Gonzalo Anaya, mestre da República

Xesús Alonso Montero convidoume a participar hoxe na homenaxe ao profesor Gonzalo Anaya que se realiza en Vigo con motivo da presentación do libro Gonzalo Anaya: la passió educativa. Unha enorme honra para min xa que dende hai case trinta anos, desde os meus tempos de alumno da Facultade de Pedagoxía, téñolle moita lei a don Gonzalo, un daqueles mestres da República que continúa iluminándonos coas súas luces.
Don Gonzalo Anaya, mestre de mestres, educador humanista e socrático que pensou e pensa a escola desde a escola, desque aos dezaoito anos comezou a traballar nunha pequena escoliña da provincia de Burgos, teimou por amosar o valor da educación como ferramenta de transformación da sociedade. Un compromiso humanista impagable.
Sei que a miña admiración pola figura de don Gonzalo é compartida por moitos compañeiros educadores da miña xeración Participantes nos movementos de renovación pedagóxica), que quedamos impactados, removidos, por dous dos seus libros principais: o prólogo qu preparou para a edición de Viaje por las escuelas de Galicia, o libro de Luis Bello, publicado por Akal en 1973 na colección Aeralonga (unha grande contribución á historia educativa de noso), e por Que otra escuela. Análisis para una práctica, publicado en 1979 (tamén por Akal), un volume no que reunía unha serie de intervencións nun cursiño que impartiu na IIª Escola d’ Estiu del Pais Valenciá, arredor do tema central da función social da escola. Os pedagogos e membros dos colectivos de renovación pedagóxica da miña xeración somos todos debedores daquela análise, como doutras daquel tempo de entusiasmo, anterior ao desenvolvemento da Pedagoxía Crítica que, a partir dos anos oitenta, impregnou a pedagoxía española e o proceso inacabado das súas reformas educativas. Fronte ao discurso da morte da escola, don Gonzalo propoñía unha estratexia que non perdeu vixencia: mudar a orientación da escola dende dentro, grazas á intervención e o compromiso dos docentes.
Don Gonzalo deixou en Galicia, tras vinte anos de docencia en Lugo e Compostela (entre 1953 e 1973) como catedrático de Filosofía, un ronsel de amizades e de alumnos devotos, ademais dunha intensa pegada no seu labor de promción do cineclubismo (a súa tese de doutoramento xira arredor do cine) e dun aprezable volume ensaístico, La depresión cultural gallega (publicado por Galaxia e a Fundación Penzol en 1970).
No entanto, a miña admiración por don Gonzalo, converteuse en devoción a partir do seu coñecemento directo, cando impartu na Escola de Verán de Galicia (realizada en Vigo en 1984 e á que acudía puntualmente todos os anos) un cursiño sobre as funcións sociais da educación e a análise do poder na escola. Neses días tiven a grande fortuna de manter unha longa conversa con el, que recollería na primeira entrevista que publiquei en Faro de Vigo, no mes de novembro de 1984. Repasando hoxe aquela entrevista, realizada pouco antes que don Gonzalo se xubilase da súa cátedra da Escola de Maxisterio de Valencia (logo seguiría desenvolvendo o seu labor docente como profesor emérito), reparei que recollía moitas das ideas claves do seu pensamento pedagóxico.
Na entrevista don Gonzalo debullada a reivindicación que fixo sempre dos ideais pedagóxicos da ILE e da escola Moderna de Ferrer i Guardia. Insistía na necesidade de vencellar a teoría pedagóxica coa práctica escolar e cos determinantes socio-culturais. Reivindicaba o papel do mestre. Reflexionaba sobre o paradoxo de que sexa a escola “o que menos educa”. E, sobre todo, insitía no deber de cumprir o artigo 27, punto 2 da Constitución, o que determina que “a educación terá por obxecto o pleno desenvolvemento da personalidade humna”.
Aquela conversa remataba cunha afirmación que, inmersos outra vez noutra nova reforma curricular, non perdeu unha miga de interese: “Non hai que pensar qué ensinanzas ou qué programas, senón de que xeito cumprimos a Constitución. isto hai que dicirllo a todos os educadores e, primeiro, ao ministro.”
Grazas, don Gonzalo por crer que o máis importante nun mestre é o valor da palabra. Grazas por continuar iluminándonos cos azos dun mestre da República.

Etiquetas: Gonzalo_Anaya