Campo do Fragoso XI

SEGUNDOS DE OURO
Ao longo desta primeira volta a bancada de Balaídos sabe que as primeiras partes do Celta noso son, xeralmente, gozosas e de excelente xogo atacante e as segundas, case sempre, tan agónicas como decepcionamente defensivas. Non foi o encontro fronte a Real Sociedad unha excepción. Comezou cun recital de control no medio do campo a cargo de Borja Oubiña (un xogador incansable que medra en confianza e soltura) e Iriney (menos atolado que noutras ocasións), que permitiu que Placente e Baiano estragasen senllos goles practicamente feitos. Minutos despois, un potente pexegazo raso de Fabián Canobbio, precedido dun caneo seco e maxistral na fronte da área donostiarra, permitiu que os de Vázquez se adiantasen no marcador. Nesa acción xenial e marabillosa do uruguaio estivo o miolo dunha vitoria, tan merecida como sufrida na media hora final, que volve colocar aos celestes na loita polas posicións europeas. Johán Cruyff dixo que naquel Barsa do “dream team” quería xogadores que puidesen facer movementos decisivos en espazos pequenos, deportistas que traballasen o menos posible para aforrar enerxía de cara a esa acción decisiva. Non hai dúbida que Fabián Canobbio, que nos ten afeitos tanto a alustros de xogo marabilloso como a longas páxaras e ausencias no xogo, é desa clase tan escasa de xogadores artistas (Mostovoi foi o último do que gozamos no Celta) que lle prestan tanto a Cruyff. Paga a pena acudir a Balaídos para presenciar o milagre deses segundos de ouro con que nos pode agasallar.

Lingua de proximidade

No artigo da semana reflexiono sobre a necesidade de que os poderes públicos impulsen máis decididamente unha nova política lingüística.

Fotobiografía sonora de Manuel María

Entre as novidades de libros audiovisuais galegos do pasado Nadal (afortunadamente houbo unha boa colleita) destaca a fotobiografía sonora de Manuel María. Os amigos de Ouvirmos, de quen admiramos o traballo de recuperación de gravacións históricas, crearon unha nova modalidade de fotobiografía de coidado deseño, na que se ofrece, xunto a un amplo e significativo percorrido fotográfico e biográfico, dúas gravacións desas indispensables: a primeira, unha selección de dezanove poemas do Manuel na súa propia voz; a segunda, unha antoloxía de dezasete cancións sobre seus textos, a cargo de Fuxan os Ventos, A Quenlla, Suso Vaamonde ou María Manuela, entre outros. Recoméndoa, sobre todo para súa utilización educativa. Sei que xa están a preparar un volume semellante de Celso Emilio. Outra tipoloxía de edición que amosa o pulo do noso sector.

O 2005 en blogs

Aínda que sei que non hai que abusar do metablogueo, non me resisto a enlazar a lúcida análise do ano que realiza o mestre Pawley, a quen tanto admiro. Eu só lle engadiría unha referencia ao enorme traballo de Juan, un referente de xornalismo na rede comprometido e infatigable.

As virtudes dun libro

Enlazo unha cita marabillosa de Paul Valery sobre as virtudes dun libro. Si señor, un bo libro é unha máquina perfecta de ler, cuxas condicións son definibles con bastante exactitude polas leis e métodos da óptica fisiolóxica; e, ao mesmo tempo, un obxecto de arte, unha cousa, mais coa súa personalidade, unha que leva marcas dun pensamento particular que suxire o noble propósito dunha orde afortunada e voluntaria.

Obrigado Catuxa, por rescatarnos este texto magnífico e a fermosa ilustración de Bascove que o acompaña (recomendo visitar a súas ilustracións sobre a lectura).

Campo do Fragoso X

DEVALO
Nin os bos propósitos do ano novo, nin a presenza máxica dos tres magos e a alegría contaxiosa dos ranchos de reis sobre o terreo, nin a intensidade competitiva que se presupón aos partidos de Copa, nin os numerosos cambios no once habitual (case medio equipo novo), nin sequera as modificacións do esquema táctico vazquiano (xogou con dous dianteiros) foron onte capaces de parar o devalo no que caeu o Celta nos dous últimos meses. Como é adoito, o encontro comezou de forma esperanzadora: os celestes ordenados e moi disciplinados en defensa controlaban con autoridade o centro do campo, agardando que a velocidade de Perera e os caneos e pases interiores de Canobbio permitisen gañarlle as costas á defensa bética. Abondaron vinte minutos desa estratexia ofensiva para adiantarse no marcador e outros tantos para, cun pouco de fortuna no remate, ter unha cómoda vantaxe para asegurar a eliminatoria. Porén, e como tamén é adoito, tras a rigorosa expulsión de José Enrique, e faltando media hora para o remate do encontro, os de Vázquez viñéronse abaixo de forma estrepitosa e agasallaron totalmente o control do xogo a un Betis moi frouxo. Un preciso cabezazo de Lequi en propia meta e o protagonismo innecesario de Megia Dávila, que sacou de quicio coas súas arbitrariedades á bancada e o banco galegos, foron as inevitables consecuencias da impotencia céltica e da súa estratexia meduliana e acomplexada. É decepcionante que este Celta de inverno sexa totalmente incapaz de repoñerse das adversidades e avatares do xogo. Cómpre parar o devalo canto antes.

Benvido, Rinoceronte

Apareceron os primeiros libros de Rinoceronte, a nova editora galega especializada en traducións. O catálogo é moi prometedor e ambicioso, o deseño das capas e da propia web é moi sobrio e a nómina de tradutores de grande calidade. Deséxolles moita sorte a Moisés e Penélope en tan arriscado proxecto editorial, xa que os custos das traducións e o pagamento dos adiantos é moi elevado para as nosas cativas tiradas. O camiño da especialización e a venda directa na rede semellan estratexias viables para estes novos proxectos que enriquecen o noso panorama editorial. Longa andadura para o Rinoceronte!!!

Actualización (08-01-2006): entrevista a Moisés R. Barcia e María Yáñez.

Primeiro aniversario

Hoxe estas brétemas chegan ao seu primeiro aniversario. Empeceinas, case ao mesmo tempo que o meu amigo jaureguizar, coa inxenuidade de quen descoñece que esta escrita comunitaria na rede ía crearnos certa adicción, moitas satisfaccións e pequenos disgustos. Confeso que me mudaron a vida. Grazas a elas aprendín a moreas da xente marabillosa do blogmillo e das pequenas comunidades de persoas participantes na rede da conspiración dos libros libres. A todas elas, beizóns!

Entre os 540 posts publicados prestáronme, por moi diversas razóns, esta ducia (un de cada mes):

Estas brétemas pretenden seguir este segundo ano co mesmo empeño de esperanza que as viu nacer.

Profissoes do livro

Rogerio recomenda Profissoes do livro, un volume cunha aparencia interesantísima, de Jorge Manuel Martins, que analiza o papel dos mediadores da industria editorial.

Primeiro orixinal de 2006

Moito piaron por el os comentaristas do Cabaret con motivo do seu aniversario. Esta mañán entregou moi cediño o seu novo libro: un único parágrafo de 34.942 palabras, 204.124 cce, que alzan xa 128 páxinas perfectamente maquetadas. É o primeiro orixinal deste 2006. Lino dunha sentada: magnífico, magnífico…!!!