Agustín Fernández Paz e Xan López Domínguez, candidatos ao premio Astrid Lindgren 2008

Agustín Fernández Paz (como autor) e Xan López Domínguez (como ilustrador) serán os dous candidatos que presentará a OEPLI ao Premio Memorial Astrid Lindgren 2008, outorgado polo goberno de Suecia.
Hoxe Galix anuncia nunha nota de prensa esta extraordinaria noticia que supón o recoñecemento da excelencia internacional da nosa literatura infantil e xuvenil.

Entrevista a Álvaro Cunqueiro


Esta longa entrevista con Álvaro Cunqueiro (máis dunha hora), realizada en 1978 por TVE no seu programa A fondo, merece ser arquivada. Un documento didáctico e literario moi valioso. As marabillas da rede!

Vía Valadés.

"Os libros arden mal", premio AELG

Os libros arden mal recibiu onte o seu sétimo premio, o da AELG.
A velada de entrega destes premios, concedidos polos escritores aos seus colegas, resultou moi entrañable e moi ben levada, con enorme elegancia e moito ritmo, por Cesáreo Sánchez Iglesias e Mercedes Queixas. Beizóns para eles dous e o seu equipo.
Especialmente emocionante foron as palabras de Pepetela, que recibiu o “premio de escritor galego”. Ao remate da noite soubemos dunha noticia extraordinaria que, agardo, poidamos anunciar nos próximos días.

Etiquetas: AELG

Cuestionario Proust

Aínda que non gosto moito das cadeas, a amiga Peke convídame contestalo. Vai entón con enorme pudor:
1.- O principal trazo do meu carácter? A paciencia.
2.- A calidade que prefiro nun home? A intelixencia, a vontade e a tenrura.
3.- A calidade que prefiro nunha muller? A intelixencia, a vontade e a tenrura.
4.- O que máis aprezo nos meus amigos? A sinceridade.
5.- O meu principal defecto? A dispersión, querer facer máis do que podo.
6.- A miña ocupación favorita? Ler e escribir.
7.- O meu soño de dita? Que un dos nosos autores ou autoras reciba un premio internacional moi destacado pola súa obra literaria na nosa lingua.
8.- Cal sería a miña maior desgraza? Perder aos meus.
9.- Que quixera ser? Síntome un privilexiado por realizar o traballo de editor.
10.- Onde desexaría vivir? En Vigo, onde vivo e onde nacín.
11.- A cor que prefiro? Azul celeste.
12.- A flor que prefiro? A camelia.
13.- O paxaro que prefiro? A andoriña.
14.- Os meus autores preferidos en prosa? Ademais dos autores e autoras galegos que edito, Rafael Dieste, Carlos Casares, Anxo Rei Ballesteros, Bernardo Atxaga, Julio Cortázar, Paul Auster, McEwan, Tabucchi, Jean Echenoz, Bernhard, Vila-Matas, Eduardo Mendoza e moitos moitos máis…
15.- Os meus poetas preferidos? Federico García Lorca, Ramiro Fonte, Antonio Gamoneda, Ángel Valente…
16.- Os meus heroes de ficción? Salvo Montalbano de Camillieri e o detective Brunetti de Donna León.
17.- As miñas heroínas de ficción? Hélène Jans de Teresa Moure.
18.- Os meus compositores preferidos? J.S.Bach, Enrique X. Macías e Bod Dylan.
19.- Os meus pintores predilectos? Colmeiro, Menchu Lamas, Antón Patiño, Antón Sobral, Guillermo Monroy, Xosé Freixanes, Lázaro Enríquez…
20.- Os meus heroes da vida real? Admiro a xenerosidade dos sanitarios e de todas as persoas que se ocupan dos coidados persoais a outros seres humanos.
21.- As miñas heroínas históricas? Rosalía de Castro no seu tempo, ademais das sufraxistas e tantas mulleres anónimas que termaron de si mesmas.
22.- Os meus nomes favoritos? Fiz, María.
23.- Que detesto máis ca nada? A intrasixencia e a envexa.
24.- Que caracteres históricos desprezo máis? O de todos os ditadores.
25.- Que feito militar admiro máis? Creo que ningún.
26.- Que reforma admiro máis? A da educación e a da sanidade para todos.
27.- Que dons naturais quixera ter? Confórme cos que teño (se teño algún). Asumo as limitacións que temos.
28.- Como me gustaría morrer? Consciente e acompañado polas persoas que me queren.
29.- Estado presente do meu espírito? Esperanzado.
30.- Feitos que me inspiran máis indulxencia? Esa vanidade “tan humana”.
31.- O meu lema? “Aposta pola hipótese máis favorable en cada momento.”

