Listado de la etiqueta: terrorismo_machista

Terrorismo machista

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao terrorismo machista:

lafoto1_669303_0x0_izdaO asasinato de María José Mateo García “Sesé”, tras a explosión de gas butano provocada na súa casa de Chapela pola súa ex-parella Emilio Fernández Castro, é o máis recente atentado de terrorismo machista na área metropolitana de Vigo. Un crime executado a sangue frío, tras un plan concienzudamente preparado en todos os seus detalles, que amosa a ferocidade deste asasino que puxo todos os medios para impedir que a muller puidese escapar ou defenderse. “Sesé” foi outra vítima a engadir á lista de 17 mulleres (de todas as idades) asasinadas en España polas súas parellas ou exparellas dende comezos de 2017, período considerado como o peor de violencia machista na última década. Un fenómeno terrorista que, a pesar dos esforzos de concienciación social, repunta no seu número de vítimas e, segundo fontes policiais e xudiciais, no seu nivel de violencia.

Sabemos que esta lacra de morte e moita dor (canto menos tres mulleres foron asasinadas en Galicia en 2016 e 45 desde 2007) non vai ser doada de erradicar. As cifras son moi teimudas e demostran que nos últimos anos non se mitiga o número de casos e de denuncias relacionadas coa violencia machista (arredor de 15 diarias en Galicia, das que 3 corresponden ao xulgado de Vigo) medrando o número de mulleres obrigadas a vivir baixo algunha medida de protección (máis de tres mil), das cales máis de mil teñen protección policial activa. Datos que son apenas orientativos, xa que os criterios de contabilización de vítimas do feminicidio varían en función do organismo público que os realice (Consello Xeral do Poder Xudicial, Ministerio de Sanidade, Ministerio do Interior ou a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia), cinguíndose aos casos contemplados na Lei 1/2004 de Medidas de Protección Integral de Violencia de Xénero, na Lei 8/2015 de protección da infancia e adolescencia e na Lei 11/2007 galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero, ou dos utilizados polas organizacións feministas que contemplan todas as formas de violencia e agresión sobre as mulleres.

A violencia sobre as mulleres é unha ferida que se agranda e da que os asasinatos son apenas o iceberg desoutra perigosa doenza do machismo, cultura relacional inoculada de forma explícita ou implícita nos máis diversos eidos da vida social. Un machismo que lonxe de mitigarse continúa estando moi presente, xa dende o berce, na educación familiar que diferencia entre o universo azul dos nenos e o mundo rosa das nenas. Machismo falocéntrico consolidado nos modelos actuais de amor romántico adolescente, simbolizados polo cadeado e a sumisión feminina, cuxas formas de sometemento e exaltación do control están presentes nas letras dalgunhas cancións de moda e son aceleradas pola utilización de Whatsapp e outras redes sociais. A educación na igualdade dende o berce, tanto no eido familiar coma escolar, semella a longo prazo a única vacina eficaz para erradicar os comportamentos machistas que están na orixe desta violencia contra as mulleres.

Mais esa revolución educativa pola igualdade require de tempo e dun gran consenso social e institucional aínda por forxar capaz de sensibilizar ao conxunto da cidadanía que vivir en igualdade non só é posible, senón a única forma digna de facelo. Un proceso que pretende erradicar a violencia contra as mulleres que debe ser acelerado por un gran pacto galego contra a violencia machista. Acordo (por ventura) aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia hai un mes, a proposta de Ana Pontón, no que, entre outras, se contemplen as medidas de protección e asistencia das vítimas, o recoñecemento do concepto de feminicidio, a mellora dos medios e recursos xudiciais, a intensificación de medidas de prevención,  a colaboración cos concellos, a potenciación do funcionamento do Observatorio Galego de Violencia de Xénero e a implicación dos medios de comunicación social públicos e privados no combate á violencia machista evitando o morbo e o sensacionalismo no seu tratamento informativo. Un pacto galego cuxas achegas deben ser incorporadas a esoutro imprescindible Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Erradicar o terrorismo machista obriga á cidadanía a participar de forma activa promovendo comportamentos en igualdade, visibilizando a súa repulsa, denunciando aos agresores e arroupando con firmeza e agarimo ás vítimas. Unha obriga que para os poderes públicos e os medios debería ter a consideración de “cuestión de estado”. Por acción ou por omisión todos e todas podemos contribuír a parar este feminicidio, que é perfectamente evitable.

