Artigos

Onte 234: En defensa da sanidade e educación públicas

Milleiros de persoas manifestáronse en diversas cidades galegas, convocadas por CC.OO e UGT, en defensa da educación e sanidade públicas. É moi difícil entender as razóns polas que as organizacións nacionalistas, tanto sindicais como a maior parte das políticas, non participan nestas convocatorias cívicas. Sei que sucederá outro tanto nas convocatorias galegas do Primeiro de Maio, nas que tampouco haberá unidade de acción sindical. Nun momento decisivo como o que vivimos, onde os recurtes dos dereitos laborais e sociais ameazan co derrube completo do estado do benestar, as organizacións nacionalistas galegas teñen a obriga de estar onde a maioría social, a menos que pretendan quedar nas marxes, unha situación que deixaría a agra aberta para o medre do PSOE e de Esquerda Unida.

Onte 165: Síntoma

O éxito das manifestacións contra a reforma laboral de Rajoy é un síntoma do que pode acontecer no futuro. As polo menos vinte e cinco mil persoas, moita xente, da convocatoria viguesa, na que non participaron os sindicatos nacionalistas, anuncian que pode estar rematando a hexemonía do partido conformista. No abrente dese novo contexto, a unidade de acción entre todos os sindicatos  e tamén das organizacións políticas de esquerda é imprescindible. Só así será posible intentar evitar o importante retroceso nos dereitos laborais que supón esta reforma.

Onte 60: Na rúa co naval

En Vigo e Ferrol saímos á rúa para defender a identidade industrial de ambas as dúas cidades obreiras. Parabéns ás centrais sindicais pola convocatoria unitaria, un exercicio moi valioso de madurez e responsabilidade. Esta crise financeira do capitalismo especulativo non pode ser a excusa para liquidar a construción naval en Galicia, unha das actividades na que fomos, somos e podemos continuar sendo competitivos e eficientes. A defensa desta identidade industrial e dos seus milleiros de empregos é unha tarefa cidadá, que non atinxe só aos sindicatos. Así o deixaron escrito onte milleiros de pasos unidos nas rúas de Ferrol e Vigo.

«Vigo é traballo»

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a situación de crise económica na área metropolitana ao fío da manifestación sindical unitaria do domingo.

A grande manifestación sindical unitaria en defensa do emprego na área metropolitana de Vigo é unha chamada de alerta sobre a gravidade da situación económica e social que vivimos. Todos os pilotos xa están en vermello. Cunha taxa de paro do 21%, á altura da elevadísima media española e catro puntos por riba da media galega, no Vigo metropolitano viven 60.000 persoas en paro, das cales máis da metade son veciños do concello de Vigo. Disparadas nos tres últimos anos e con forte incidencia tanto nos sectores da industria como dos servizos, estas cifras sitúan a Vigo como a cidade con maiores taxas de paro de Galicia e un dos puntos negros do desemprego en España.

Estas taxas reflicten as dificultades económicas das empresas da nosa área metropolitana, tanto das grandes de capital trasnacional como aqueloutras pequenas e medianas empresas de capital galego. A crise financeira internacional bate sobre todas. A crise mundial do sector do automóbil supuxo a perda do 24% dos empregos do sector na comarca de Vigo, mesmo a pesar de certa resistencia inicial da factoría de Citroën que prescindiu de tres mil obreiros, a maior parte deles eventuais. Outrosí sucede coa crise do sector da construción naval, no que se perderon máis do 40% dos empregos fose a causa da falta de novos barcos ou de problemas engadidos como o da tax lease. Mais tamén hai perdas de emprego noutros sectores industriais como o do resto do sector metalúrxico, o téxtil, a madeira, a construción e as actividades pesqueiras. Sen esquecer o fortísimo impacto da crise sobre as pequenas empresas do sector de servizos, sometidas ás restricións de financiamento polos bancos, a pesar de que moitas delas sexan viables, e ás políticas de redución do gasto das administracións públicas para diminuír o déficit público. O pequeno comercio vigués vive unha situación catastrófica como se pode comprobar paseando por algunhas rúas viguesas, onde hoxe semella que son máis os establecementos pechados que aqueloutros que continúan abertos.

A situación que vivimos en Vigo é difícil e, magoadamente, as perspectivas a curto prazo non son moi alentadoras. Sabemos que para saír da crise non abondará cunha simple modificación das actuais políticas de contratación, receita salvadora que propoñen os que defenden unha maior flexibilidade para o despido, cando se amosa que outras comunidades coa mesma normativa laboral que temos en Galicia (eis os casos de Euskadi, Navarra) presentan unhas taxas de paro que son a metade das nosas. Como tampouco creo vaian axudar a reactivar a actividade económica, e polo tanto a fomentar o emprego nos sectores privados, as políticas públicas de consolidación fiscal baseadas só nos recurtes dos servizos e na eliminación de calquera investimento en infraestruturas e dotacións de carácter público. Como sobran as proclamas electorais oportunistas, que estes días empregan nos mítins o desemprego como reclamo de partido e prometen a recuperación da confianza como auténtico fierabrás capaz de curar nun plis plas todas as feridas causadas pola crise. Os economistas insisten en que non é posible unha recuperación dos niveis de emprego sen políticas que poñan o seu énfase no estímulo da actividade económica (crecemento do PIB como mínimo por riba do 2%). Aí nesas políticas económicas proactivas e na reorientación da actividade produtiva cara aos sectores máis dinámicos e eficientes pode enxergarse unha saída a medio prazo para crise tan dura como a que vivimos.

A economía viguesa, baseada nun forte sector industrial e nunha presenza importante das actividades pesqueiras e marítimas, deberá asumir ese mesmo reto, tamén esa oportunidade, para modernizarse e reinventarse tecnoloxicamente en sectores en profundaza mudanza. Vigo non pode resignarse a perder sen batalla os seus principais sectores industriais. A identidade viguesa forxouse, ao longo de dous séculos, polo traballo teimudo dos seus mariñeiros, obreiros, empregados e dos seus empresarios e emprendedores, capaces de superar as maiores dificultades. Vigo é unha cidade marítima industrial. Aí reside unha cerna que non pode perder.

A crise actual lembra moito á vivida hai tres décadas, cando a cidade afrontou con toda a súa coraxe os problemas de Citroën e a brutal reconversión do sector naval, sectores defendidos polos traballadores e os seus sindicatos coa maior afouteza, mais que contaron co apoio unánime do resto dos sectores cidadáns. Lembrar aquelas manifestacións de 1984, cando a cidade toda reclamaba a continuidade do sector da construción naval, constitúe hoxe un acicate e un motivo para a esperanza. A nosa laboriosa abella da ribeira posúe, tamén, un carácter revolcado, unha resistencia teimosa que lle imprime dinamismo. Apostemos para que no futuro Vigo será traballo.