Manifesto pola Ría de Pontevedra

Recibo na caixa de correo o manifesto que onte presentou Maio Longo e un grupo de persoas vencelladas ao mundo da cultura e o ensino de Teucro. Esta asociación cultural xunto á ONG Mais Libros teñen previsto facer unha publicación con escritores que conten vivencias, experiencias ou fantasías relacionadas coa ría de Pontevedra, Tambo, Lourizán, etc. Pregan a maior difusión do manifesto para o que recaban asinaturas. Aí vai.
POLA RECUPERACIÓN DA RÍA DE PONTEVEDRA
Houbo un tempo na nosa historia recente no que non se coñecía máis vontade có capricho da autoridade dictatorial nin máis argumento có gume das baionetas. Daquela, os poderosos campaban polos nosos eidos coma se fosen seus, entraban nas nosas casas coma se fosen súas e usaban a forza dos nosos brazos coma se fose só para eles.
Foi nesa época cando nos impuxeron a construción dunha fábrica contaminante nun lugar de privilexio: a ría de Pontevedra. As fabulosas gañancias que lles ía reportar aos donos eran máis importantes có estrago que causaría envelenando a auga, o aire e a paisaxe ribeirán, privando do seu sustento a centos de mariñeiros e mariscadoras, a hosteleiros, comerciantes e outras empresas, roubándonos a súa beleza singular, arriscando a saúde de toda a poboación da contorna. A cambio, ofrecíannos o mantemento dun exiguo continxente obreiro e algunhas cativas esmolas sociais.
Esta infamia mantívose durante máis de corenta anos porque os que estaban antes deixaron todo atado e ben atado con arame de espiños e os que viñeron despois tiveron coidado en manter os seus privilexios.
Pero o tempo da ditadura pasou e hoxe acollémonos ao mandado democrático da lei e a razón. E a lei di que a concesión está a acabar e que os terreos nos que se asenta a fábrica deben ser desocupados e reverter ao dominio público. A razón, reiteradamente expresada pola maioría cidadá, demanda para a nosa ría un futuro claro e sólido de traballo, prosperidade e benestar.
O goberno da cidade de Pontevedra reclamou o cumprimento da legalidade en consonancia coa vontade popular: a fábrica debe ser trasladada a un lugar menos sensíbel á contaminación e remozada con tecnoloxías non agresivas; os postos de traballo débense manter e aínda ampliar con novas liñas de produción. Un novo horizonte ábrese ante nós, un horizonte de futuro no que caberán todos os traballos e todos os praceres derivados do aproveitamento racional dunha ría saudábel, fermosa e fecunda.
Pero os donos da fábrica resístense a perder os seus privilexios e, en connivencia con algunha forza política ancorada no pasado, poñen en xogo toda clase de arteiradas para confundir a cidadanía e tratar de impedir que se cumpra a lei.
Hoxe, cando no mundo se aposta pola saúde e a calidade de vida por enriba da industrialización salvaxe, cando desde todos os lados se admite que o futuro pasa polo aproveitamento racional e sustentábel do medio natural, hoxe, no día en que Pontevedra está a verse a si mesma con outros ollos como cidade fermosa e produtiva, remozada no seu urbanismo, coas rúas cheas de xente en permanente actividade comercial, social e cultural, cun alto grao de autoestima cidadá, hoxe, máis ca nunca, as persoas que asinamos abaixo, relacionadas co ámbito da cultura (creación, investigación, ensino, asociacionismo, etc.), queremos deixar patente o noso compromiso firme de apoio ás forzas políticas e sociais e a toda a cidadanía de Pontevedra que loitan por un futuro de esperanza.
¡Polo traballo, pola saúde! ¡Polo futuro!
¡Fóra ENCE da ría de Pontevedra!

Alivio

Hai moito que ler nese cento de folios presentados onte como anteproxecto da Lei Orgánica de Educación. A miña primeira valoración, a pesar do morniño da proposta (fáltalle alma política e conviccións educativas a esta ministra), é globalmente positiva. Constitúe un alivio volver ao espírito da educación comprensiva para todos da LOXSE, tras o claro paso atrás que supoñía a segregadora Lei de Calidade do goberno Aznar, cos seus itinerarios e reválidas. A proposta do goberno Zapatero é unha reforma, sobre todo, da ESO, e unha simplificación e clarificación de toda a normativa educativa.
Non é doado combinar calidade e equidade, como principios que rexen a proposta, moito máis cando a sociedade actual non promove estes valores e cando se lle demanda ao sistema educativo que compense todas as desigualdades e discriminacións. Paréceme valente defender o principio de esforzo compartido de todos os membros da comunidade educativa, propoñer a lectura e as matemáticas como eixes curriculares da educación obrigatoria, flexibilizar o sistema e a autonomía dos centros, ao tempo que establecer mecanismos externos de avaliación (indispensables para asegurar o carácter non discriminatorio do sistema). Haberá que entrar a debullar polo miúdo o texto, que compila e corrixe as catro leis anteriores vixentes (Estatuto do Profesorado incluído). Contarase con financiamento abondo? Que consecuencias terá para o currículo? Como se concretará a proposta de cooperación territorial entre as diversas Administracións con competencias educativas?
A pesar do prudente da proposta, non me extrañaría que os sectores máis conservadores comecen a bramar (algúns xa o fixeron). Cuestións como o regulamento da relixión católica e os concertos coa privada son as excusas para non entrar no debate dos temas de fondo sobre o sentido da educación pública no marco da sociedade europea do coñecemento. Non lle vai ser doado ao goberno sacar adiante a lei e, moito menos, co consenso que se propón (precisa ineludiblemente dos seus aliados de esquerda e dos nacionalistas). Ábrese o debate.

