Listado de la etiqueta: vaselina

Campo do Fragoso CLXXVII

celta-vigo-real-soci-3073509-7_gVASELINA

O Celta recuperouse decontado da malleira da segunda parte do Bernabeu. Outra goleada que avergonzou a afección celeste e demostraba o carácter bipolar do cadro de Berizzo, capaz de recibir máis de media ducia de goles nunha semana e na seguinte amosar unha disciplinada austeridade defensiva. Por ventura fronte á Real Sociedad, un rival directo na angueira europea, o Celta recuperou a súa faciana máis práctica e paciente, a que amosara tamén fronte a Getafe e Vilarreal, aproveitando ao máximo unha xogada xenial de Nolito e Aspas e traballando arreo e sufrindo até o límite para deixar a súa portaría a cero. Unha vitoria pola mínima que sabe a gloria xa que os de Berizzo abren unha importante fenda cos seus perseguidores e manteñen todas as súas opcións no que semella será unha loita moi dura con Sevilla e Athletic pola quinta e sexta praza.

Onte o Celta botou en falta a Tucu Hernández e Orellana, dúas pezas esenciais para que esta tempada funcione o engrenaxe celeste. Durante o inicio do partido dominaba, mais non era capaz de facer circular a bóla coa harmonía e coa fluidez que gusta en Balaídos. Fronte a aspereza dos txuriurdin, que xuntaron moito as súas liñas, e as dificultades de Wass para funcionar como enganche, labor da que se ocupa as mil marabillas o poeta Orellana, Berizzo apostou entón por facer correr a pelota dende a cobertura ao tridente atacante. Un fútbol directo pouco habitual no Celta, mais que transcorrido apenas un cuarto de hora facilitou a xogada que decantou o partido, froito de dúas xenialidades consecutivas, a primeira, o pase de Nolito en carreira, a segunda a recepción de Aspas, tamén en carreira, e a súa marabillosa vaselina sobre un gardamallas ben chantado sobre a liña de meta. Outro gol de alta escola, inesquecible, fermoso na concepción e afortunado na execución que, por riba, supuxo tres puntos de ouro.

Coa táboa de marcas por diante, o Celta acougou e parecía que podía recuperar o seu fútbol de salón. Tivo, entón, os seus mellores minutos, onde Nolito puido marcar, tras un servizo de Wass, e cando Guidetti chegou con claridade, impoñéndose ao seu marcador de ferro. Xaora, o equipo donostiarra, un chisco preguiceiro no seu ataque, agardando quizais a oportunidade dunha reviravolta de Jonathas, co que mantivo un formidable duelo Cabral, non deixaba nin un furado na súa cobertura. O xogo así foi devalando nun perigoso fastío, que só racharon un remate de Aspas e outro de Wass dende a segunda liña.

Porén, todo mudou tras a reanudación. Eusebio Sancristán non podía desengancharse da loita europea. A Real deu un paso adiante e comezou a acurrular o Celta na súa área. Un asedio constante e intenso, Xabi Prieto e Carlos Vela, tiveron as súas oportunidades fronte a Sergio, mais desta volta os celestes estiveron moi concentrados, sobre todo nos temibles saques de recanto onde podía aparecer o xigante Jonathas. O nivel de sufrimento e resistencia celeste, que os seareiros intentaron rebaixar co seu apoio entusiasta, acadou os seus límites máximos nos catro minutos (interminables) de desconto cando Illarramendi puido marcar até en dúas ocasións e Bruma estragou outra opción clara. Mais non era o día para os donostiarras, xa que os ventos eran propicios para os de Berizzo. Foi un partido moi igualado, decidido a prol dos nosos por unha vaselina en movemento, un alustro de xenialidade do astro de Moaña. Así é o fútbol, unha alquimia misteriosa, onde se funden doses de creatividade e de esforzo, capaz de xerar emoción tan intensa coma a que vivimos onte en Balaídos.