Sobre o feminicidio

iiNo artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono arredor do termo «feminicidio».

feminicidio-sociedad“Feminicidio”, xunto a “refuxiado” e “xihadismo”, foron escollidas polo magnífico Portal das palabras, que a Real Academia Galega e a Fundación Barrié manteñen como espazo didáctico en Internet, como as “Palabras do ano” 2015. Sen dúbida que as persoas que as escolleron nunha votación na rede, entre outras tres finalistas, tamén de actualidade como “indignación”, “plebiscitario” ou “rechouchío”, expresaron a súa sensibilidade sobre os conflitos que cada unha delas tres denota: o dos milleiros de persoas que foxen das guerras de Siria, Iraq e Afganistán ou das dos países subsaharianos procurando refuxio nas sociedades da Unión Europea; o dos masacres do terrorismo xihadista de París, como o de xaneiro na redacción da revista “Charlie Hebdo” ou o de novembro na discoteca Bataclan, realizados en nome dunha suposta xihad; o desa vaga de asasinatos de mulleres que se veñen producindo de xeito teimoso, diante dos nosos ollos, mais tamén da inacción conformista dunha parte significativa da nosa sociedade. Co maior respecto para cada unha destas escollas, para min é “feminicidio”, unha palabra aínda non incorporada aos dicionarios galegos normativos, a triste protagonista do pasado ano.

En 2015, como na década, as cifras deste feminicidio foron estremecedoras. 56 mulleres foron asasinadas en España (arredor de oitocentas nos últimos dez anos); sete delas en Galicia (corenta dende o ano 2006), comunidade que se sitúa entre as tres primeiras en número de vítimas; cinco delas na área metropolitana viguesa, sen dúbida, un punto negro no mapa da violencia machista. Cifras de asasinatos tremendas, auténticas marcas macabras que constitúen apenas a punta do iceberg do fenómeno das violencias que sofren milleiros de mulleres baixo moi distintas fórmulas e intensidades. Así o revelan de forma unánime distintos informes recentes como o do Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, o da Secretaría de Mulleres da CIG, o da Marcha Estatal contra as Violencias Machistas ou o elaborado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Datos contundentes que non ofrecen moitas dúbidas sobre a gravidade do fenómeno. En novembro de 2015 estaban en vixencia en Galicia 7.759 ordes de protección a vítimas de violencia machista. No 2014 solicitáronse 1327 ordes de protección, acordándose o 65 % delas, producíndose 5.209 denuncias, 14 por día.

O Portal das palabras define o feminicidio como o “asasinato dunha muller polo feito de selo”, na liña do que se recolle xa nalgúns códigos penais de diferentes países como México, Chile ou Arxentina que, coincidindo co expresado pola Corte Interamericana de Dereitos Humanos, o inclúen como figura xurídica. O feminicidio trataríase dun asasinato da muller por razón do seu xénero, por odio cara ás mulleres, por rexeitamento da súa autonomía e o seu valor como persoa ou por razóns de demostración de poder machista ou sexista. Xaora, nun sentido máis amplo, seguindo a proposta da deputada feminista mexicana Marcela Lagarde, que conseguiu que a Real Academia Española incluíse a acepción “feminicidio” na última edición do seu dicionario, o termo comprende o conxunto de violacións dos dereitos humanos fundamentais das mulleres. Seguindo a liña de Lagarde, Carme Adán, deputada do BNG, defendeu o pasado mes de novembro no Parlamento Galego unha proposición non de lei (que non foi aprobada pola oposición do Partido Popular) destinada a iniciar un debate para modificar a Lei de medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, na que se incluíse o termo “feminicidio” e na que se elaborase un estatuto de vítima para as mulleres que sofren violencia de xénero.

