Artigos

Arruídos de Vincios

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a publicación de Arruídos o primeiro disco de Cantares do Brión.

Canatres_do_Brion_UDVArruídos é o nome dun cume de 709 metros de altitude situado na aba occidental da Serra do Galiñeiro. Pertencente á parroquia de Vincios no concello de Gondomar, na penichaira do monte de Arruídos, a 460 metros de altura, nunha zona moi húmida, o arqueólogo Javier Torres Goberna identificou un campo de mámoas de interese, formado por tres túmulos, un dolmen e dúas cistas, próximos aos petróglifos da Pedra da Laxe, as alfaias arqueolóxicas desta Serra do Galiñeiro. Con vistas privilexiadas sobre o Val Miñor, este outeiro é ben coñecido por sendeiristas e afeccionados á bicicleta de montaña.

cantares do brionMais “Arruídos” é tamén o título do primeiro disco de Cantares do Brión, o coro tradicional galego con sede no Centro Cultural de Vincios, integrado na actualidade por 60 persoas, desta parroquia gondomareña e doutras do Val Miñor. Un título que non é caprichoso nunha agrupación que tira o seu nome da Touba do Brión, unha cova situada tamén no monte dos Arruídos onde se localiza unha lenda e onde Cantares do Brión organiza a súa romaría anual.

Desde a súa constitución en marzo de 2010 Cantares do Brión inseriuse na tradición centenaria dos coros tradicionais galegos nacida en 1883 seguindo o modelo acuñado polo boticario pontevedrés Perfecto Feijóo na agrupación Aires d’a Terra. Un repertorio vinculado ás formas da música tradicional de noso (alalás, foliadas, pandeiretadas…), a utilización habitual da lingua galega e de instrumentos tradicionais, incluídos os diatónicos (gaita e zanfona), e o coidado do vestiario tradicional dos participantes foron os compoñentes principais dunha fórmula coral que no período de entre séculos circulou de forma exitosa nos escenarios galegos e tamén nos de alén mar.

Patrón de enxebreza musical que, como sinala a historiadora Lorena López Cobas, deu pé ao nacemento de agrupacións semellantes noutras localidades galegas: Toxos e Froles (1915) en Ferrol, agrupación a piques de celebrar o seu centenario; Cántigas da Terra (1916) na Coruña, que tamén mantivo o seu pulo ininterrumpido; Foliadas e Cantigas (1916) en Pontevedra; Agarimos da Terra (1916) en Mondariz; Cantigas e Aturuxos (1917) en Lugo, a primeira que gravou o himno galego en 1918; Agrupación Artística de Pontevedra (1917); Agrupación Artística de Vigo (1918); Coral de Ruada (1918) de Ourense e Cantigas e Agarimos (1923) de Santiago, dúas agrupacións estas últimas que aínda por ventura manteñen a súa actividade.

Cantares do Brión, a nova agrupación miñorana, recolle a testemuña destas agrupacións históricas e o seu modelo de fachendosa enxebreza para ofrecer un primeiro disco de coidada edición gráfica e musical coa que a agrupación dirixida por Pablo Rial Salgueiro e presidida por Xosé García Crego fixa o seu repertorio propio e rende humilde tributo aos seus predecesores. Abre o disco “Eu non sei o que me deches”, unha versión da foliada tirada do repertorio de Toxos e Froles, o decano dos coros históricos. Outrosí sucede coas versións da “Foliada de Cerdedo” do repertorio de Cántigas da Terra, do “Alalá nº 3” de Aires d’ a Terra, o primeiro coro tradicional galego, da “Foliada de Viveiro” da Coral de Ruada e da “Pandeiretada de Rendal” de Cantigas e Agarimos, pezas todas nas que a agrupación miñorana ofrece un nivel altísimo de harmonización coral e instrumental de temas senlleiros da nosa memoria musical.

Repertorio histórico que dialoga coas creacións propias dunha agrupación que procura textos da literatura popular e de autor para promover no século XXI a composición de música coral, vocal e instrumental. Reto que asumiu Luís Correa Piñeiro, un dos gaiteiros da agrupación, autor de catro temas do disco: “Tríadas do vento no mar”, sobre poemas de Valentín Paz Andrade; o alalá “Camiño de Ourense”, sobre texto de Manolo Pipas; “Na Touba do Brión”, sobre coplas recollidas por Rosalía Hermida Pérez e a “Foliada de Vincios”, dúas pezas insignia do coro. Pablo Rial Salgueiro compuxo “Has de cantar”, sobre versos de “Cantares gallegos” de Rosalía de Castro, ademais de ocuparse como director do coro dos arranxos doutras numerosas pezas, entre as que cómpre destacar pola súa dificultade a das tres encadeadas en homenaxe a Casto Sampedro e o “Canto popular”, tomado do “Cancioneiro Galego” de Martínez Torner e Bal y Gay, un dos temas, xunto ao “Pasodobre de Sísamo”, arranxado por Félix Rodríguez, e “O carro”, a canción de “Mero” arranxada por Paco Barreiro, máis logrados dun disco memorable sen desperdicio ningún.

Recomendo moi vivamente estes “Arruídos” de Cantares do Brión, un coro de música tradicional galega que na área metropolitana de Vigo recolle a testemuña da fórmula de enxebreza acuñada hai un século por Aires d’a Terra: lingua, música e traxe de noso. Agardamos un gran concerto de presentación en Vigo.

