"Cullerón" de John Berger

CULLERÓN

Peltre cheo de picadelas
a lúa do cullerón
erguéndose sobre a estivada
mergullándose na pota
servindo a xeracións e xeracións
fumegando
dragando o que agromou das sementes
na horta
espesado con pataca
sobrevivíndonos a todos
no ceo de madeira
da parede da cociña

Nai servicial
que co fumeante peito de peltre
veado polos sales
alimentou os seus fillos
esfameados coma xabaríns
coa terra do serán
engastallada nas unllas
e o pan irmao
nai servicial

Cullerón
bota no prato
o ceo fumeante
co sol cenoria
as estrelas de sal
e a graxa da porca terra
cullerón
bota no prato
o ceo fumegante
bota caldo prós nosos días
bota sono prá noite
bota anos prós meus fillos

(John Berger, poema extraído de Porca terra. Tradución: Xoán Abeleira)

Etiquetas: , ,

Cifras do estado da edición nos EE.UU

Os inquedos blogueiros do Extratexto (un dos mellores espazos sobre edición internacional que coñezo) proporcionan hoxe algunhas cifras ben curiosas sobre o estado da edición nos EE.UU. Paga a pena debullar estes datos para identificar tendencias sobre o futuro da edición. Copio algúns dos máis salientables e chocantes:
  • O 78% dos livros publicados vieram de pequenos e microeditores que habitualmente trabalham 50 horas semanais sem direito a férias ou segurança social.
  • As primeiras tiragens são, em média, de 5.000 exemplares (cuja venda total é, em obras de ficção, considerada um sucesso, 7.500 de vendas para não ficção).
  • Os preços dos livros têm subido nos últimos anos, em valores variáveis de 2 a 20%, custando em média entre $30 a $40 (€23,5 a €31).
  • Dos 15 000 estabelecimentos de venda de livros, 8 000 são livrarias e 3 000 delas são livrarias de especialidade.
  • O 40% das compras de livros são por impulso.
  • A venda de livros online já ultrapassa os 10% do total de livros vendidos.
  • De 10 000 livros infantis escritos, 3 são publicados…
  • O 47% das pessoas compram livros baratos ou usados (de €0,75 a €6).
En comparación cos nosos, quizais os datos máis espectaculares sexan as tiraxes medias (nós en galego non acadamos en 2004 os 1.500) e os prezos entre (€12 e €18). Mellor non falar do 10% de compras en Internet (non acadamos nin sequera o 1%). Porén, semella moito máis doado publicar aquí, especialmente libros infantís. Quen goste de comparar máis estatísticas da industria estadounidense do libro aquí ten onde pasar o rato.
Etiquetas: ,

Resaca das letras

Mañá nova Resaca das letras. A iniciativa é ben aquelada. Mágoa que non poida acudir.

Etiquetas; ,

Espérame

Onte o título da última novela de Perozo foi premonitorio: chegamos unha hora e media tarde ao Dadó Dadá; en dezaseis anos de profesión, nunca me sucedera tal contratempo, vaia vergonza!
Nunha tarde completísima, na que a editorial organizou cinco actos (xa un disparate que non sei como atallar), ás sete acompañei a Agustín en Lugo nunha das sesións con mediadores de “como se fixo” Corredores de sombra (unha experiencia piloto desenvolvida de forma privada ao longo deste mes que, cando remate, merecerá un longo comentario polo seu interese); a sesión alongouse coa vivísima participación e interese dos asistentes, razón pola que saímos da muralla cando comezaba a presión compostelana. Conducir con esa desacougo durante hora e cuarto foi moito máis estresante que escoitar a Dorotea Bárcena ler varios dos monólogos de Lola de Couzadoiro, a Franquín trompetear varios boleros e o autor e Ana Iglesias conversar vagorosamente sobre a obra. Cando chegamos apenas puidemos desculparnos e agradecer a paciencia do centenar longo de persoas que ateigaban o local. A atmosfera do Dadó, un auténtico clásico, acáelle moi ben a esta enguedellante autobiografía dunha cabareteira que deita un regusto de áceda memoria. Recoméndoa, non o puiden facer onte como tiña preparado, a pesar de que esperaron por min. As miñas desculpas, os editores somos fantasmas mais non temos o don da ubicuidade

Etiquetas: , ,

Máis sobre as presentacións de "Home sen nome"

Agradecémoslle moito a Fernando Garrido a crónica e o vídeo sobre a presentación diante de trinta bloggers da edición española de Home sen nome (xa está dende onte nas librarías). O acto tivo unha repercusión enorme na blogosfera española, o que supón unha grande orgullo para nós. Entre as moitas crónicas publicadas (ata agora cóntanse dezasete) recomendo visitar algunhas das que me pareceron máis valiosas:

A aparición desta última novela de Suso (a edición catalana de Bromera xa está dispoñible, tamén, cunha portada preciosa) amosa a necesidade de que os editores renovemos as nosas formas de promoción e de procura de visibilidade. Agora, non está de máis, desvelar que a primeira presentación da novela realizámola hai máis dun mes de forma privada e discreta nun xantar de autor con vinte libreiros galegos.

Xa tiñamos a idea de organizar un encontro de blogueiros galegos con Suso (como propón Vieiros) no mes de xuño ou unha conversa en liña, ou ambas as dúas cousas. Algúen se apunta?

O cidadán do mes

Hoxe teremos dúas presentacións en Ourense: O cidadán do mes no Auriense e Carrilanos no Carballiño. A trepidante novela de Diego Ameixeiras é a segunda entrega da serie protagonizada por Horacio Dopico, un detective pouco moderado que considera que os homes que non levan patillas longas nunca lle parecen de fiar. Nesta quincena tamén a presentaremos na Coruña e en Compostela. Estades convidados.

Praza das letras

Coñezo grazas a Vieiros e de forma sorpresiva a aparición do primeiro número de Praza das letras, revista en papel de promoción do libro e a lectura que edita a Consellaría de Cultura. O deseño é magnífico e os contidos moi interesantes e coidados (repasándoa dinme conta que somos os editores de case todos os libros en galego sobre literatura e fútbol, madia leva!). Agardamos que o proxecto do portal web do libro galego, coa mesma denominación, sexa unha realidade proximamente. Benvidas todas as iniciativas que axuden a visibilizar o libro galego. Beizóns.

17 de maio blog

Hoxe, día de Internet e día internacional contra o homofobia, tamén é día das letras (a pesar que as librarías estean pechadas). Hoxe hai un bo monllo de reflexións no blogomillo. Abusando do metablogueo (perdón ascárida) aí van as que máis me interesaron:

  1. As uvas na solaina (En defensa do día das letras)
  2. Cabaseira (O estado da lingua, grazas pola ilustración)
  3. Galicia confidencial (a pelexa lingüística)
  4. La muralla (un libro, un toxo)
  5. Soños de Delft (Feliz día do libro e do toxo)
  6. Ámote moito (Pescudar o sentido primixenio das palabras…).
Beizóns merecen as iniciativas de La Voz (por fin en galego), a dos podcasts de Vieiros (cada vez máis completiño e máis saboroso), e o discurso valente e reivindicativo do presidente da Academia. Chegada esta xornada sempre teño a sensación melancólica que temos moitas máis posibilidades das que apuramos ao longo do resto do ano. Quedémonos, pois, con este entusiasmo de hoxe.
Etiquetas: , , Galicia