Artigos

Día sen coches

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración do Día europeo sen coches:

Se hoxe collen algunhas das liñas H de Vitrasa (H, H1, H2, H3), as que acaban no Hospital Álvaro Cunqueiro, as viaxes sairanlles gratis, xa que o concello de Vigo e a concesionaria do transporte público celebran así o Día Europeo Sen Coches, efeméride incluída na Semana Europea da Mobilidade promovida pola Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea. Baixo o lema «Mobilidade sen emisións para todos», esta semana pretende sensibilizar á cidadanía europea sobre o dano que á saúde e ao medio ambiente provoca o uso indiscriminado do coche dentro da cidade, ao tempo que salientar os beneficios achegados polos medios de mobilidade considerados máis sostibles como son a bicicleta, as viaxes a pé, os sistemas de coche compartidos ou o empregar os servizos de transporte público.

Unha iniciativa nacida en 1999 coa intención de atopar solucións aos problemas provocados pola saturación do tráfico urbano, dende o 2000 foi apoiada pola Comisión coa intención de promocionar accións de mobilidade sostible e fomentar o desenvolvemento de boas prácticas e medidas permanentes de mobilidade. Obxectivos que ao fío das políticas de loita contra o cambio climático se concretaron máis recentemente en acadar en 2050 un continente neutro en emisións.

Razóns abondas hai para modificar o actual sistema de mobilidade urbana, baseado no abuso do emprego do coche particular. Provoca conxestión en horas punta co conseguinte tempo perdido en atascos e coas repercusións económicas que conlevan. Impide a integración dos diversos medios de transporte públicos e das súas conexións intermodais. Ocupa de forma desproporcionada até o 50 % dos espazos urbanos dedicados ás infraestruturas para a circulación e estacionamento dos vehículos. Deteriora a saúde da veciñanza polos hábitos de sedentarización que supón e polos inaceptables índices de sinistralidade en vías urbanas, como agrava a doenza do propio planeta, polo crecemento descontrolado das emisións dos Gases de Efecto Invernadoiro, polo deterioro da calidade do aire e o incremento do ruído nos espazos urbanos.

Coa intención de promover un modelo alternativo a Comisión Europea convida (certo é que de forma máis retórica ca efectiva) á cidadanía a que ao longo desta semana ensaie os beneficios que lle puidesen proporcionar as camiñadas e o pedaleo en bicicleta, os dous exercicios cardiovasculares máis populares, tanto se as consideramos actividades de lecer ou deportivas como se as utilizamos como formas de desprazamento ao traballo ou ao centro educativo. Convite a mudar os hábitos de mobilidade que as autoridades europeas estenden ás responsables das diversas administracións competentes, sobre todo as locais, para que durante o resto do ano impulsen políticas públicas que habiliten espazos urbanos seguros destinados aos peóns e aos ciclistas e faciliten a toda a cidadanía o uso de medios de transporte sen emisións.

Boas prácticas de mobilidade sostible, como as que leva desenvolvendo dende hai dúas décadas o concello de Pontevedra, amosan que é posible un modelo alternativo de mobilidade baseado nun plan integral de circulación que contemple tanto a limitación do tráfico rodado en determinados espazos, as rutas alternativas de mobilidade a motor e estacionamento, como a ampliación dos espazos destinados aos peóns. Superadas as inevitables reservas iniciais, Pontevedra foi capaz de reducir as emisións de CO2 no equivalente a 500 quilos por habitante e ano, mellorar a calidade do aire, contribuír ao sostemento do comercio e da hostalaría local como, o que semella máis importante, axudar a consolidar hábitos saudables na veciñanza, xa que camiña como mínimo entre os sete e os dez mil pasos diarios recomendados pola OMS. Mudanzas de calado, que xa non teñen volta atrás, asumidas polos grupos políticos e a cidadanía, xa que conseguiron enriquecer a esencia da propia cidade e mellorar a convivencia da veciñanza. Caso o da Boavila deseñado, ademais, atendendo ás necesidade da infancia e das persoas maiores, os sectores máis vulnerables aos excesos e perigos do tráfico a motor.

No polo contrario está o caso da escasa mudanza no modelo de mobilidade no Vigo metropolitano, un complexo tecido urbano e periurbano onde queda case todo por facer neste eido. Porén, o feito de que Vigo sexa unha cidade do automóbil, pertence ao cada vez máis reducido e selecto club internacional de cidades fabricantes de vehículos a motor, constitúe unha oportunidade para encabezar a mudanza cara a consolidación dun emprego alternativo e sostible dos vehículos híbridos e eléctricos. Comezar coa confección dun plan estratéxico de circulación metropolitana intermodal abriría a axenda dunha das cuestións máis decisivas para o Vigo futuro.

Onte 1668: Conflito de tráfico no Cunqueiro

caos_no_cunqueiro

Subín onte ao Campus das Lagoas para participar nun xurado e quedei abraiado do caos de tráfico arredor do Hospital Álvaro Cunqueiro. Centos de coches estacionados na estrada (sobre liña continua), numerosas persoas cruzando nunha vía na que circulan os trailers do centro loxístico de Valadares, colas interminables á altura do acceso ao propio hospital, atascando a entrada das ambulancias. Algo que pode parecer incrible nunhas instalacións con apenas varios meses de funcionamento. Sabemos as razóns polas que o concello de Vigo, responsable da disciplina de trafico no vial da Universidade, non actúa nas lindes do Cunqueiro como era de agardar? Como sería posible solucionar estoutro conflito entre o Sergas e o Concello de Vigo, ao que sabemos non son alleas as tarifas do aparcamento no propio hospital e a inexistencia, polo momento, dunha alternativa pública gratuíta? Non podo entender como os pacientes, usuarios e traballadores do centro sanitario sexan os que estean pagando as incomodidades e os perigos deste desacordo interinstitucional.

Onte 1417: Alto do Fiouco

fioucoRegresando de Santander pola A8, o paso polo temible Alto do Fiouco, entre o lusco e fusco posterior ao solpor, coincidiunos cun moi espeso neboeiro. A experiencia foi ameazadora, propia dunha película de medo para a que non sacamos entrada ningunha no despacho de billetes. A pesar do túnel de luz creado polos sinalamentos laterais e na propia vía, a situación deste treito de dez quilómetros da A8 entre a Xesta e o Arroxo, vixiado por un radar de tramo, é absolutamente inconcebible, xa que continúa sendo unha inadmisible ameaza para a seguridade vial. Máis alá das razóns que levaron ao Ministerio de Fomento a trazar tan alta a autovía, nunha zona onde, sexa verán ou inverno, o contraste de temperaturas entre a Corda e a Mariña e o vento nordés provocan unha espesa néboa, é imprescindible procurar unha solución, que non sexa a de interrumpir decote o tráfico e evitar que os condutores e condutoras leven durante un cuarto de hora o corazón na man.