Serra do Galiñeiro

No artigo da semana en Faro de Vigo abordo as ameazas que sofre a Serra do Galiñeiro, unha das alfaias da natureza na nosa área metropolitana, ameaza pola instalación dun parque eólico e polas catas dunha prospeción mineira coa intención de «determinar o seu potencial mineiro en minerais de terras raras».

A coroa vexetal da área metropolitana viguesa, xunto á marabilla da ría, son as dúas principais alfaias da natureza  ao noso coidado. Un patrimonio natural trazado pola cordal da Serra do Galiñeiro que se estende polos concellos de Vigo, Mos, Gondomar, O Porriño e Tui. Os outeiros do monte Alba, o miradoiro do Cepudo e o pelouro do monte Galiñeiro (711 metros) constitúen referentes na paisaxe dos vales do Fragoso, A Louriña, o Val Miñor, o Baixo Miño e do propio Morrazo, ademais da orixe de regueiros e regos que manteñen afluentes dos ríos Zamáns, Vilaza, Chenlo, Miñor e Louro. Coa única excepción do Monte Aloia (629 metros) no concello de Tui, declarado parque natural en 1978, o resto da Serra do Galiñeiro, a pesar dos seus valores naturais, culturais, etnográficos, económicos e sociais carece de calquera figura de protección. Unha anomalía incompatible coas directivas europeas de protección dos espazos naturais, como denuncia o movemento social “Pola protección da Serra do Galiñeiro”, formado por catorce colectivos veciñais, deportivos, ecoloxistas e culturais, que reclaman a súa inclusión na rede galega de espazos protexidos.

O patrimonio natural da Serra do Galiñeiro está en perigo, a mercede dos cada día maiores intereses económicos que puxeron os seus ollos na riqueza que atesoura este espazo natural e cultural. A plantación masiva de eucaliptos, piñeiros e acacias reduce a biodiversidade dun espazo onde nas turbeiras e breixeiras húmidas se localizan endemismos florais como carrasco da turbeira e outras plantas en vías de extinción. Como agresivas co hábitat son a proliferación de canteiras, algunhas ilegais, outras abandonadas sen ser restauradas, e os vertedoiros incontrolados de lixo e entullo, agochados na impunidade do monte. Outrosí sucede coa apertura incontrolada de pistas e a súa ampliación con terra e entullo, e mesmo o seu asfaltado, co seu impacto brutal sobre as drenaxes dos mananciais, presas, levadas e muíños de auga, coa única intención de ser utilizadas por todoterreos, motos de cross e quads, vehículos moi agresivos para un espazo que lle é propio a endemismos como a saramaganta, á ra patilonga e ao cabalo do monte (raza autóctona declarada en perigo de extinción), un dos últimos cabalos salvaxes que quedan en Europa. Ameaza para os cabalos en liberdade, como para as aves que alí nidifican ou utilizan a serra como paso migratorio, que se incrementaría co proxecto intrusivo de instalación dun parque eólico que modificaría de forma irreversible esta paisaxe.

O patrimonio xeolóxico e cultural da Serra do Galiñeiro tamén está ameazado. A monumentalidade paisaxística das formacións de gneis de riebeckitanos, eses grandes pelouros do cume do Galiñeiro desafíados polos escaladores de todo Galicia, desaparecería de instalarse o aberrante parque eólico. Tamén estarían en perigo cavidades de valores xeolóxicos singulares, mais tamén orixe e morada dun amplo patrimonio de tradición oral, como a Cova da Becha (orixe dun culto relixioso non cristiano, ao que Ferrín dedicou artigos memorables) en Vincios e A Lapa da Moura en Morgadáns, covas estudadas polo Club Espeleolóxico Maúxo. Como quedarían afectadas as pegadas da presenza humana en xacementos de petróglifos da Auga da Laxe, Santa Lucía e Penedo das Pías, en mámoas como as de Chan das Moutas ou na fortaleza altomedieval do Galiñeiro. Un patrimonio arqueolóxico e etnográfico que ben merecía ser protexido sendo declarado Ben de Interese Cultural.

Como nova e grave ameaza supón para o futuro da Serra do Galiñeiro a solicitude da multinacional sudafricana Umbono Capital de realizar catas de prospección mineira nunha zona de monte entre os concellos de Mos e O Porriño coa intención de “determinar o seu potencial mineiro en minerais de terras raras”. Un eufemismo que non pode ocultar que procuran alí a existencia de itrio, escandio e outros minerais utilizados para a fabricación das baterías dos móbiles e automóbiles híbridos ou de pantalla de raios X.

Mais e sobre todo, o que está en perigo na Serra do Galiñeiro é un modelo de desenvolvemento sostible, tanto das actividades agrarias (especialmente o pastoreo de gando ceibe, a agricultura ecolóxica e aproveitamento forestal) como das deportivas (escalada, ciclismo de montaña, equitación, carreiras de montaña e orientación), culturais (celebración dos curros de Vincios e Morgadáns) e de turismo e lecer (senderismo, visita aos parques arqueolóxicos, colleita de cogomelos, etc.).

Esta alfaia do noso patrimonio natural e paisaxístico precisa do agarimo e compromiso de todos. Así o exixirán o vindeiro domingo 21 de abril os participantes na IV Andaina Pola Protección da Serra do Galiñeiro que saírá as 10:30 horas do Parque Forestal de Zamáns.