Coñecemento dos homes

A raíz do meu último texto sobre a crítica recibo varios correos privados lamentando o punto tan agre no que se está producindo o debate, ao tempo que valorando o ton prudente e contido das miñas reflexións. Quedo magoado polo desánimo que denotan estes correos de persoas honestas e rigorosas, ás que moito aprezo, que levan traballando arreo para construír entre todos esa fantasía colectiva que supón a edición na nosa lingua. Semella que este consenso do esforzo e do respecto pode perderse, o que sería fatal para o noso futuro.
A este fío, considero que ven ao caso lembrar a opinión de Giulio Einaudi, mestre de editores, sobre a edición como unha tarefa de “coñecemento dos homes“; un traballo onde primaba tanto a intelixencia que alimenta a relación coas persoas como a habilidade no tratamento dos textos. Comparto, dende a miña humildade, que non hai edición cultural posible sen esa dobre dimensión (feito que algúns participantes nesta polémica pouco parecen ponderar); idea que o francotirador de Isaac Díaz Pardo expresou aínda con maior franqueza: boa parte do noso traballo consiste “en templar gaitas e limpar merdas“.
Einaudi tamén apuntou que a tarefa da edición cultural para os vindeiros vinte anos (comentoullo a Severino Cesari en 1991) era a recuperación da felicidade, do entusiasmo. E nesa angueira creo que andamos todos os que labramos (con maior ou menor acerto) este eido, sexamos editores, autores, tradutores ou críticos (académicos ou xornalísticos, inhibidos e desinhibidos). Non perdamos nin a intelixencia na relación entre as persoas nin o respecto profundo que todas nos merecen nin a capacidade de entusiasmarnos co traballo que facemos.
2 comentarios
  1. Disque
    Disque Dice:

    Non dubido que moitos dos editores do país teñan esa “intelixencia que alimenta a relación coas persoas”, pero permíteme discrepar xa que non creo do mesmo xeito que teñan “habilidade no tratamento dos textos” e por desgraza a ausencia desto segundo pode dar ao traste con tada a capacidade que se teña no primeiro. Nada quero restarlle con esto de importancia ao seu traballo inversor de horas e sacrificios persoais. Tan só que eu non lles pedín o seu sacrificio e non estou disposto a pagarllo comprando e lendo literatura de mala calidade. Unha aperta

  2. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Concordo con vostede. Os editores debemos ofrecer un produto da maior calidade posible, tanto no que atinxe á calidade no tratamento dos textos como na fabricación do produto. Tanto nun caso coma noutro, os editores profesionais galegos asumimos este traballo coma un reto. Non dubido que nalgúns casos poidamos ter incorrido en erros (innegable), mais tamén, polo menos este é o caso da miña empresa, tratamos de establecer no proceso de edición do texto os controles e as garantías de calidade máis esixentes. Agradecido por este comentario tan ponderado e necesario. Saúdos afectuosos.

Los comentarios están desactivados.