Tostado de Costeira

Onte á noite para celebrar a visita do noso curmán brasileiro abrimos a botella de Tostado de Costeira. Unha auténtica marabilla esta recuperación do famoso tostado do Ribeiro (apenas 2.950 botellas numeradas, ollo: 35 euros)!

Recollo a fermosa nota de cata (un xénero descritivo admirable e dificilísimo) do amigo Luís Paadín, o coordinador da nosa Guía de Viños, publicada en Galicia gastronómica:

Límpido e brillante, cor amarela dourada, que lembra o mel multifloral. Intensos e complexos aromas, onde se entremesturan as lembranzas da uva e da crianza, asomos florais (mimosas, azar), nítidas lembranzas de froitos secos (cacao, abelás, noces, améndoas), notas de froitas confeitadas (laranxa, orellóns, uva moscatel), ceras, meles, etc.. Larpeiro, na boca, a sensación melosa da entrada é compensada cun fresco acedume, inundándoa de aromas que, aínda unha vez bebido o néctar, perduran na lembranza. Perfecta harmonía de calidez, dozura e acedume.

Que máis se pode pedir? Beizóns para o noso primeiro tostado! Un viño doce para gozar dos grandes momentos.


Unha lei de prezo fixo?

Está é a prometida lei do prezo fixo do libro (un compromiso electoral de Zapatero)? Interesantísimas reflexións de Barandiarán sobre os contidos do proxecto de lei, ás que pouco hai que engadir.
Podemos denominar de prezo fixo unha lei que establece liberalizacións para o libro de texto (incluído o universitario ?) e moitas outras excepcións que poden afectar a case a metade das vendas do sector? Os descontos libres do libro de texto como van afectar á gratuidade? Ata onde van chegar os descontos que as grandes superficies agora poderán chegar a facer? Como vai afectar esa competencia aos libreiros de cultura? U-la excepcionalidade cultural da que fala a ministra? A verdade é que aínda non entendo moito as sutilezas das posicións expresadas polos presidentes de Anele e da Confederación de Libreiros en base a unhas supostas compensacións que o Goberno realizaría ao sector profesional do libro. En que quedamos: esta nova lei do libro defende o prezo fixo ou os descontos variables?
Porén, creo que é importante o avance na definición do libro e o esforzo de dotación e renovación bibliotecaria comprometido. Agardamos que a Lei do Libro e Lectura galega, que xa ía nesa mesma dirección de profundización no papel da biblioteca, non adíe moito o seu trámite parlamentario. Sería unha mágoa que fose aprobada despois da estatal xa que a actual situación de “impasse” (xa son dous anos os que andamos nesa lideira) está sendo moi incómoda e desacougante para o sector galego da edición privada.

Actualización (04-11-2006): Hoxe apareceron numerosas opinións sobre a Lei.

Etiquetas:

Barbantia

O traballo do editor permíteme viaxar moito polo país sexa para presentar as nosas novidades ou sexa para contactar con autores ou colectivos que nos poidan achegar novos contidos. Unha experiencia que me permite ir coñecendo o tecido asociativo do eido cultural e literario, moito máis dinámico do que, xeralmente, se reflicte nos medios impresos e moito máis valioso do que, tamén xeralmente, recoñecen as diversas administracións (sexan as municipais ou a Consellaría de Cultura). Hoxe a promoción da cultura galega, fundamentalmente nas vilas e comarcas, non se pode concibir sen contar co traballo voluntario e xeneroso dos membros das asociacións culturais, ateneos e liceos recreativos (algúns animadísimos na súa actividade galeguista como os de Ourense ou do Saviñao).
Entre as asociacións culturais máis dinámicas que coñezo Barbantia é un dos casos máis destacados. Este grupo de amigos e animadores culturais de toda a comarca do Barbanza organizan conferencias, presentacións de libros, debates; promoven unha liña coidadísima de investigacións e de publicacións (libros e un formidable anuario de estudos), ademais dun mensuario en colaboración coa edición comarcal de La Voz de Galicia e un espazo de intercambio electrónico. O esforzo dos membros de Barbantia, como o doutros colectivos culturais do voluntariado, debe ser apoiado con maior xenerosidade e agarimo pola actual Consellaría de Cultura. Iso é o que vimos agardando dende que se produciu a alternancia no Goberno.

Etiquetas:

País dos mil viños

Levo estes días moi mergullado na edición da Guía dos Viños, Augardentes e Bodegas de Galicia 2006-2007 (máis de catro centas páxinas) da Asociación de Sumilleres Gallaecia e que pretendemos presentar coincidindo coa celebración na Coruña do Salón dos Viños e Augardentes de Galicia a finais deste mes de novembro. A verdade que este é un libro fermoso, sobre todo por esa textualidade descritiva que conforman máis de catrocentos notas de cata dunha boa parte da produción vitivinícola galega de 2005. Esta guía, que sacamos por segunda vez, é unha formidable viaxe por Galicia a través dos seus mil viños (ademais duns centos de destilados) e das súas cinco Denominacións de Orixe.

