Artigos

Culturgal

No artigo da semana en Faro de Vigo recupero a traxectoria de Culturgal recoñecida co Premio da Crítica Galicia de Iniciativas Culturais.

Foi un éxito o xantar organizado o pasado sábado pola Fundación Premios da Crítica Galicia, liderada por Bieito Ledo e Antón Pulido, no que se deron a coñecer os galardóns correspondentes á produción cultural do ano 2012. Non defraudaron tampouco as escollas dos xurados das súas seis modalidades, tanto as candidaturas finalistas coma as gañadoras, que amosaron a excelencia da creación galega como o dinamismo acadado polas nosas industrias culturais. Xa a nivel persoal, especial emoción producíronme os premios que recibiron “Transmuta”, o poemario do chairego Xabier Cordal editado por Xerais, na modalidade de creación literaria, e Culturgal na de Iniciativas Culturais, un proxecto ao que me sinto moi vinculado dende o seu nacemento hai seis anos, que comparte o espírito inclusivo da fundación organizadora destes premios.

Non foi doado para Culturgal chegar a este o seu primeiro recoñecemento. Promovida pola Asociación Galega de Editores, naceu na semana das letras galegas de maio de 2007 no Pazo de Exposicións de Pontevedra como “Feira do libro e da industria cultural”. A semellanza da exitosa “Feira do libro e do disco en éuscaro” de Durango, con máis de corenta edicións de historia e milleiros de visitantes, Culturgal pretendía converterse nun grande escaparate anual das novidades do libro e do conxunto da produción cultural galega dirixidas a un público tanto familiar como profesional. O éxito do modelo feiral daquela primeira edición pontevedresa, dirixida polo editor Roberto Pérez Pardo, levou o ano seguinte a que fose a Consellaría de Cultura e Deporte de Ánxela Bugallo a que se ocupase durante a primeira fin de semana de decembro de 2008 da xestión e organización no Palexco da Coruña da que se bautizou como “Feira das Industrias Culturais de Galicia”. Foi este segundo Culturgal clave para a consolidación do modelo actual, non só polo seu éxito de público, senón tamén pola escolla dunhas datas fixas e pola definición da feira como un proxecto estratéxico da industria cultural en Galicia e en lingua galega.

Tras a crise de 2009, ano no que non se celebrou Culturgal, coincidindo coa chegada do PPdeG ao Goberno Galego, no verán de 2010 a iniciativa privada retomou o liderado do proxecto. Catro asociacións empresariais AGE (edición), AGAPHONO (música), AGEM (música) e Escena Galega (teatro), á que poucos meses despois se uniron EGANET (internet e novas tecnoloxías) e AGAPI (audiovisual) constituíron a Asociación Culturgal. Inicíabase así un proceso de intensa e estreita colaboración e cooperación intersectorial das diversas empresas da nosa industria cultural que baixo a presidencia do editor Xulio Amigo e a dirección do equipo técnico de Sergio Lago organizaría durante tres anos consecutivos a feira no Pazo de Exposicións de Pontevedra. Dende a edición de 2010, contando como principais patrocinadores coa Consellaría de Cultura por medio de AGADIC e co concello de Pontevedra, Culturgal alicerzou o seu exitoso modelo de Feira das Industrias Culturais sobre tres piares: a venda e presentación de novidades (libros, discos, espectáculos, iniciativas…), as actividades e espectáculos para públicos diversos (con especial atención ao familiar e infantil) e as xornadas técnicas dirixidas a profesionais dos diversos sectores dunha cultura en tránsito.

Porén, a pesar do moito camiño avanzado, Culturgal non ten certeza sobre o seu futuro. A actual diminución das vendas dos mercados minoristas da cultura, as elevadísimas taxas de paro, a deflacción salarial e a perda de poder adquisitivo, o incremento do IVE até o 21 % na maior parte dos produtos e servizos culturais (coa excepción do libro impreso) como os durísimos recortes dos poderes públicos nas partidas de Educación, Cultura e Normalización Lingüística son ameazas para unhas industrias que en Galicia ocupan a 11.200 persoas.

Secasí, Culturgal sufrirá na edición que se celebrará este outono (29 e 30 de novembro e 1 de decembro) unha redución dos patrocinios públicos até niveis inadmisibles que poden provocar o seu colapso. Porén, Culturgal é hoxe pola fraqueza do mercado cultural máis necesario ca nunca, razón pola que os diversos sectores empresariais participantes, a pesar da súa diversidade, asumen a estratexia do estorniño, a solidariedade dos chirlosmirlos que adoitan manobrar en bandos atraendo a ollada da veciñanza das cidades. Eis a estratexia da corresponsabilidade deseñada por Xosé Aldea, o director deste Culturgal 2013, que procura a colaboración intersectorial e o protagonismo dos públicos, a primeira razón de ser desta feira. O Premio da Crítica Galicia chega no momento oportuno para recoñecer o traballo feito, mais sobre todo para alertar sobre o futuro dun proxecto necesario en man común.