Viascon, o vídeo do ano

Vias demostrou este ano que é un artista excepcional. Sei que prepara un disco en solitario. O mellor do mestre está por chegar no vindeiro 2007.

Suspensión do proceso

A suspensión do proceso de paz anunciada polo presidente, tras o gravísimo atentado da T4, é unha decisión coherente co mandato parlamentario de iniciar un diálogo con ETA só en ausencia de violencia. A inevitable suspensión do proceso, rebentado pola vontade dos terroristas, non debería supoñer, a pesar da raiba e impotencia provocados polo atentado, unha renuncia dos demócratas a seguir intentando atopar unha solución a tan doloroso conflito. Como sinala Juan Varela a fin deste algo fogo permanente non debería ser a fin da procura da paz. Por difícil que pareza, non é este o momento de baixar os brazos nin deixarse vencer pola desolación.
O fracaso deste proceso (no que se comprometeron todas as forzas políticas, coa excepción, seguramente interesada, do PP) foise evidenciando dende hai meses pola aparición da kale borroka, da extorsión e, agora, polo brutal atentado. Fracaso do que se poderían tirar algunhas conclusións para o futuro:
1. A inexistencia de interlocutores fiables tanto dentro da organización terrorista (o atentado amosa que a comunicación que se mantivo con “responsables” de ETA non o era) como, e non é menos importante, do seu entorno político. As patéticas declaracións de Otegi amosan que nin el nin a súa organización poden ser considerados como auténticos interlocutores políticos, apenas uns voceiros da organización armada. Sen esta interlocución ao máximo nivel e sen a vontade acreditada de rexeitar a violencia por parte de Batasuna é imposible reanudar proceso ningún.
2. Non hai posibilidades nin garantías de éxito para un proceso rexeitado polo principal partido da oposición. Entendo que o maior erro de cálculo de Zapatero foi minusvalorar a negativa a participar no proceso do PP (que agora, a apupado polo seu entorno mediático, tratará de tirar réditos da súa profecía cumprida). Se houbese posibilidades de reanudalo, para o que se requeriría un cese permanente e acreditado da violencia, sería unha condición indispensable incorporar ao PP no acordo do resto dos partidos democráticos (o que semella moi difícil que se produza no que queda de lexislatura).
3. Aínda que para algúns sexa moi duro admitilo, o único punto final para o terrorismo etarra pasa pola negociación. Corenta anos demostran que non existe posibilidade ningunha de acabar de forma definitiva con ETA por medios exclusivamente policiais. A paz haberá que acadala con medidas políticas e coa vontade e unidade de todos os demócratas para facela posible.
4. A maioría abrumadora da sociedade vasca (e, por suposto, do resto das comunidades españolas) rexeita frontalmente a violencia e anhela esperanzada a paz. Esta determinación é a que levou ao Presidente a sobrevalorar as posibilidades de éxito do proceso. Un exceso de confianza que no futuro, se volve presentarse a oportunidade, haberá que evitar. Todas as cautelas serán poucas.

A forza da palabra

No artigo da semana recomendo a visita á exposición instalada na Fundación Caixa Galicia con motivo do centenario da Academia Galega. Sería magnífico que se puideron ler na rede máis contidos (sobre todo as imaxes) desta mostra memorable.

Océano Sobral

Antón Sobral é o noso vixía do mar. Moi poucos pintores posúen a precisión da súa mirada sobre o horizonte mariño, apenas unha liña finxida onde as xerfas das ondas debuxan o seu antollo océanos. Nas súas mariñas sen referencias non hai nostalxia nin dramatismo por que as ardentías arrecenden o sabor salgado das gamas dos azuis. Volve a pintura de tenra fondura, a comuñón do ser humano co seu amigo o mar.

Feliz 2007!


Súmome a estes fermosos parabéns (Vía Manolo Gago).

A pesar do mazazo que nos ten sobrecollidos, no vindeiro ano temos a obriga moral de confiar na esperanza e participar na difícil construción da paz. Os meus mellores desexos para todos e todas.

Galiza-Ecuador

Paga a pena este resumo de cinco minutos. Ademais dos goles e dunhas cantas boas xogadas, cómpre reparar no instante dos agarimos de Fernando a Arsenio.