O feminicidio non pode ser abordado de forma rotineira nas páxinas ou seccións de sucesos dos medios impresos e audiovisuais como un “crime pasional” froito dos ciumes ou das desavinzas de parella, á altura dos delitos económicos de contrabando ou narcotráfico. O feminicidio debe pasar a formar parte central da axenda pública, a utilizada polos medios e institucións públicas, mais tamén das organizacións políticas (non só durante os debates de campaña) e das entidades sociais e cívicas (non só dos grupos feministas), considerando a erradicación deste terrorismo machista como unha prioridade, unha “cuestión de estado”, na que cómpre contar con recursos socioeducativos e coas medidas xudiciais e policiais suficientes para combatelo. Razóns polas que cómpre comezar a chamar as cousas polo seu nome: “feminicidio”, “violencia machista”, “asasinato”, “lacra”, “noxo”, “nunca máis”… Verbalizar esta traxedia feminicida coas palabras axeitadas, fuxindo de eufemismos e termos ambiguos, é o primeiro requisito para poder intentar erradicala.

Onte 1168: Pirámide machista

piramide_machistaOnte dúas mulleres foron asasinadas e outra ferida gravemente en tres novos episodios da noxenta lacra do terrorismo machista. Acontecementos nos que chove sobre mollado xa que nalgún caso o asasino tiña «antecedentes por violencia de xénero» e nos outros dous repítese o modelo de asasino suicida. En todos os tres casos, como moi ben representa o esquema piramidal publicado pola Coordinadora Feminista, a base destas formas explícitas de violencia machista, está nun modelo de sociedade patriarcal onde o machismo adopta formas sutiles e invisibles no ámbito do privado, dende os micromachismos (tan en voga nalgúns adolescentes) até as chantaxes emocionais, desde a linguaxe e publicidade sexista até a humillación e desvalorización que estes milhomes provocan as súas compañeiras. Ben sei que non é doada a erradicación desta lacra noxenta da noite para a mañán, mais si que é posible adoptar tolerancia cero tamén con esas formas máis sutiles e invisibles do machismo, orixe de asasinatos, agresións, violacións ou abusos.

Sobre o terrorismo machista

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a escalada da violencia machista do pasado mes de agosto.

violencia /

Este verán produciuse en Galicia unha escalada de violencia machista. Até finais de agosto foron seis as mulleres asasinadas (catro na provincia de Pontevedra) polos seus maridos, noivos ou amantes ou polos seus ex maridos, ex noivos ou ex amantes, un número de vítimas que duplica as de todo o pasado ano, sendo o peor rexistro deste tipo dos últimos cinco, semellante ao doutras comunidades como Catalunya e Madrid de moito maior poboación. Escalada que tamén se produciu no conxunto do estado, onde estas cifras criminais son tamén tremendas, xa que até o pasado seis de setembro eran 41 as vítimas da violencia machista, dez máis que na mesma data do ano anterior, xa preto das 55 de todo o 2013. Cifras a engadir á estatística da última década na que se levan computadas máis de setecentas mulleres asasinadas. Unha barbaridade que debera ser considerada e abordada como un fenómeno terrorista, unha lacra a erradicar de raíz, un problema político e social de primeira magnitude.