Herminio Barreiro: "Sobre a recuperación da memoria histórica"

Herminio Barreiro leu este texto sobre a recuperación da memoria histórica nun acto celebrado o 25 de abril no Salón de Actos da Facutltade de Educación de Santiago. Un texto excelente que merece ser arquivado.

Dicía con moita ironía Jesús Vicente Chamorro, aquel inesquecible e revolucionario fiscal do Tribunal Supremo, que Deus é o único que sabe que é o que vai pasar no futuro. Ou seña, que Dios é o amo do futuro. Pero, pola contra, non ten ningún poder sobre o pasado. Porque o pasado xa pasou (“lo mejor del pasado es que ya pasó”, afirmaba Ortega, como quitándose un peso de encima). En cambio, os xuices, os policías e os historiadores, que non teñen ningunha certeza sobre o que vai pasar no futuro, si que poden actuar e decidir libremente sobre o pasado. Poden remexer canto queiran nese pasado. Porque iles considéranse os seus verdadeiros amos, os seus propietarios. Por iso podemos dicir que os xuíces, os policías e os historiadores, dalgunha maneira, son máis que Deus.
Aparentemente, así son as cousas. Pero, son realmente así? Pois ó mellor, realmente si son así, monarquicamente si son así, pero republicanamente poden non ser así. José Bergamín, que era un paradigma de republicano histórico, profundamente católico, paradoxal e inconformista até o límite, era famoso por moitos dos seus ditos. Por exemplo, “con los comunistas, hasta la muerte, pero ni un paso más” ou aquel outro, “los vascos son tan españoles que, precisamente por eso, quieren dejar de serlo”. Nun dos seus últimos libros, Cristal del tiempo, dicía que facer o que nos da a gana, a nosa realísima gana, é un privilexio que só se poden permitir os Reis e só de tarde en tarde o común dos cidadáns. Pero se democratizamos e universalizamos ao máximo esa gana, poderemos sustituir a realísima gana por unha gana republicana, isto é, por unha gana que poida ser posible para todas e todos nós.
Así pois, a República como modelo de Estado idóneo e a sociedade republicana como o mellor modo de vida, están hoxe plenamente internalizados no máis fondo da conciencia de todos os pobos de España. Son como o noso máis preciado inconsciente colectivo. A experiencia da Segunda República, tan breve, foi tan fonda e de tal calado que necesariamente estamos obrigados a loitar pola Terceira. Tardará máis ou menos, pero xa está irremisiblemente no horizonte. Porque, como dicía María Zambrano, rememorando aquela experiencia tan rica de 1931, “nunca estuvimos tan contentos juntos, porque nunca habíamos estado contentos y muy pocas veces juntos”.
E a estrela máis rutilante daquel vivir republicanamente foi sen dúbida o colectivo do Maxisterio. Un colectivo que brillou a moita altura. Un colectivo de mestres que eran “mestres, misioneiros e militantes”, como di nun dos seus libros o noso amigo e colega Alejandro Tiana. E fronte a iles, unha boa parte da Igrexa, con toda a xerarquía incorporada. Por iso, como dixo un día Thomas, a guerra que veu despois foi unha guerra de mestres contra curas. E ganaron os curas. Por iso pasou despois o que pasou…
E por iso hai que falar agora mesmo de recuperación da memoria histórica. As cousas non podían quedar como estaban. A manipulación do pasado debe ser desmontada. A verdade histórica debe ser restablecida. Aqueles cinco anos republicanos, do 31 ao 36, deben pesar máis, teñen que pesar moito máis que aquela guerra civil criminal do 36 ao 39 e que toda a “longa noite de pedra”, da que falara Celso Emilio.
É preciso, urxente e necesario recuperar, reparar e restituir. E todo iso pode e debe ser feito coa escrupulosidade con que traballa un arqueólogo, coa precisión dun restaurador , coa pulcritude e a sensibilidade dun artista. Que saibamos todos de todos. Que cada quen volva onde lle corresponda. Que a ilixitimidade sexa corrixida. Que se destapen todos os crimes…
Non se trata de reabrir feridas, senón xustamente de pechalas. Non se trata de facer maniqueísmo, senón de resituar as cousas. Xa non é tempo de vinganzas, senón de recuperar a memoria de todos e todas.