Nas ribeiras onde converxen o Sil e o Miño aparecen de forma case milagreira os nosos viños graníticos, mais lixeiros de corpo, da Ribeira Sacra, procedentes do cultivo “heroico” (sobre socalcos ou “pataos”) das variedades de godello ou mencía. Na conca do Sil, nas terras de Valdeorras, por onde pasaron noutrora as lexións romanas, ofrécense ao viaxeiro as paisaxes das plantacións de godello e mencía, que conformarán viños monovarietais plenos, elegantes, posuídos por intensos arrecendos froiteiros. No val de Monterrei, nas abas regadas polo río Támega, cultívanse as variedades verdello, dona branca e treixadura para os seus brancos e mencía,merenzao e araúxa para os seus harmoniosos tintos de intensa cor morada. Mais os viños toman o nome de “ribeiros”, cando nacen nas beiras do Miño, do Avia e do Arnoia, onde os brancos novos plurivarietais confórmanse coa mestura da treixadura, torrontés ou do loureiro, e os tintos coas de sousón, brancellao ou caíño. Xa nos vales oceánicos do Salnés, do Rosal (á beira, outra volta do pai Miño), do Condado do río Tea ou do Ulla aparecen para a conmovedora contemplación do espectador as terras do albariño (para Cunqueiro “o príncipe dos nosos viños”) ou as fragrancias dos arrecendos das castes loureira, treixadura ou do caíño branco.

Cada unha destas paisaxes, cada un destes microclimas produce, sobre a base de case sesenta clases de uva diferentes, a festa inigualable de cores, arrecendos e sabores dos viños galegos. Por que non podemos falar con propiedade dun “viño galego”, aquí existe unha diversidade complexa de viños, singularidade e diferenza que é, como case sempre sucede en Galicia, a nosa maior riqueza. Asumir como valor esta diversidade, ao tempo que a necesidade de modernizar o proceso de elaboración, presentación e comercialización dos viños foron as dúas claves da auténtica reconversión (revolución, tamén) que, dende hai dúas décadas, se foi producindo na viticultura galega. Os viños nosos recuperaron así a calidade perdida, gañaron prestixio e valor engadido (boa parte constitúen xa un elegante produto de deseño, transformandos nunha auténtica creación cultural) sobre todo entre nós mesmos (case o oitenta por cento do seu mercado é interno, un exercicio de autoestima e patriotismo vitícola sen precedentes noutros eidos). O do viño converteuse así nun sector punteiro e estratéxico de indubidable importancia económica xa que hoxe supón o 10% da produción agraria galega, ocupa a máis de dúas centas mil persoas e as catro centas bodegas, agrupadas en cinco denominacións de orixe, ofrecen máis de sete centas marcas comerciais. Un bo traballo o realizado polos colleiteiros e bodegueiros galegos!

A pesar do moito camiño recuperado, os viños galegos precisan agora dun esforzo colectivo (eis o sentido da edición desta Guía e da celebración deste Salón) e dunha verdadeira estratexia de país para a súa divulgación e promoción no exterior. Velaí a asignatura pendente, a tarefa de futuro para que o elixir de ouro que mellor destila o país dos mil ríos sexa compartido e gozado por cidadáns do mundo enteiro. Saúde!

Etiquetas: ,

O tesouro da lagoa de Reid 'Is

O pasado venres comezamos as presentacións dos Premios Xerais 2006. Fomos a Noia a acompañar a Agustín Agra, autor d’ O tesouro da Lagoa de Reid ‘Is, a novela gañadora do Premio Merlín 2006.
A presentación, organizada coa colaboración de Barbantia (unha asociación cultural inquedísima da que realizaremos un comentario do seu traballo en vindeiros días), constituíu un éxito rotundo de público. O libro foi glosado con moito pulo por Ramón Carredano, gañador da edición anterior e noiés, tamén, como Agra, que sinalou moi acertadamente o carácter fantástico e os moitos logros literarios do relato.
A intervención do autor tivo moita miga, tanto cando desvelou as razóns e o nome das persoas que o levaron a comezar a escrita hai uns anos, como cando expresou (coincidindo co que adiantara Carredano) a súa opinión de que a actual literatura infantil galega precisa de menos didactismo e menos “contidos transversais”. Os nosos lectores novos precisan “un pouco máis de sangue e de substancia ao xeito dos relatos clásicos que limos nós de pequenos” indicou cando rematou a súa fermosa intervención.
A obra gañadora do Merlín deste ano asume sen complexos esta perspectiva, xa que se trata dunha novela, moi ben traballada literariamente, que supón a volta do fantástico e da natureza para a nosa LIX. A oralidade encarnada na figura dun avó; os perigos e misterios dunha cidade asolagada; cofres repletos de ouro, alfaias e outras marabillas; feroces urcos sedentos de sangue que custodian o grandioso pazo do rei son algúns dos elementos temáticos dun relato de estrutura clásica escrito sobre a tea dun imaxinario popular e mítico, con influenzas da materia de Bretaña.
Agustín Agra, gañador do Pedrón de Ouro de hai dous anos e primeiro accésit do mesmo premio o pasado ano (textos que serán publicados nos vindeiros meses) estréase, pois, cunha obra de percorrido. Un novo autor que promete moito.

Etiquetas: ,