Artigos

Vigo british

No artigo da semana en Faro de Vigo lembro a pegada british na memoria viguesa.

8f0a02b040b43ed3320ef83ed56a49a5_MNon debería sorprendernos que o xornal londiniense The Guardian volva recomendar Vigo como unha “alfaia turística agochada” para facer unha escapada, despois de escoller hai oito anos a de Rodas como unha das mellores praias do mundo –cualificándoa como “un paraíso virxe”– e colocar hai uns meses ás Cíes entre as dez mellores illas de Europa. A apertura do voo de verán entre Peinador e Luton, sen dúbida, facilitou a publicación desta nova reportaxe na que se salienta que “debaixo do que nalgunhas ocasións parece unha cidade granítica late o corazón da que é unha das cidades máis vitais e esperanzadoras de España”, sen esquecer recomendar ao visitante subir ao Castro, ruar polo Casco Vello xentrificado, visitar o Marco e o Museo do Mar, facer picnic nas Cíes e gozar das súas “praias marabillosas” e da súa vida nocturna “vibrante”. Palabras que axudan a reforzar a imaxe de Vigo e da súa área metropolitana no mercado turístico do Reino Unido como unha das máis atractivas cidades portuarias atlánticas que, a pesar da súa estirpe industrial, ofrece un extraordinario patrimonio natural.

Non vaiamos pensar que Vigo é unha cidade descoñecida no Reino Unido. Xa a comezos do século XVIII, os pioneiros xornais londinienses publicaban noticias do acontecido o 23 de outubro de 1702 na Batalla de Rande, para eles “Battle of Vigo Bay”. Aquela vitoria na ría de Vigo da escuadra anglo-neerlandesa, ao mando do almirante George Rooke, sería lembrada coa apertura dunha pequena rúa (“Vigo lane”, hoxe “Vigo street”), apenas douscentos metros, no centro de Londres, situada entre Regent Street e Burlington Gardens, preto de Picadilly Circus. Como tamén o é pola presenza dunha importante colonia británica, dende a apertura en 1873 da comunicación cablegráfica entre o noso porto e as illas británicas, que a Eastern Telegraph Company mantería até 1969. A colonia do aquí chamado como Cable Inglés, estudada no magnífico libro de José Ramón Cabanelas Comesaña, “Vía Vigo” (IEV, 2014), facilitou a chegada temperá a Vigo dos deportes de orixe británica como o fútbol –en 1876 fundouse o Exiles FC, formado por telegrafistas do Cable, e en Vigo xogouse o primeiro partido de fútbol da península–, mais tamén doutros como o rugbi, ping pong e tenis sobre herba, así como a incorporación dalgúns costumes e do espírito do “fair play”, que agora consideramos propios. Pegada que quedou no nome dalgúns establecementos vigueses como os cafés Derby e Nuevo Derby, o Sport, confeccións Esmar e, sobre todo, en moitas familias de orixe británica asentadas hoxe en Vigo.

As comunicacións cablegráficas utilizando a linguaxe morse situaron ao Vigo de comezos do século XX e ao seu porto, como un dos referentes da fachada atlántica europea. Pegada que afondou durante os anos de ambas as dúas guerras mundiais, cando en Vigo traballaban axentes de diversos servizos de información, nunha guerra silenciosa de espionaxe polo control do volframio e polas comunicacións marítimas no Atlántico norte. Como non esquezamos que despois de finalizada a Guerra Mundial, nos anos máis difíciles da ditadura, o porto de Vigo mantivo liña marítima aberta co de Southampton até finais dos anos setenta, pola que chegaron aqueles míticos autobuses de dous pisos mercados pola empresa de Tranvías de Vigo que nunca chegarían a circular. Porén, a conexión co maior porto do sur de Inglaterra facilitou a incorporación en Vigo dalgunhas das novidades de consumo das illas, sobre todo polo funcionamento do mercado informal da Pedra, que surtía aos vigueses dos xabóns Lux, dos desodorantes Lander, de marcas de tabaco inglés, de pantalóns vaqueiros, de galletas Family Circus, de chocolates Cardburys, mais tamén de penicilina e as primeiras marabillas da tecnoloxía electrónica como transistores e pick up. Felizmente, a conexión con Southampton foi recuperada polas escalas frecuentes de grandes transatlánticos, que supoñen a posibilidade de que este ano visiten Vigo case 300.000 cruceiristas, que xa forman parte da identidade da cidade actual.

No entanto, a World Fishing Exhibition, que recalou por vez primeira en Vigo en 1973, era probablemente o acontecemento vigués máis impregnado desta pegada british, tanto pola súa xestión por parte dunha empresa británica, polo feito de coincidir cunha conferencia internacional de ministros de pesca, como por ser inaugurada, dende a edición de 1985, co desfile dos membros da The Band of the Wels Guard da raíña Sabela II, enfatados de vermello cos seus gorros de pel de oso. Como tamén conserva esa pegada a tradición tan viguesa dos concertos gratuítos en Castrelos, que nos últimos veráns semella en perigo de extinción, ou na confianza teimosa nas cores do equipo celeste e na súa canteira. Vigo conserva a pegada british.