HERMINIO BARREIRO
Etiquetas: Herminio_Barreiro

Gonzalo Anaya, mestre da República

Xesús Alonso Montero convidoume a participar hoxe na homenaxe ao profesor Gonzalo Anaya que se realiza en Vigo con motivo da presentación do libro Gonzalo Anaya: la passió educativa. Unha enorme honra para min xa que dende hai case trinta anos, desde os meus tempos de alumno da Facultade de Pedagoxía, téñolle moita lei a don Gonzalo, un daqueles mestres da República que continúa iluminándonos coas súas luces.
Don Gonzalo Anaya, mestre de mestres, educador humanista e socrático que pensou e pensa a escola desde a escola, desque aos dezaoito anos comezou a traballar nunha pequena escoliña da provincia de Burgos, teimou por amosar o valor da educación como ferramenta de transformación da sociedade. Un compromiso humanista impagable.
Sei que a miña admiración pola figura de don Gonzalo é compartida por moitos compañeiros educadores da miña xeración Participantes nos movementos de renovación pedagóxica), que quedamos impactados, removidos, por dous dos seus libros principais: o prólogo qu preparou para a edición de Viaje por las escuelas de Galicia, o libro de Luis Bello, publicado por Akal en 1973 na colección Aeralonga (unha grande contribución á historia educativa de noso), e por Que otra escuela. Análisis para una práctica, publicado en 1979 (tamén por Akal), un volume no que reunía unha serie de intervencións nun cursiño que impartiu na IIª Escola d’ Estiu del Pais Valenciá, arredor do tema central da función social da escola. Os pedagogos e membros dos colectivos de renovación pedagóxica da miña xeración somos todos debedores daquela análise, como doutras daquel tempo de entusiasmo, anterior ao desenvolvemento da Pedagoxía Crítica que, a partir dos anos oitenta, impregnou a pedagoxía española e o proceso inacabado das súas reformas educativas. Fronte ao discurso da morte da escola, don Gonzalo propoñía unha estratexia que non perdeu vixencia: mudar a orientación da escola dende dentro, grazas á intervención e o compromiso dos docentes.
Don Gonzalo deixou en Galicia, tras vinte anos de docencia en Lugo e Compostela (entre 1953 e 1973) como catedrático de Filosofía, un ronsel de amizades e de alumnos devotos, ademais dunha intensa pegada no seu labor de promción do cineclubismo (a súa tese de doutoramento xira arredor do cine) e dun aprezable volume ensaístico, La depresión cultural gallega (publicado por Galaxia e a Fundación Penzol en 1970).
No entanto, a miña admiración por don Gonzalo, converteuse en devoción a partir do seu coñecemento directo, cando impartu na Escola de Verán de Galicia (realizada en Vigo en 1984 e á que acudía puntualmente todos os anos) un cursiño sobre as funcións sociais da educación e a análise do poder na escola. Neses días tiven a grande fortuna de manter unha longa conversa con el, que recollería na primeira entrevista que publiquei en Faro de Vigo, no mes de novembro de 1984. Repasando hoxe aquela entrevista, realizada pouco antes que don Gonzalo se xubilase da súa cátedra da Escola de Maxisterio de Valencia (logo seguiría desenvolvendo o seu labor docente como profesor emérito), reparei que recollía moitas das ideas claves do seu pensamento pedagóxico.
Na entrevista don Gonzalo debullada a reivindicación que fixo sempre dos ideais pedagóxicos da ILE e da escola Moderna de Ferrer i Guardia. Insistía na necesidade de vencellar a teoría pedagóxica coa práctica escolar e cos determinantes socio-culturais. Reivindicaba o papel do mestre. Reflexionaba sobre o paradoxo de que sexa a escola “o que menos educa”. E, sobre todo, insitía no deber de cumprir o artigo 27, punto 2 da Constitución, o que determina que “a educación terá por obxecto o pleno desenvolvemento da personalidade humna”.
Aquela conversa remataba cunha afirmación que, inmersos outra vez noutra nova reforma curricular, non perdeu unha miga de interese: “Non hai que pensar qué ensinanzas ou qué programas, senón de que xeito cumprimos a Constitución. isto hai que dicirllo a todos os educadores e, primeiro, ao ministro.”
Grazas, don Gonzalo por crer que o máis importante nun mestre é o valor da palabra. Grazas por continuar iluminándonos cos azos dun mestre da República.

Etiquetas: Gonzalo_Anaya

Cultur.gal, o anuncio

Adiantos das novidades de Moure e Regueira

Dende hoxe poden baixarse os PDF de senllos primeiros capítulos das novelas de Teresa Moure e Mario Regueira que se poñerán á venda no Culturgal. Boa lectura!

Uso obrigatorio do casco

Vía: Argallando.