Máis sobre o préstamo

Nos últimos días preferín non abondar en noticias e reflexións sobre a implantación da modalidade de préstamo. Mañá, editores e a directiva da Federación de libreiros teremos unha reunión conxunta de traballo e, logo, pola tarde participaremos na primeira reunión do Grupo de Traballo convocado pola Consellaría de Industria. Os editores non temos, ata o momento, noticia da nosa solicitude de entrevista co presidente da Xunta, nin fomos convocados a reunión ningunha cos responsables da Consellaría de Educación. Velaí outras informacións moi recentes que axudan a comprender o estado da cuestión:

Moción de censura en Vigo?

Sorprendeume hoxe moito esta información confidencial. Ogallá! Tal como van as cousas, eu tiña desbotada esta posibilidade.

Editoriais en Internet

Txetxu sempre atento ás novidades dá conta da aparición dunha editora (Literaturas con libros) que venderá só por Internet. Tres son os principios da nova editorial: calidade, independencia e coherencia. Máis sólido pareceume sempre o veterano proxecto de Minotauro digital, onde, ademais de incluír información, críticas e textos valiosos, poden descargarse, tamén, algúns libros electrónicos.

Ponte nas Ondas: magnífica noticia

Magnífica noticia a do apoio da Consellaría de Cultura á candidatura de Ponte nas Ondas. Un pasiño máis para a declaración por parte da Unesco do Patrimonio Inmaterial galego-portugués como obras do Patrimonio Inmaterial da Humanidade. Esta experiencia de docentes miñotos galego-portugueses está converténdose en referencia do traballo educativo e cultural que se pode realizar nos nosos centros educativos públicos. Beizóns para eles!!!

Profesora de relixión despedida

En Italia haiche moito rebumbio por esta noticia, da que fala, tamén, a edición internacional de CNN.

Inicio do curso


Como todos os anos, na xornada de inicio de curso teño saudades dos meus anos na escola infantil. Enfrontarme por vez primeira aos novos picariños, con toda a súa vida ás costas (desde os seus medos ao descoñecido á súa valentía para conquistar a autonomía de valerse), foi sempre unha das experiencias que me marcaron.
Na interacción da escola todos os mestres aprendemos dos nenos e todos –a pesar do desgaste emocional deste traballo e das lideiras imprevisibles que poden aparecer cos pequenos– saímos máis humanos.
Hai vinte e dous anos aprendín de Natalia, unha cativa do Budiño, filla dun mariñeiro embarcado no Gran Sole, unha frase que anotei no caderno de textos libres (unha bitácora que gardo como unha alfaia) e que dende entón nunca esquecín:
Manolo, sabes?: no mar tamén pode chover.
Esta manifestación tan contundente do pensamento animista infantil, explicaba (mellor que calquera manual de Psicopedagoxía dos que estudabamos na facultade) proceso tan complexo como é a consideración da aprendizaxe como construción individual do coñecemento. Débolle ao texto oral de Natalia (hoxe unha muller de vinte seis anos, que non coñezo) comprender que aprendemos cando descubrimos un concepto que desfai o noso coñecemento pretérito. Velaí o papel insubstituíble da escola primeira, que hoxe comezou, para abrir e pechar os conceptos inclusores do coñecemento futuro.
Ten moita razón o Presidente cando afirma que “o futuro de Galicia se xoga cada día en cada centro educativo“. No investimento que os poderes públicos fagan na educación infantil e primaria (na formación e na mellora das condicións de traballo dos docentes, mais tamén, nos espazos e recursos de aprendizaxe, como nos servizos de atención complementaria) está boa parte do noso futuro como sociedade culta e moderna. Como sinala o presidente Lula: ” a educación non é un gasto, é un investimento“.

Nota ao pé: inserto unhas fotografías (que, por prudencia, prefiro non comentar) que enlazo dende o arquivo de imaxes da Xunta (unha fonte moi interesante para seguir as actividades institucionais das distintas consellarías, que non dubido en recomendar).

Campo do Fragoso II

DISCIPLINA E PACIENCIA
Vázquez demostrou no Bernabeu que, contando con doses suficientes de concentración e paciencia no control do tempo de xogo, esta tempada o Celta fóra do Campo do Fragoso tamén pode ser un equipo temible. A proeza de batir na propia casa ao Madrid foi posible grazas a un primeiro cuarto de hora primoroso no que os de Fernando amosaron a súa vontade inequívoca de despregarse con valentía sobre o terreo, fuxindo de calquera táctica medúlica de achantarse diante de Pinto agardando as temibles xenialidades dos galácticos. A partir do primeiro gol de Contreras (daba xenio velo tan entusiasmado), o ritmo criterioso na distribución da pelota de Borja Oubiña (a pesar da súa escasa participación no encontro, cando tocou o fixo dunha banda a outra cunha autoridade asombrosa) e o traballo defensivo infatigable de Iriney e Sergio (o mellor dos celestes, impecable na colocación e no corte), permitiron as trasnadas intermitentes de Canobbio e facilitaron as constantes subidas ata o córner de Núñez, que toleou ao pobre de Roberto Carlos. Os medios capitalinos –embobados polas bicicletas espectaculares de Robinho (a verdade é que o rapaz paulista xoga de marabilla)– recorren vergonzosamente á actuación arbitral para xustificar o desconcerto do seu millonario equipo, incapaz (sobre todo dende a saída de Gravesen “o leñador”) de facerlle fronte á disciplina táctica e á convicción dun cadro humilde como o noso. En Chamartín, o teimoso traballo en equipo arruinou a xenialidade das estrelas da radio.

11 de setembro de 1973

Os compañeiros de Esquerda Nacionalista recordan, no triséximo segundo aniversario do asasinato do presidente Salvador Allende as súas emocionantes palabras derradeiras emitidas por Radio Magallanes dende o Palacio de la Moneda:

  • Trabajadores de mi Patria, tengo fe en Chile y su destino. Superarán otros hombres este momento gris y amargo en el que la traición pretende imponerse. Sigan ustedes sabiendo que, mucho más temprano que tarde, de nuevo se abrirán las grandes alamedas por donde pase el hombre libre, para construir una sociedad mejor.

Alameda centenaria

No artigo da semana lamento a triste situación provocada polas obras na Alameda viguesa. Magóa o estado de total abandono dun xardín histórico centenario, de importantísimo valor botánico e patrimonial, que merece protección.

Precisando termos

Ian ofrece dous textos moi interesantes sobre o debate que tanto nos ocupou esta semana: igualitarismo e equidade non son termos sinónimos nin intercambiables nas políticas públicas, como non o son, tampouco, gratuidade e préstamo cando abordamos a medida aprobada, ou subvencións e dotación de fondos para bibliotecas públicas cando falamos do libro galego.
No País Vasco xurdiu a polémica, a partir dunhas declaracións do conselleiro de educación. A diferenza que establece Txetxu a nivel educativo entre gasto e inversión é moi pertinente, como tamén o é a diferenciación de Joaquín Arriola entre estado do “benestar” e do “medioestar”.