MSM 2006

Pasmo derreado diante da televisión e recibo unha chea de mensaxes de San Silvestre. Haiche de todos os tipos:
  • Sintéticas: “Feliz 2006”, “Os mellores desexos para 2006”.
  • Afrancesada: “Feli ciano e próspero Merimé”.
  • Vizosa: “Que o 2006 encha as tullas para desafiar os novos tempos. Saúde para ti e os teus”.
  • Anticapitalista: “Feliz 2006 e que o capitalismo vos sexa leve”.
  • Agarimosa: “O ano vello leva o q fmos, no aninovo vence o q agora somos. Q no 2006 se che cumpran todos os soños, os posibles e os imposibles. Muaks”.
  • Musical: “Que os fados te acompañen no 2006. Saúde e que cante o merlo”.
  • Optimista: Que rematen xa as malas noticias: que por fin comece o 2006″.
  • Interesada: “Que o 2006 nos traia moitas subvencións”.
  • Cultural. “Acenderemos unha estrela en cada constelación (Manoel Antonio). Por un ano de boas novas para a memoria, a cultura, a igualdade e Galiza”.
  • Poética: “Que esta noite, como tódalas noites, volva prende-lo lume dos nosos soños. Ise país de seu: liberdade, amor e poesía. A beleza…”
  • Preciosa: “Migas de pan, esféricas, preciosas”.
  • Cinéfila: “Woody Allen di: ‘gústame o futuro porque é o lugar onde vou pasar o resto da miña vida’. Pois iso. O dito. Feliz 2006. Que os blues nos sexan propicios”.
  • Amigable: “Que o novo ano traia os mellores capítulos do libro da nosa amizade”.
  • Humana: “La felicidad sólo es seguro que aumenta o disminuye de acuerdo con el número y la calidad de las relaciones humanas. Feliz año”.
AGARDO QUE O NOVO ANO VEÑA PREÑADO PARA TODOS DE SAÚDE, ALEGRÍA, AMOR E DUNHA MOREA DE LIBROS LIBRES PARA GOZALO.
QUE A ESTRELA DOS AFECTOS SEXA A QUE NOS GUÍE

Ilímita

Grazas a Alcameh coñezo (con moito retraso) Ilímita, a páxina do Plan Iberoaméricano de Lectura.
Fedellando neste web, interesoume o documento sobre o Mapa de lectura en Iberoamérica e o libro (pode baixarse) onde se analizan os diversos plans de lectura en marcha de diversos países como Fome do livro ou Hacia un pais de lectores. Boas pistas para estudar, agora que estamos no proceso de revisión do noso Plan de Lectura.

Orgullo na brétema

Vivimos intensamente en San Lázaro un partido memorable. A realidade superou as mellores expectativas: o xogo combinativo dos nosos foi, por momentos, realmente marabilloso e a resposta da bancada tan cálida como orgullosa. Os goles (magníficos os tres) foron caendo entre a brétema e a poalla, cando aínda non estabamos totalmente recuperados dun dos himnos máis emocionantes e longos que temos vivido. Inesquecible!
A solidez defensiva dos nosos e a súa descarada arroutada atacante deixounos pampos. Non sabiamos que tiñamos xente de tanta calidade: Cabanas no centro do campo foi unha marabilla, Pablo Álvarez fixo o diaño pola banda (non sei que agarda Horacio para fichalo xa), Nano e Deus remataron con determinación. O combinado todo estivo a unha excelente altura, ben dirixido polos dous grandes mestres de noso, o que demostra que o fútbol galego posúe un moi bo nivel internacional que, se nos deixan, vai permitir enfrontarnos con garantías a calquera. Non estaría de máis que se fose pensando nese Galeuska de fútbol, un triangular que enfrontase, rematada esta liga, ás seleccións das tres nacións irmás.
A resposta dos seareiros foi dunha grande madurez, conscientes todos que estabamos participando dun momento histórico e abrindo no simbólico (velaí a grandeza identitaria do fútbol) unha nova etapa dun proceso que no político se amosa, afortunadamente, cada vez máis irreversible. Esta festa rachada de alegría contaxiosa e o orgullo cívico de sermos unha nación non resignada prometen moito.
Para min constituíu, tamén, unha grande alegría asistir ao nacemento do precioso periódico impreso de Vieiros, outro orgullo esperanzado para o futuro. Porén, disgustoume o enfoque do libro que agasallou a Consellaría de Cultura a todos os seareiros, que amosa (sendo moi piadosos á hora de cualificalo) unha concepción necrolóxica e moi convencional da literatura galega; como tampouco me chistaron as chamadas (innecesarias) do muecín que berraba nos altofalantes dende un palco ateigado de autoridades. Erros, ambos os dous, que non pexan unha noite para non esquecer. Un grande éxito colectivo de Galicia en pé.

