Hoxe fomos presentar a Atenas diante dos medios a edición que fixemos d’ O heroe e a estrea que Sarabela realizará da peza o vindeiro sábado, 15 de outubro, ás 20:00 horas no Teatro Principal. A presentación foi moi interesante.
Rivas agradeceu, nas súas primeiras palabras, “a complicidade de sangue creativo de Ánxeles Cuña e de todo o equipo de Sarabela, sen a que nunca me tería mergullado con tanta ousadía neste novo hemisferio creativo que supón a escrita dun texto dramático”. Manolo explicou que a célula nai da peza foi un relato que apareceu n’ As chamadas perdidas; “igual que os círculos concéntricos na pedra, o relato foi medrando e fun escoitando novas voces. Aquilo foi o xermolo e hoxe xa podemos falar dunha esfera habitada”. Relatou, logo, que o eixo da peza é a Pena de Marte, en definitiva, a cuestión da guerra. O protagonista, Caronte, volve dunha guerra que por mor da propaganda non existiu (a do Sidi Ifni, a última guerra colonial española). O que vai tecendo a trama é ese proceso que podemos chamar de pena de Marte, ou como vai quedando espido o guerreiro e o choque do seu retorno á Coruña, cando toma consciencia que ninguén sabe do terrible desa guerra (algo que permanece oculto). Caronte non é recibido coma un heroe, o único que o agarda son os estorniños que fan debuxos no ceo. “Nese retorno, Caronte, vive un proceso de reexistencia. É un corpo aberto, que é capaz de habitar outras vidas, outras voces. Un corpo onde ten moita importancia descubrir o afecto, o amor doutras persoas nun espazo portuario, onde todas elas están á espreita”. Rivas dixo que pretendeu expresar o entrelazamento entre os corpos e as palabras, e como as palabras poden curar as súas feridas. Velaí a razón de abordar na peza temas como o da tortura, a inmolación ou o reencontro. Rematou sinalando que estas cuestións, especialmente a do culto ao guerreiro e a explotación do medo como xeito de dominación, están de plena actualidade. “Somos a minoría de reexistentes os que mantemos a posibilidade de avanzar o mundo. A historia non comezou o día no que Caín matou a Abel, se non o día que Adán e Eva fixeron por vez primeira o amor”.
Pola súa banda, Ánxeles Cuña, a directora de Sarabela comezou a súa intervención sinalando que o teatro galego estaba de festa pola incoporación de Manuel Rivas á escrita dramática, o “que constitúe un luxo para o país”. “O heroe é unha obra que conmove porque aborda o tema da liberdade e a dos seres anónimos que fan a historia”. Sinalou que a peza bebe en diversos rexistros, podendo ser definida tanto como unha traxedia contemporánea case mahletiana, un conto, un drama contemporáneo e mesmo como unha peza de cine negro (sobre todo no tratamento da tortura). Rematou Ánxeles definindo a obra como sublime, sendo o proceso da súa posta en escena “o máis engaiolador dos vinte e cinco anos de Sarabela, xa que é unha obra que medra dunha forma moi vigorosa, tanto na textura como na forma”.
Despois de palabras tan prometedoras sobre O heroe, agardamos expectantes a estrea do vindeiro sábado. Alí estaremos.