Listado de la etiqueta: saturno

Onte 2104: «A parte queimada» de Manuel Veiga Taboada

Manuel Veiga é un dos escritores que mellor teñen explorado na literatura galega as marxes dos xéneros narrativos. Cada unha das súas entregas sorprende pola súa ollada temática ou pola súa estrutura orixinal na que adoita mesturar a súa experiencial vital coas súas múltiples lecturas literarias e políticas. Un procedemento que explorou nas súas entregas novelísticas máis recentes, Os xornalistas utópicos (Xerais 2013) e Todo ser humano é un río (Xerais 2016), no que dá outra volta de porca na súa entrega máis recente, A parte queimada. Stalin & Robespierre (Aira 2020), un texto a medio camiño entre a novela de intriga e o ensaio político no que explora o ADN do totalitarismo e do emprego da violencia como vía política revolucionaria.

Co pretexto de responder á pregunta de por que as revolucións francesa e rusa se converteron en traxedias nas que os seus protagonistas acabaron devorándose como fixo Saturno cos seus fillos, Veiga propón n’ A parte queimada unha viaxe polos textos literarios protagonizados polos seus líderes (Marat, Robespierre, Stalin…). Novelas como O noventa e tres de Víctor Hugo, O home revoltado de Camus, O cero e o infinito de Arthur Koestler, entre outras moitas, permítenlle a Veiga realizar cadanseu retrato e sobre todo actualizar o debate fulcral entre fanatismo e escepticismo político, especular se houbo diferenzas entre o terror de Robespierre ou o do Stalin (autor dun ensaio sobre lingüística), entre a estratexia de xacobinos e bolxeviques, como entre as obras literarias que as representan: «O Terror do 93 está ben representado en novelas románticas como a de Victor Hugo, mentres que as obras que describen a represión soviética, como a de Arthur Koestler, poderían enmarcarse en algo próximo ao xénero policíaco».

Manuel Veiga constrúe así unha orixinalísima novela política de non ficción sobre as revolucións contemporáneas e sobre os seus dilemas morais: «Por máis que resulte inquietante, deberiamos quizais recoñecer que todos nós, liberais, socialistas, marxistas, somos fillos do Terror, pois todas as teorías políticas non deixan de ser nidias herdeiras da Revolución francesa. As propias liberdades que hoxe nos definen foron logradas, en non escasa medida, a través do recurso a violencia».

A parte queimada, texto literario brillante, por inusual, transgresor e arriscado, merece toda a atención. Recomendo vivamente.

Onte 2082: Óscar Sánchez «Martin Pawley» no faladoiro virtual do colexio de Laredo

Óscar Sánchez «Martin Pawley» mantivo onte durante hora e media un faladoiro virtual sobre astronomía, ciencia e cine con corenta alumnos e alumnas de 5º e 6º de EP do CEIP de Laredo. Na presentación visual do proceso que levou ao nomeamento da estrela Rosalía de Castro, Óscar debullou un interesantísimo discurso sobre astronomía e literatura, alicerzado sobre a reivindicación do papel das mulleres na ciencia e o valor da diversidade linguística e cultural.

A seguir, Óscar respondeu durante case unha hora ás cuestións formuladas polos estudantes. Insistiu sobre o interese de ver os ceos nocturnos, «para o que só se precisan dos ollos e un pouco de paciencia, xa que tardan entre 30 e 40 minutos en acomodarse á escuridade», alertando sobre a contaminación luminosa dos espazos urbanos que impide ver os ceos limpos e aconsellando axudarse por uns prismáticos, se fose necesario.

Preguntado sobre a súa película preferida, recomendou A pequena vendedora de sol, de D.Diop Mambéty, ambientada en Dakar e protagonizada por unha rapaza que quere ser vendedora de xornais, expresión da diversidade do cinema actual. «A min gústanme as películas boas. Hai filmes bos en todas as partes. En Galicia e Portugal fanse películas moi boas e en África tamén. Interésame moito o cine africano, Ousmane Sembéne é un dos meus directores e escritores preferidos».

Un alumno preguntoulle sobre as dúas películas que dirixiu, a primeira Ilusións visuais (2006), sobre o paradoxo de ver, e a segunda que o chairego definiu como «catorce minutos de fogos artificiais na noite de san Xoán».  Outro interesouse por quen descubriu Ío, o italiano Galileo ou o astrónomo alemán Simon Marius. Un alumna solicitou que comentase a sua opinión sobre os lanzamentos de satélites artificiais promovido por Elon Musk.

Anunciou as próximas eclipses que se poderán ver en Galicia, salientando a eclipse total do 12 agosto de 2016 e lembrando que neste verán poderemos ver Marte, Saturno e Xúpiter. Tamén respondeu a pregunta se cría posible que chegase un Covid20. A ese respecto contestou que non sabía o que o podería pasar nos próximos anos, mais que en todo caso a pandemia do Covid19 se explica por factores como o aumento da mobilidade no planeta e a perda da biodiversidade: «hai menos planeta natural».

Para rematar abordou a cuestión do cambio climático que «xa non poderemos evitar, aínda que si mitigar as súas consecuencias»; «o cambio climático é o primeiro desafío ao que ten que facer fronte a humanidade». Rematou a conversa contestando a unha pregunta sobre a proximidade da Galaxia de Andrómeda, o que lle permitiu situarnos no universo e apelar ao valor da ciencia como mellor guía paraa humanidade.