Vieiros en papel

Vieiros aparecerá en edición impresa gratuita con motivo do partido da selección. Unha grande noticia. Ogallá esta iniciativa sexa o inicio dun novo camiño de esperanza para a prensa en galego. Moito pulo, si señor. Beizóns entusiastas para o admirable equipo que dirixe Lois!

Diario de un maestro exiliado

Acabo de rematar a lectura de Diario de un maestro exiliado de Herminio Almendros, publicada pola magnífica editorial Pre-Textos. Discípulo e amigo persoal de Celestin Freinet, iniciador en España do Movemento da Escola Moderna, Almendros debeu refuxiarse en Francia a comezos de 1939, cando as tropas franquistas entraron en Barcelona, cidade onde era inspector xefe de Educación. A reflexión educativa e política e os difíciles avatares da subsistencia no exilio francés, onde foi axudado xenerosamente polos mestres cooperativistas, e na súa viaxe posterior a Cuba, onde acabou afincándose, mestúranse neste diario de lectura moi emocionante. Almendros é unha grande figura da nosa educación progresista que merece un recoñecemento que ata agora non tivo. Recomendo a lectura deste diario de guerra ás persoas interesadas en temas educativos. Paga a pena.

Asturianos que falan galego

As declaracións de Touriño sobre o galego que se fala no occidente de Asturias (entre os ríos Eo e Navia) causáronme auténtico estupor; afortunadamente o mesmo día Ferrín deixaba as cousas claras no Faro, medio que hoxe reproducía a entrevista co presidente da Xunta, que días antes publicara La Nueva España.
É incomprensible que Touriño non se atreva a afirmar que en Asturias ou en Castela-León hai cidadáns que falan galego. Constatar esa teimosa realidade (é imposible que o presidente ou o seu equipo de asesores non manexen traballos e teses de doutoramento como a do profesor Xoán Babarro) nada ten que ver con desexos “anexionistas” nacionalistas e si, moito, co respecto a dereitos lingüísticos deses milleiros de cidadáns. Semella que nalgunhas cuestións de política lingüística. como a referida á defensa dos dereitos lingüísticos da poboación galego falante da Galicia estremeira, con esta presidencia estamos retrocedendo claramente con respecto á precedente. Ler para crer!

Contos de familia

Esta noite presentamos os Contos de familia de Xesteira. Creo que este é un dos libros de relatos máis interesantes que publicamos nos últimos tempos. Son once historias, ambientadas na Redondela dos anos da fame, escritas cos caracteres da tipografía da memoria construída no seo de cada familia.
Un libro que reivindica, dende a foto de cuberta, o espazo íntimo e acolledor daquelas cociñas doutrora, un lugar sagrado onde ocorrían cousas tan marabillosas como asistir ao milagre de sacar do forno un queique ou un ollomol con patacas ou participar dun tango ou dunha habanera mentres se fregaba a louza na pía ou se recollía a mesa.
Xesteira, un narrador tan hábil como económico nos recursos que utiliza, reconstrúe argumentos moi coñecidos entre os seus, empregando recortes de moitas pezas, de pequenos detalles da vida cotiá das nosas casas humildes, de cousas fantásticas e doutras demasiado reais, de medos descoñecidos ou coñecidos de máis. E faino coa intención de dignificar a eses protagonistas anónimos da xeración das nosas nais, a quen tanto lle debemos.
Moito temos falamos nos últimos tempos da necesidade de recuperar a memoria histórica. Este libro de ficción, emocionante e emotivo, non fai outra cousas que colaborar neste proceso, transformando os recordos individuais do cotián (esa substancia ou saudade emotiva presente en todas as páxinas do libro) en memoria colectiva e vivificada. Un libro, aparentemente sen grandes pretensións, que, porén, aborda toda a complexidade da condición humana en tempos difíciles. Agardo que non pase desapercibido.

Boa Noite

Que a estrela dos afectos sexa a que nos guíe.
Con todos os abrazos.
Boa Noite!!!

