calzetta

A edición italiana do Club da calceta estará nas librarías o vindeiro mes de novembro. Despois das de Rivas, a de María Reimóndez será unha das primeiras obras de narrativa galega editadas en Italia. A mesma editora (gran vía un proxecto que aposta pola literatura da “España plural”) está preparando, para a primavera, Home sen nome de Suso de Toro, traducida por Fabio Angelli, o profesor de italiano da Escola Oficial de Idiomas de Vigo e un dos valedores da cultura e literatura galegas en Italia. A editorial gran via abre un novo portelo para a proxección exterior da literatura de noso.

Saudades da Buchmesse

A lectura do magnífico artigo de Peter Mayer tróuxome saudades da Feira do libro de Frankfurt. Este ano tiña moitas ganas de volver –a verdade é que nos últimos dezasete anos fun unha ducia de veces e chegou a aburrirme o xigantismo que foi adquirindo– para ver o espectáculo que montaban os nosos amigos cataláns e saber cómo vai cundido o esforzo de promoción que se está realizando con decisión a Consellaría de Cultura e da AGE. Mais foime imposible, xa que nestes días tiña programada unha intervención cirúrxica no dentista (da que estou saíndo mellor do que eu pensaba). Quedei en terra e, por riba amolado.
Ten moita razón Mayer, o máis importante de Frankfurt é o encontro cos amigos editores, moito máis que a compra ou venda de dereitos que, coas excepcións dos libros visuais, faise agora maís doadamente grazas á información e a comunicación proporcionada polos medios dixitais. As feiras internacionais do libro perderon centralidade no mercado de dereitos, mais son aínda imprescindibles para detectar as grandes tendencias da edición internacional, sexa nas tipoloxías de edición como nos procedementos de promoción editorial. Sei que aprendín moito sobre a profesión en cada unha dos Frankfurts aos que acudín, percorrendo os interminables corredores ateigados do aroma dos libros publicados en todas as linguas. Lembraba hoxe con saudade os xantares e os centos de cafés alí con Carlos Casares (encantáballe a feira), Víctor Freixanes, Xavier Senín, Pepe Puga, Damián Villalaín, Daniel Rozados, Nelson de Matos, Ramón Pernas, Emilio Pascual e tantos outros amigos de Anaya… Estou con Peter Mayer: “os libros e os amigos” no oficio de editor son as dúas cousas que realmente importan.