Artigos

Campo do Fragoso CCXXX

DEPRIMENTE

Fiel ao seu libriño, Fran Escribá non modificou apenas a súa proposta de xogo fronte a un Xetafe de Bordalás que acudiu á mina de Balaídos co propósito de roubar os tres puntos. E abofé que para acadalo só tivo que superar os vinte minutos iniciais nos que semellaba que a entrada de Toro Fernández facía ao equipo un pouco máis intenso e ofensivo. Foi un espellismo, xa que o Celta sen variacións tácticas, despois dun mes de derrotas, volveu as súas trasnadas habituais, ofrecendo un xogo deprimente, perdendo todas as pelexas que os disciplinados visitantes propoñían, amosando unha severa incapacidade para chegar á área rival e intentar xutar ou rematar a portaría. Conseguiuno por vez primeira Lobotka, cando no minuto 17, tras roubar na saída de balón do Xetafe xutou en carreira e Soria despexou a córner con moitos apuros. Intentouno pouco despois Iago Aspas cun saque directo dende a frontal, mais quedou lixeiramente desviado do pao dereito, amosando que esta tempada aínda non conseguiu destapar o frasco das súas xenialidades salvadoras.

Dúas oportunidades celestes estragadas que animaron aos de Bordalás a presionar sobre a saída do Celta e a envurullar o xogo con faltas e múltiples interrupcións teatrais. Estratexia que lles daría un magnífico froito no 37’ cando Araújo enviou de forma defectuosa un pase horizontal sobre Aidoo, que o internacional ghanés non foi capaz de controlar, o que permitiu que fose interceptado por Kenedy, que progresou pola banda en velocidade, sen que tampouco Mallo puidese detelo, para finalmente xutar sobre o pau longo, e bater a Rubén. Un agasallo de noite de Samaín decisivo que fundiu ao Celta e arruinou o pouco xogo ofensivo do seu comezo prometedor. Tras o intervalo, e os primeiros apupos da bancada, non mudou nin o escenario nin a actitude deprimida dos celestes. Certo é que Hugo Mallo e Brais Méndez tentaron algunha parede pola banda dereita, como tamén o é que o noso capitán foi onte o xogador máis perigoso para o gardarredes visitante.

Sen embargo, o momento máis determinante do partido foi cando no 64’ Escriba decidiu retirar da lameira a Denís Suárez para darlle entrada a Pione Sisto. Un troco disparatado, que fundía na desolación ao rapaz de Salceda, amosando a escasa capacidade empática de Escribá con algúns dos seus xogadores, ao tempo que introducía unha nota de humor macabro nas evolucións extravagantes de quen no seu día chegou a ser un dos xogadores celestes máis desequilibrantes e admirados pola bancada. Un troco sintomático, tamén, no que identificamos as máis que probables tensións internas dun vestiario destrozado e desconcertado tanto pola evolución dunha tempada moi distinta á soñada pola operación de reencontro de canteiráns como polas escasas variantes que o adestrador introduce ao longo de cada encontro.

Como veu sucedendo en derrotas anteriores, neste Celta de Escribá xa nin sequera existe a posibilidade da remontada heroica nin un dispendio de afouteza imprevisto. Os de Bordalás botaron man do frasco da paciencia e deixaron correr o reloxo ao tempo que este Celta dos apoucadiños devalaba cara ao burato negro das posicións de descenso. Actitude deprimente semellante a dos afeccionados que no remate apuparon a Escribá e aos celestes de forma máis rutineira ca verdadeiramente anoxada.

Tras esta triste derrota e a probable substitución do adestrador, o Celta comeza xa no mes de novembro a difícil liga dunha salvación que xa se puxo moi cara na táboa clasificatoria. E non debemos confiarnos nin na lámpada do Mago de Moaña, que polo visto estes dous meses perdeu un pouco do seu fulgor, nin nas inxeccións periódicas de afouteza provocadas polos recibimentos dos seareiros, xa que os milagres (por definición) non se producen todos os anos e por esta vía xa se salvou o Celta a tempada anterior. Como tamén errariamos se pensamos que coa mudanza do equipo técnico xa está resolto o problema da ausencia de xogo ofensivo, que ben sabemos obedece tamén a baixa forma alarmante dalgúns dos considerados xogadores indiscutibles. En momentos difíciles coma este, o sentidiño aconsella recuperar os conceptos básicos da gramática do fútbol celeste: afouteza, canteira, unión e confianza nas propias posibilidades do equipo, que por ventura son moitas máis das despregadas dende o inicio de tempada.

Onte 528: O Celta no precipicio

Tras o sucedido nesta fin de semana en Xetafe, o Celta quedou no precipicio, nunha situación case desesperada para manter a categoría. Se non abondase unha nova derrota froito da febleza defensiva e das escasas alternativas tácticas das que dispón o equipo, o conflito aberto entre Iago Aspas, o figuriña do equipo, e Paco Herrera, o adestrador, ameaza con estragar calquera esperanza de remontada.

Ambos os dous erraron, e moito. O dianteiro por non saudar ao seu compañeiro Santi Mina (debutante de 17 anos), cando foi substituído, un falta de deportividade inadmisible. O adestrador por criticar na roda de prensa ao seu xogador, agochando a súa responsabilidade nesta debacle que sitúa ao equipo a dúas vitorias da salvación. Ambos os dous amosaron co seu comportamento unha preocupante carencia do autocontrol exixible a deportistas adultos e profesionais, ademais de constituír un síntoma inequívoco do deterioro da convivencia no vestiario.

Aspas, que arrastra dende hai dous meses unha baixa forma alarmante, que non se pode achacar só ás lesións musculares, se pretende voar lonxe de Balaídos, deberá continuar madurando no control do seu comportamento na lameira. Unha perrencha deste tipo baixa a súa cotización deportiva e humana. Erra tamén o entrañable Herrera –ollo!, a quen non lle quito razón ningunha na súa explicación sobre a fráxil situación do xogador–, mais que non foi oportuno expresar en roda de prensa, moito menos para tapar as razóns dunha derrota tan contundente. Todos os adestradores están obrigados a asumir que as derrotas do seu equipo son da súa exclusiva responsabilidade, mentres as vitorias serán atribuíbles ao talento e afouteza dos seus xogadores. Outra regra non escrita dese deporte evidencialista, que se manexa cos principios do «fútbol é fútbol», como escribíu o meu amigo Jacobo Buceta.

Nunca fun herrerista nin sequera nos días de euforia do ascenso. Nada teño na súa contra. Paco Herrera paréceme unha persoa honesta e comprometida co seu traballo, aínda que é moi difícil consideralo un adestrador dos de «nova xeración», como algúns de equipos (exitosos) da fasquía do noso (Jémez no Rallito ou Dukic no Valladolid poden ser dous exemplos). Máis aínda, hai varias tempadas, desde o cese de Fernando Vázquez e Félix Carnero, que levo reivindicando un profesional moderno deste novo tipo, tanto para a secretaría técnica coma para o banco do adestrador, coa única preferencia de que fosen tamén celtistas xenuínos. Aí é onde creo pode estar o eixo de consolidación dun proxecto deportivo viable ou dunha decadencia inevitable.

Diante da desfeita de Xetafe, Mouriño xa non pode agardar máis, e con toda a dor de corazón e gratitude polos días felices compartidos, debe substituír a Herrera. O cadro de xogadores e a afección precisan un novo aliciente para intentar saír do precipio. É moi difícil, mais áinda posible.

Actualización (7:49): Durante esta madrugada Herrera foi destituído. Abel Resino será o novo adestrador do Celta.