Conto de Nadal

DOBRE FRACTURA
–Non te movas, Moncho, xa escoitaches que a doutora quere que esteas quietiño. Agora descansa, logo virán buscarte para faceres outra proba.
–Esta perna doe, Carme. Queres que asubíe? ou prefires que che cante unha panxoliña? Viches o rídiculo que estou con este camisón? Se parezo un fantasma… Ráñame un pouquiño nas costas, cariño, que non aguanto este comechón. Si, así, así, un pouquiño máis abaixo, muller.
–Xa está, home. Non sexas mixiricas, máis me doeu a min cando din a luz á Xiana, despois de pasar cinco horas dilatando. E, por riba, soíña que ti ías camiño de non sei ónde.
–Da Pobra de Trives, que non é a fin do mundo. Sabes que, en canto chamou a túa irmá ao almacén, volvín mangado. Díxomo dona Eduvixes cando cheguei ao seu comercio, carguei de novo as maletas e tira millas para o Pirulí.
–Si, cando chegaches a cesárea estaba rematada.
–E a nosa Xiana parecía unha monequiña, feitiña de todo. Era tan bonita que me daba medo collela no colo. Isto doe de raios!
–A enfermeira xa che puxo un calmante no goteiro. Veña, Moncho, a quen se lle conte! Hoxe estás escaralladiño, non cho nego, pero saíches doutras peores, meu home.
–E os nenos? Con quen deixaches os rapaces?
–A nena está coas curmás. Levounas miña irmá pequena aos cines novos da Fenosa. Daniel quedou na miña casa. Mira que cando chamaron ao móbil estabamos alí. Fun levar outra caixa de lagostinos, que me encargara mercar mamá nos frigoríficos do Berbés. Hoxe, a pobre, ten case vinte persoas a cear.
–Que farturenta é esa muller! Nena, ráñame outra vez. Ben, ben… E que pon Maruja esta noite?
–E que vai poñer? Non coñeces a túa sogra? Unhas vieiras, uns lagostinos, o bacallao con coliflor e, logo, leite frito e os perotes. Tes cada pregunta, Moncho!
–Si, rula, coñezo a Maruja. E para acabar sidra El gaiteiro, licor de guindas e a fonte de lambonadas. Isto doe. Pero que mala sorte temos, Carme. Todo ten que me pasar! Se xa estaba chegando. Sabes que saín de casa cediño, para evitar a conxestión de Puxeiros. Visitei a dúas clientas no Barco, tomei un taco, e, hala!, outra vez, carreteeera. Volvín zumbándolle, pero con xeito, que sabes que non me gustar pasar de cento e pico. Non parei nada. Só me desviei uns quilómetros en Muruás para mercar a bica fresquiña que tanto lle gusta a Maruja e unha chilindrada para o noso pequeno. A que hora chamei? Se xa ía pasar o túnel de Fontefría. Canto quedaba? Nin media hora? É certo que chovía seguido. E que? Se chove, imos parar? Pois, entón, estabamos aviados os que vivimos na estrada. E vai, e me ten que pasar precisamente a min, e, por riba, no día de hoxe.
–Acouga, Moncho. Esquece o que pasou. Que importa o día que sexa hoxe? Ves como traballan as médicas e as enfermeiras? O que importa é que non che pasou nada grave, o demais son paxaradas.
–A quen avisaches?
–Non avisei a ninguén. Cando chamaron do Meixueiro, saín pitando nun taxi. No Seminario deixeille a Lola un recado na caixa de voz. Que querías que fixese?
–Nada, muller, nada. E non avisaches polo menos a Manolo?
–Teus cuñados chegaban ás nove. Eles ocúpanse de todo. Tranquilo, home! Teu irmán xa llo conta a teu pai. Eles están a douscentos quilómetros. Qué queres que fagan?
–E que non mo explico, Carme. Viña escoitando o debate dos nenos de Gemma Nierga. Non mo perdo nunca porque hai un pequeno de Santiago, debe ser da idade da nosa, que é unha marabilla falando. E baixando apareceu aquel bichiño ou o que carallo fose no medio do meu carril. Quixen evitalo cun volantazo e, xa ves, como quedei.
–E dálle, Moncho. Hai cousas que suceden e punto. Non lle deas máis voltas, home, que así non vas a ningures. Non movas tanto o brazo que vas sacar o goteiro.
–Carme, esta perna doe de carallo. Mira que cando aquela parella me sacou do coche, xúroche que nin a sentía. Logo non sei cánto tempo estiven deitado na beiravía. Só recordo que chovía, chovía e que aqueles rapaces me taparon cos seus chaquetóns. Dende alí aínda puiden ver que o Laguna quedou co morro desfeito. O air-bag e o cinto salváronme a vida! E o coche case de paquete!
–Qué importa agora o coche? Non pagas unha millonada polo seguro a todo risco? Que o leve o demo!
–Carme, acojoneime cando chegaron os jichiños da ambulancia. Eu non tiña nin un rastro de sangue pero me trataron con tanto mimo que xa parecía que quedara inútil de todo. Non terei algo de columna?
–Non penses parvadas. Acouga, Monchiño! Non escoitaches o que che dixo a doutora? Cren que só tes unha dobre fractura nesa perna. Iso pasa. Van facerche unha resoancia e logo sobes a planta.
–Só unha dobre fractura? Vaia…! Carmiña, dáme un bico.
–Dorme, Moncho. Quérote. Dorme un cachiño, corazón. Vou chamar a mamá. Se as vieiras lle quedan frías, non van saber a nada.