Futbolistas emigrantes

O segundo encontro da selección foi, loxicamente, un chisco menos emotivo que o do debut do pasado ano, aínda que a nivel estritamente de xogo resultou moito máis rico e interesante. O combinado galego, a pesar de non poder contar con algunhas das súas estrelas (Oubiña, Aspas, Salgado ou Cabanas), empurrou cunha calidade e afouteza sorprendentes. Moi ben amparado dende a porta por un segurísimo Diego López e dende o medio da defensa por Rubén (o compostelán fixo un partido espectacular, tanto no corte como nos desprazamentos longos da pelota ao xeito inglés), durante a primeira parte o Mago Viqueira adonouse do medio do campo distribuíndo coa fineza dun artesán; mágoa que as oportunidades, que chegaron de varios centros de Trashorras, non puideran ser aproveitadas (indubidablemente, fáltanos remate). Na segunda, a pesar do gol ecuatoriano (o lanzamento da falta foi espléndido), a entrada do xove Jonathan Pereira (hoxe no Villareal, mais procedente da canteira viguesa do Santa Mariña de Cabral e do propio Celta) e de Diego Castro revolucionaron o partido coa súa capacidade de desborde e caneo. Froito dunha das súas sociedades chegou o merecido gol galego que restablecía o equilibrio dun encontro emocionante e intenso. Cando saímos de Riazor, a maioría dos seareiros non estabamos satisfeitos só polo feito de ter gozado e cantado no noso segundo amigable, se non, e isto é aínda máis importante, por ter comprobado sobre o terreo as moitas posibilidades que atesoura esta nova xeración de valiosos futbolistas galegos, a maior parte emigrantes. Que fan o Celta e o Depor que non tratan de reintegrar para o país a toda esta xente? Que lle ten que envexar Rubén a Tamas ou Jonathan Pereira a Núñez ou Nené? Acaso Viqueira non dirixiría con máis criterio e eficacia ca o están facendo os actuais medio centros do Deportivo? Mouriño e Lendoiro (ou os seus responsables técnicos) deberían tomar boa nota de todos estes nomes. Onte o fútbol –ese deporte que sempre semella representar máis que un xogo con pelota– amosouse, outra vez máis, como espello do imaxinario e do real da sociedade. Galicia segue a producir emigrantes.

Iniciativa Man de Camelle

Oportunísima a páxina de hoxe de La Voz de Galicia recordando o cuarto aniversario do falecemento de Man de Camelle. É inxustificable o esquezo por parte das institucións públicas galegas (dende a Consellaría de Cultura, a Deputación da Coruña ata o propio concello de Camariñas) dunha figura que simbolizou, como poucas, a comunión do home co mar e a coherencia radical dunha persoa coa súa conciencia. Poñer en valor o legado artístico do seu Museo, como reivindica Xoán Abeleira no seu libro e como esixen os milleiros de asinantes da Iniciativa Man de Camelle, é un acto de estrita xustiza e de autoestima da sociedade galega que se mobilizou contra o chapapote. Man merece non ser esquecido.

Etiquetas: ,

O Vigo da movida

Os moitos que non puideron acompañar a Siniestro hoxe nos Salesianos poden consolarse con este vídeo sobre aquel Vigo da movida.
Etiquetas:

Balance dun ano cultural

Nestes derradeiros días do ano, os medios adoitan facer reportaxes de balance do ano. Esta tarde chamoume unha xornalista para solicitar a miña opinión sobre o balance cultural galego de 2006. Sinaleille como os tres feitos, para min, máis significativos do ano os seguintes: 1º, o fenómeno dos blogs e, en xeral, a expansión de Internet na nosa lingua (hoxe, por exemplo, Vieiros colga en portada o seu primeiro vídeo, anunciando os cambios e melloras que está preparando); 2º, a aparición de importantes novidades literarias, tanto de autores moi recoñecidos como de membros do que podemos chamar “Xeración agromante” (roubándolle o sintagma a Belén Regueira), feito que amosa que a literatura galega ten futuro de seu nas vindeiras décadas; 3º, a incipiente apertura da cultura galega ao mercado internacional, especialmente nos eidos da música e da literatura (tanto polo comezo dunha presenza normalizada de traducións como de autores e autoras galegos noutras linguas).
Interrogado sobre as exposicións máis salientables do ano contestei que foran varias as que me interesaran moito: a do centenario da RAG, a organizada pola Consellaría de Cultura con motivo do Ano da Memoria e Urbanitas do Marco.
Por último, expresei como o meu maior desexo para o vindeiro ano no eido cultural a posta en marcha da revolución lectora prevista tras a aprobación recente da Lei do Libro e da Lectura de Galicia.
Son consciente que quedaron foron moitas outras importantes cuestións desta ano cultural, dende a decisión anunciada hoxe sobre a Cidade da Cultura, pasando pola nosa indixencia bibliotecaria, ata as dificultades de consolidación da nosa industria cultural. Como é adoito preferín salientar nestas declaracións os feitos que entendo máis positivos (o que non quere dicir que non sexa consciente da existencia de moitas decepcións e insuficiencias no noso tecido cultural), quizais influído por aquilo que escribiu Borges: “a súa memoria era un precioso museo de literatura. Gostaba de gabar…”. Hai tempo que optei por asumir este principio e compartir cos demais os goces que a literatura, a música ou as artes nos van proporcionando.

Actualización (31-12-2006): A reportaxe de Faro de Vigo.

Etiquetas: ,