Farenheit 451


Manuel G. Vicente

Hoxe preparei a contracuberta de Farenheit 451, o clásico de Bradbury que editaremos en breve. A lectura da nosa tradución volveu emocionarme como hai tantos anos me sucedera coa película de Truffaut. É un deses libros que non envellece, quizais porque como 1984 e Un feliz mundo novo souberon describir profeticamente a submisión de Occidente aos medios e ao conformismo.
A novela de Bradbury resulta asombrosamente visionaria: televisións de tamaño de paredes que mostran telenovelas interactivas; carteis publicitarios de sesenta metros de longo nas estradas; altofalantes en miniatura que a xente leva nos oídos para escoitar música e as noticias; a indiferenza das persoas con respecto a todo. Escrito hai cincuenta anos!!! A prosa poética e poderosa de Bradbury fusiónase cunha percepción extraordinaria sobre o potencial da tecnoloxía para crear unha novela que aínda ten capacidade de asombrar e impactar. Recomendo vivamente visitar esta antiutopía, agora en tradución de Marlén, na que os libros están prohibidos e un grupo secreto de libros vivintes esfórzanse en transmitir de boca en boca a antiga cultura.

Internet e a normalización

Millán dá conta estes días dun libro xa clásico sobre Internet no centro da estratexia de normalización lingüística. O traballo de Graells e Vives sobre o caso catalán merece a nosa intención. A reseña é moi suxestiva en temas, propostas e preguntas. Cal é razón de que non apareza nin o galego nin o catalán nin o éuscaro na páxina da máis alta institución do estado? Cales son as estratexias para aumentar o uso dunha lingua na rede? A proposta de Millán para comezar a intensificala é clara:
Se queremos unha WWW rica en catalán, teremos que ter numerosos usuarios navegando a rede en boas condicións económicas (unha tarifa plana real), cun bo servizo das operadoras, dúas cousas que están faltando.

Aniversario da Radio Galega

Hoxe hai vinte anos que comezou as súas emisións regulares a Radio Galega. Vinte anos ininterrompidos de servizo público que merecen ser recordados. Un traballo fundamental para o noso proceso de normalización lingüística e cultural. A nosa radio pública é moito máis aberta e plural ca maioría dos medios galegos. A contribución de programas como o Diario cultural, o Miradoiro, a atención constante nas fins de semana ao deporte galego, e, sobre todo, á música de noso son impagables. Por riba, podemos escoitar na rede as súas tres canles. Cando en Galicia é tan frecuente banalizar calquera achega pública, debemos felicitarnos de contar cunha emisora coma a nosa. Beizóns para os seus profesionais.

Reconquista?


Festa da Reconquista 2004

Hoxe é feriado en Sal. Nunca simpaticei coa celebración da Reconquista. A figura do capitán Bernardo González del Valle “Cachamuíña” merecíame apenas o respecto de ser glosada na balada que a el e a María Pita dedicou Siniestro Total (“ron ron la botella de ron…”). O seu suposto heroísmo na anoitecida do 27 de marzo de 1809 desfacendo a machada a porta da Gamboa –canto menos así o relataba en 1810 José Fernández y Neira en Proezas de Galicia, quizais a primeira crónica publicada en galego no século XIX– considereino unha glorificación hiperbólica e mitolóxica, ata extremos delirantes, dun acontecemento que supuxo outro triunfo do pensamento absolutista fronte os valores da Ilustración (liberdade, igualdade e fraternidade) que representaban as tropas francesas invasoras ao mando de Jacques Antoine Chalot.
Non comparto a exaltación de “viguismo cantonalista” de pequena cidade estado que acompañou xeralmente a celebración da data da Reconquista, posición reaccionaria moi pouco acorde co espírito de acollida coa que se foi construíndo a nosa cidade. Nin considero que cómpra facer moito fincapé no heroísmo popular dos nosos devanceiros (mariñeiro Carolo e cego Casimiro incluídos) daquela viliña amurada de seis portas no seu empeño por expulsar as tropas do Mariscal Soult. Nin, moito menos, aproveitar a efeméride para realizar unha exaltación de glorias e enseñas militares doutrora (incluída esa bandeira da media lúa que aparece na foto enarborada o pasado ano Corina ou os pendóns restaurados que se entregarán ao Museo hoxe). Creo que hoxe o sentido desta efeméride do 28 de marzo vai por outros vieiros moito máis pacíficos e esperanzadores: o de que os vigueses e viguesas do século XXI reconquisten o degradado Casco Vello como un espazo identitario de encontro e convivencia. Velaí o sentido que pode e debe ter a Reconquista do futuro.
Paradoxos vigueses, a festa popular non se celebra hoxe, senón o vindeiro domingo. Alguén noutra cidade podería comprendelo?