Porén, este noxento terrorismo machista non recibe por parte da nosa sociedade no seu conxunto, nin dos seus poderes públicos en concreto, a mesma repulsa e a mesma severidade que a lacra do terrorismo político.   Quizais iso explique as razóns polas que as penas para os condenados polos delitos asociados á denominada “violencia de xénero” son sensiblemente menores ás dos crimes políticos. Quizais iso explique que diante da opinión pública este crimes contra as mulleres se transformen en froitos dunha cegueira transistoria por un amor non correspondido, polo feito de ter sido abandonado, por un ataque de celos ou mesmo pola falta de traballo do asasino. Quizais, tamén por iso, os actos de repulsa por cada un destes asasinatos case nunca convoquen a milleiros e milleiros de persoas, quedando reducidos á rotina dos minutos institucionais de silencio, á expresión da dor das familias e amizades nos enterros e ás teimosas mobilizacións de resistencia do movemento feminista. Quizais por iso a excarcelación prematura destes asasinos non provocara nin as protestas nin a indignación da doutros autores de atentados. Quizais por iso eses centos de mulleres asasinadas non recibiron a consideración de vítimas do terrorismo. Semella que estes asasinatos continuos de mulleres fosen apenas unha inevitable e fatal expresión dunha violencia no eido do privado imposible de atallar, un fenómeno que non provocou aínda suficiente “alarma social” para ser abordado como cuestión de estado.

A pesar de que xa hai case dez anos foi aprobada a “Lei de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero” a loita contra o terrorismo machista nunca chegou a formar parte do primeiro plano da axenda pública, aquela que manexan os poderes públicos e os medios de comunicación. Así o entenden as organizacións feministas que a pasada semana entregaron no Parlamento Galego unha táboa reivindicativa na que reclamaban a posta en marcha dunha serie de medidas contra a violencia machista, no marco dunha abordaxe integral do problema. A loita contra a lacra machista non é unha responsabilidade só das políticas e departamentos de Igualdade, xa que corresponde a acción global dos gobernos.

As medidas educativas encabezan sempre estas accións destinadas a combater o virus machista que inocula de forma silenciosa a sociedade. Sexa por medio de programas coeducadores nos centros, rachando xa dende a educación infantil e primaria cos funestos estereotipos actuais do universo rosa de princesas para as nenas e dos superheroes violentos para os nenos, como polos programas de educación afectivo-sexual impartidos para o alumnado adolescente de Secundaria, nos que se deberían poñer en cuestión os funestos modelos de amor de cadeado, onde hoxe teñen a súa orixe moitos comportamentos machistas e violentos da nosa mocidade e mesmo algúns destes crimes.

Por importantes que sexan, para loitar contra esta violencia machista non abonda coas medidas educativas. Precísase, ademais, completar o mapa de xulgados especializados en violencia de xénero e poñer en marcha medidas para axilizar a tramitación de denuncias. Cómpre desenvolver campañas de concienciación sobre a corresponsabilidade social para illar aos agresores. Como tamén é necesario respectar un protocolo de actuación a respecto do tratamento da violencia de xénero nos medios de comunicación na liña das recomendacións do Colexio Profesional de Xornalistas. En definitiva, requírense medios para desenvolver programas específicos nos eidos xudicial, sanitario, laboral, asistencial e de protección das vítimas e das súas familias. E, polo tanto, a mobilización de recursos económicos públicos, o que resulta incompatible coas políticas de recortes nunha cuestión de estado coma esta.

Onte 1082: Terrorismo machista

Non_a_violencia_machistaTras a intervención do vicepresidente Rueda sobre a escalada de violencia machista en Galicia, diante dunha bancada do Goberno baleira, Carme Adán preguntou na tribuna: «Imaxinemos, por un momento, que estivésemos a falar de sete persoas mortas por terrorismo. Vostedes cren que non estaria aquí Feijóo?» E non lle falta razón á deputada do BNG cando fai este duro paralelismo, xa que o terrorismo machista debe ser considerado como unha cuestión de estado, un problema político e social de primeira magnitude. Así o entenden as organizacións feministas que entregaron onte ao vicepresidente unha táboa reivindicativa de medidas contra a violencia de xénero, que van dende accións educativas e sanitarias, a outras referidas coa xustiza e a seguridade, o emprego, o apoio ao asociacionismo feminimo, a erradicación da publicidade sexista ou o protocolo de actuación dos medios de comunicación sobre esta cuestión. Para combater a lacra do terrorismo machista non abondan os minutos de silencio. Requírese que pase ao primeiro plano da axenda pública. Daquela, a bancada azul non quedaría baleira cando se abordase no Parlamento.