Fotobiografía sonora de Manuel María

Entre as novidades de libros audiovisuais galegos do pasado Nadal (afortunadamente houbo unha boa colleita) destaca a fotobiografía sonora de Manuel María. Os amigos de Ouvirmos, de quen admiramos o traballo de recuperación de gravacións históricas, crearon unha nova modalidade de fotobiografía de coidado deseño, na que se ofrece, xunto a un amplo e significativo percorrido fotográfico e biográfico, dúas gravacións desas indispensables: a primeira, unha selección de dezanove poemas do Manuel na súa propia voz; a segunda, unha antoloxía de dezasete cancións sobre seus textos, a cargo de Fuxan os Ventos, A Quenlla, Suso Vaamonde ou María Manuela, entre outros. Recoméndoa, sobre todo para súa utilización educativa. Sei que xa están a preparar un volume semellante de Celso Emilio. Outra tipoloxía de edición que amosa o pulo do noso sector.