Pan durmido


Rosca viguesa

Hoxe é o día do pan durmido, dos roscóns, das roscas, do rosco, das bolas doces dos padriños e madriñas. A Pascua comezaba para min a noite do xoves cando a madriña e a avoa viñan amasar onde nós. Traían as tinas cheas de fariña triga, manteiga cocida de vaca, cartuchos de azucre, daqueles grosos de papel de estraza, e ducias de ovos da aldea que mercaban ás señoras de confianza. Conservo o arrecendo da esencia de anís e das reladuras de limón que mesturaban con presiñas de sal e cos outros ingredientes, e o cheiro forte do fermento de panadeiro, que desfacían axudándose dun chorriño de leite. Traballaban a masa con entusiasmo, remexían ata conseguir que se despegase das mans. A masa quería traballo, había que bregala ata que quedase ben sobada. Cando remataban, facíanlle a cama, deixábana durmir ata o día seguinte, tapándoa cunhas mantas vellas, para así ben abrigala, impedindo que o frío estragase traballo tan concienzudo. A mañá do venres, ben cediño, íamos ao forno do Barrio do Cura, onde había unha actividade desenfreada. Antes solicitaramos ao señor Domingos quenda para facer aquelas trinta espléndidas roscas, de quilo ou de quilo e medio, xa que ese era un día de fartura. Unha vez confeccionadas, o mestre panadeiro apartábaas a durmir outra media hora, para logo, que era o que máis nos prestaba ós pequechos, lucilas con ovo batido, azucre humedecido, froitas escarchadas e, nalgúns casos, mesmo con ovos, tantos como anos tiña o afillado que a recibiría. Só había que agardar a fornealas e ter a sorte de que medrasen: as máis altas e esponxosas eran as máis valoradas por todos.

Todo nada dous

A miña axente literaria favorita mudou de casa. Quedoulle ben bonita e ordenada. Hoxe tamén estará ben contenta polo artigo de Galicia hoxe. Concordo con ela en que os blos son un soporte e non un xénero literario. Ela e Cesare son os responsables da miña adicción a este soporte. Beizóns para os dous.

Coñecemento dos homes

A raíz do meu último texto sobre a crítica recibo varios correos privados lamentando o punto tan agre no que se está producindo o debate, ao tempo que valorando o ton prudente e contido das miñas reflexións. Quedo magoado polo desánimo que denotan estes correos de persoas honestas e rigorosas, ás que moito aprezo, que levan traballando arreo para construír entre todos esa fantasía colectiva que supón a edición na nosa lingua. Semella que este consenso do esforzo e do respecto pode perderse, o que sería fatal para o noso futuro.
A este fío, considero que ven ao caso lembrar a opinión de Giulio Einaudi, mestre de editores, sobre a edición como unha tarefa de “coñecemento dos homes“; un traballo onde primaba tanto a intelixencia que alimenta a relación coas persoas como a habilidade no tratamento dos textos. Comparto, dende a miña humildade, que non hai edición cultural posible sen esa dobre dimensión (feito que algúns participantes nesta polémica pouco parecen ponderar); idea que o francotirador de Isaac Díaz Pardo expresou aínda con maior franqueza: boa parte do noso traballo consiste “en templar gaitas e limpar merdas“.
Einaudi tamén apuntou que a tarefa da edición cultural para os vindeiros vinte anos (comentoullo a Severino Cesari en 1991) era a recuperación da felicidade, do entusiasmo. E nesa angueira creo que andamos todos os que labramos (con maior ou menor acerto) este eido, sexamos editores, autores, tradutores ou críticos (académicos ou xornalísticos, inhibidos e desinhibidos). Non perdamos nin a intelixencia na relación entre as persoas nin o respecto profundo que todas nos merecen nin a capacidade de entusiasmarnos co traballo que facemos.

Dorian Gray


Dorian Gray por panchez.

Os aduaneiros, sempre tan oportunos, retrataron así ao presidente despois do retiro cos seus conselleiros en San Estevo.