O futuro da World Fishing Exhibition

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o futuro da Feira Mundial da Pesca en Vigo.

world_fishing_exhibitionO vindeiro ano 2015 non se celebrará no mes de setembro en Vigo a sétima edición da World Fishing Exhibition (WFE), o evento mundial máis relevante da industria pesqueira e a feira internacional de maiores dimensións e repercusión das que teñen continuidade en Galicia. Sen dúbida, outro efecto da grave crise económica do sector pesqueiro e da anemia institucional da área metropolitana de Vigo que deixou á intemperie un acontecemento que dende hai corenta anos forma parte da historia do Vigo de entre séculos.

Fundada en 1963 en Londres, tras fondear nas cidades portuarias de Dublín, Marsella, Halifax e Copenhague, a WFE recalou por vez primeira en Vigo no ano 1973, nas instalacións que se improvisaron no porto de Bouzas, ás que volvería en 1985 para dende entón recuncar na ría viguesa cada seis anos. Unha periodicidade que ao longo destas tres décadas nunca se perdera convertindo tanto á feira da pesca viguesa, como á conferencia paralela de ministros e responsables de pesca de medio cento de países, no referente mundial do sector da pesca e, dende a pasada edición, tamén da acuicultura. Unha convocatoria sexenal que serviu de privilexiado escaparate mundial para todos os subsectores das industrias pesqueiras galegas, dende a construción naval, pasando polas complementarias, até as de procesado e distribución.

Dende a súa primeira edición a WFE foi xestionada por unha empresa británica a corporación Highbury Home Communications propietaria do “World Fishing Magazine”, cuxa representación en Galicia ostentaba Alfonso Paz Andrade o propietario da veteranísima revista viguesa “Industrias Pesqueras”. Dende 2006 “WFM” pertence a Mercator Media, grupo empresarial ubicado en Fareham, no condado de Hampshire, especializado na edición de revistas profesionais e organización de feiras e congresos relacionados coa pesca, cos portos e coa loxística en diversos lugares do planeta. Ademais da WFE, entre outros eventos, promove este 2014 en Hamburgo a “Motor Ship”, en Nápoles a “Offshore Mariculture”, en Barcelona a “Green Port”, en Shangai a “Sea Work” ou a en Kópavogur, un arrabalde de Reykjavick, a “Icelandic Fisheries Exhibition”.

É innegable que a actual crise da World Fishing Exhibition en Vigo nada ten que ver co éxito da última edición celebrada en 2009 nas instalacións do IFEVI en Cotogrande. Superáronse daquela todas as marcas: 400 millóns de euros de negocio, 500 expositores, 800 empresas de 51 países, 70.000 visitantes, dos que 55.000 foron profesionais acreditados e 25.000 estranxeiros. Nin tampouco coas conclusións da conferencia de ministros de pesca onde naceu o concepto de “pesca responsable”. Un éxito de participación e cifra de negocio que tivo os seus efectos sobre a hostelaría viguesa, sobre o funcionamento do aeroporto de Peinador, como e sobre todo na proxección internacional de Vigo como capital das industrias pesqueiras do arco atlántico europeo.

As razóns polas que a WFE non se celebrará o vindeiro ano en Vigo teñen que ver coa diminución do seu financiamento público, achega que até agora fixo da feira un bo negocio para a empresa organizadora. Até 2009 ás achegas do concello de Vigo, da Xunta de Galicia e do Ministerio de Agricultura e Pesca (como promotor da conferencia de ministros), sumábanse as de patrocinadores privados como Caixa Galicia e Pescanova. Doado é comprender que este urdime estragouse, a caixa desapareceu e a multinacional pesqueira de Chapela loita por supervivir a pesar das pelexas dos seus accionistas. Ao que habería que engadir, e non semella menos relevante, o desánimo de Alfonso Paz Andrade, até agora presidente do comité organizador do evento e o seu líder indiscutible durante catro décadas, imputado pola Audiencia Nacional xunto outros xestores de Pescanova.

Non vai ser doado que Vigo recupere a WFE en 2016 como pretende a declaración institucional aprobada por unanimidade pola corporación. Para conseguilo, en primeiro lugar requírese a existencia dun novo liderado forte e solvente no sector pesqueiro vigués capaz de convencer a Mercator Media, os propietarios do evento, que a pesar da dura crise económica e da perda de valor da mal chamada “Marca España”, a mellor decisión para os seus intereses continuando sendo celebrar a WFE en Vigo. En segundo, precísase un acordo interinstitucional entre o concello de Vigo, a Xunta e o Ministerio de Agricultura e Pesca para achegar axudas suficientes ao comité organizador e convocar decontado a conferencia de ministros. Se estas dúas condicións non se concretan axiña nun marco estratéxico, o calendario vai xa moi xusto, temo que Vigo perderá a World Fishing Exhibition e, o que será moito peor, porá en risco a súa posición estratéxica no liderado das industrias pesqueiras do século XXI.