O Nóbel Pinter en galego

A verdade é que nunca pensara no debate que mantivemos estes días no blo sobre as candidaturas ao Nóbel que eu puidese chegar ser este ano un dos seus editores. Eis a sorpresa marabillosa que hoxe nos deu o rabudo antibelicista Harold Pinter, membro de Amnistía Internacional, autor dramático case inédito en España (publicado ata 2003 só en catalán en galego). Desque coñecimos a noticia, precipitáronse as chamadas e felicitacións e preparei as presas esta nota de prensa que aquí reproduzo:

  • Edicións Xerais de Galicia expresa o seu entusiasmo pola noticia da concesión do Premio Nobel de Literatura 2005 ao dramaturgo inglés Harold Pinter, autor do que Xerais publicou en 1999 o libro Vellos tempos. A festa de aniversario, un volume da colección “Os libros do Centro Dramático Galego”, onde se recollen a tradución de Manuel Vieites García de dúas das súas pezas dramáticas máis representativas do novo Premio Nobel.
    Harold Pinter, un dos autores máis trascendentais da dramaturxia inglesa contemporánea, ocupando un lugar central na historia da literatura dramática do universo mundo. Entre as súas pezas cómpre salientar textos tan significativos como The Dumb Waiter, The Birthday Party (A festa de aniversario, Xerais 1999), The Lover, The Caretaker, The Homecoming, Landscape, No Man ‘s Land, Betrayal, Ashes to Ashes, Old times (Vellos tempos, Xerais 1999) ou Como guionista de cine traballou en títulos do relevo d’ A muller do tenente francés, À la recherche du temps perdu ou The last Tycoon. Pinter, membro de Amnistía Internacional, ten alentado a creación de moi diversos foros de debate, sempre na defensa dos dereitos civís, da liberdade de expresión e contra a censura. Situado inicialmente pola crítica no ámbito do que se deu en chamar “teatro do absurdo”, a súa obra reborda calquera tentativa de etiquetado e constitúe unha singular aproximación ó estudio da conducta humana e unha denuncia permanente das diferentes maneiras en que o totalitarismo invade e se instala na vida cotiá.
    En Vellos tempos e n’ A festa de aniversario aparecen as tres cuestións claves para analizar a obra de Pinter: a ameza que permanentemente acosa ó individuo, do que xamais sabemos como vai aparecer e cales son as súas causas e finalidades; as dificultades para establecer unha comunicación entre os seres humanos que vai máis aló dos tópicos e dos lugares comúns cos que se inician as dúas pezas; e a imposibilidade de verificar ou dar por certos determinados acontecementos do pasado que condicionan o presente. A dominación e a crueldade, xunto coa extrema fraxilidade do ser humano que pode ser destruído, desintegrado, nun simple instante, e non importa tanto saber que é o verdugo senón constatar que os verdugos existen, quizais sexa unha das conclusións que o lector poida tirar da lectura destas exelentes pezas.
    Vellos tempos foi estreada pola compañía Teatro do Atlántico, dirixida por Xulio Lago, no Teatro Principal de Pontevedra o 18 de novembro de 1988. Ata o momento, a obra de Harold Pinter foi publicada en
    España por Edicións Xerais de Galicia (galego), Edicions 62 (catalán) e Argitaletxe Hiru (castelán).
7 comentarios
  1. mourullo
    mourullo Dice:

    Parabéns! Interesantísimo o dato que aporta das editorais que publicaron a Harold Pinter en España, as que engadiría dúas máis, en catalán, segundo a ligazón que vostede facilita ao ISBN: Arola Editors, en Tarragona, e o Institut d’Edicions da Diputació Provincial de Barcelona.

    Teño moitisimo interese, nestes tempos de abandeirados alcaldes de patrias indivisibles, por ver como comen, mastigan, tragan e dixiren os nosos queridos medios de Madrid que a única editorial que ten publicada obra de Harold Pinter en castelán sexa Hiru, con Eva Forest de directora. Por non falar que todas as empresas sexan editoriais desas nacións que tanto atragantan a algúns…

    Remato co principio: Parabéns. Como di vostede, unha sorpresa marabillosa.

  2. Txumitxurri
    Txumitxurri Dice:

    Pareceume escoitar no informativo das 15.00 de TVE algo como que no estado “só estaba publicado en castelán e catalán”. Tampouco son moi fiable, estaba diante duns callos; pero se esqueceron o dato é para darlles nos dentes.
    Parabéns!

  3. Pepe
    Pepe Dice:

    Un excelente dramaturgo, cunha obra que, máis que para ser lida, gaña moitísimo cando é representada por grandes actores. Non coñezo a tradución galega nin tampouco a representación feita no país. Estaría ben que se volvese a montar.

  4. Iza Roberto
    Iza Roberto Dice:

    Dear administrator:

    Some of our comments above may include links that are no longer valid or that do not have a nofollow value. They might very well lead you today to a third party. Therefore,
    I ask you, if you would be so kind, to please delete or disregard those
    comments.

    Many thanks and best wishes,

    Iza, Roberto Iza

    Muy Señores Míos:

    Algunos de nuestros comentarios incluyen vínculos rotos que bien pudieran llevar hoy a una tercera persona. Por tanto, le rogamos, por favor, que los deseche o desestime.

    Gracias y recuerdos

    Iza, Roberto Iza

Los comentarios están desactivados.