Artigos

Onte 1686: Xurados dos Xerais

Castelo_Souto_maiorFoi onte un día ilusionante no que celebramos o xantar cos membros dos tres xurados dos Premios Xerais e as reunións nas que se escolleron as obras finalistas. Nesta triséxima terceira edición profundizamos no modelo de participación do lectorado nos premios, iniciado o pasado ano, ampliando o número de membros reclutados na convocatoria aberta que fixemos na nosa web. Non hai palabras abondas para agradecer o esforzo destas quince persoas tan xenerosas e comprometidas coa lectura literaria en galego que leron durante dous meses un número moi considerable de obras e asumiron o compromiso de participar nun proceso reflexivo de toma de decisións. Agora contarán cunha semana de relectura para preparar a súa participación na segunda reunión na que establecerán o seu ditame.

Onte 1340: Cos xurados dos Xerais

xuradoss_premios_xerais_2015

Foi moi agradable o xantar de onte no Castelo de Soutomaior cos membros dos xurados dos Premios Xerais 2015, que despois acordaron declarar as obras finalistas sobre as que volverán ao longo desta semana. Sei que a experiencia destas persoas lectoras de participar nun xurado dun premio literario é, xeralmente, única e inesquecible, tanto polo esforzo que supón para elas durante dous meses como pola responsabilidade que asumen na toma dunha decisión con importante transcendencia social e cultural. Tras o exercicio reflexivo de relectura das obras finalistas, a vindeira fin de semana decidirán as obras gañadoras dos Xerais, que serán anunciados na illa de San Simón o sábado. Para estas quince persoas xenerosas, entusiastas e comprometidas coa lectura literaria en galego toda a miña admiración e gratitude.

Onte 1247: Xurados de lectores e lectoras nos premios Xerais

premios_xeraisOnte en Xerais publicamos a convocatoria para escoller tres persoas que desexen participar como membros dos xurados de cada un dos nosos premios, o Xerais de novela, o Merlín de literatura infantil e o Jules Verne de literatura xuvenil. Despois de tres décadas de protagonismo nos xurados de lectores e lectoras non profesionais, en definitiva lectores e lectoras vocacionais, amantes da novela ou da literatura infantil e xuvenil, moitas veces vinculadas con actividades profesionais afastadas do sector editorial, nesta edición 2015 pretendemos profundizar nun modelo que representa a súa importancia e forza no noso proxecto editorial. Non hai dúbida que é unha incógnita para nós a acollida que pode ter este chamamento, cuxa intencionalidade é facilitar a lectores e lectoras que se presenten voluntarias poidan gozar durante dous meses unha moi intensa e complexa experiencia literaria. Cremos que este novo vieiro que onte iniciamos pode contribuír a facer máis interesante e singular os nosos certames. Agardamos respostas.