Listado de la etiqueta: san_martiño_de_coia

Praza de Peniche

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a gabar o arranxo que fixo Anton Pulido da praza de Peniche e a reclamar que ese topónimo quede fixado no rueiro vigués.

CFmqa4IWAAEfhWW

Das actuacións artísticas recentes sobre o espazo urbano vigués paréceme moi destacable a deseñada por Antón Pulido para a nova praza de Peniche. O que noutrora foran tres casoupas centenarias e unha calella degradada, entre o camiño de Pazos e o cruzamento da rúa Pi e Margall e as de López Mora e Tomás Alonso, transformouse nunha rúa ampla e nunha praza de colorismo entusiasta que convida ao acougo e á conversa devagariño sobre seis bancos de formas redondeadas que manuscriben sobre o chan a palabra “aperta”. Unha formidable kermesse pulidiana de 14,5 metros de alto ocupa a medianeira do edificio sobre a praza, un latexar cromático caracterizado pola dominancia das cores vermellas e negras, que se expande como unha máscara de abstracción figurativa sobre os muros ondulados laterais.

Unha obra artística de altura que concilia o cidadán e a cidade nun punto de buligar urbano intenso. Unha praza xeitosa concibida como espazo de conversa entre o balbordo, o que sei agradecerán sobre todo as persoas maiores do barrio, mais tamén coa de ser un reclamo para o goce visual do paseante e do usuario do transporte colectivo abraiados diante de semellante explosión de cor. Unha obra importante do pintor Antón Pulido, auténtico poeta da abstracción emotiva, un dos máis grandes artistas de entre séculos, que con todo merecemento será homenaxeado pola Fundación Otero Pedrayo o vindeiro mes de xuño co Premio Trasalba.

Esta nova praza de Peniche nace sobre un espazo que sempre foi de fronteira para o Vigo de extramuros, probablemente un punto de fielato, situado entre dúas alturas, o que sempre supuxo un desafío para o seu arranxo urbanístico, que o arquitecto Jenaro de la Fuente pretendeu solucionar por medio de escaleiras, fontes e pérgolas, un fermoso proxecto que nunca chegou a desenvolver. O tranvía que circulaba pola antiga estrada de Baiona, chamada rúa de Pi e Margall en 1905, bifurcábase en Peniche cara á esquerda camiño do val do Fragoso, pola rúa de López Mora dende 1918, como sinala a moi fermosa placa de louza recuperada estes días polo concello, ou cara á dereita e abaixo pola estrada de Bouzas e a curva de San Gregorio que, como Peniche e a súa ribeira, formaban parte da parroquia de San Martiño de Coia.

Espazo periurbano de fincas e eidos vizosos, hai un século foise transformando como cidade xardín de vivendas unifamiliares para a emerxente burguesía industrial viguesa. En Peniche construíronse na primeira metade do século vinte algunhas das pezas senlleiras da arquitectura viguesa, como o (desaparecido) chalet Agarimo (1931) do arquitecto Manuel Gómez Román, a casa de Rosendo Silva (1900) de Michel Pacewicz, a vivenda de fasquía racionalista do doutor Adrio ou o chalet El Pilar (1913), felizmente aínda en pé, onde hoxe é a Casa da Mocidade. Sen esquecer a importancia que para moitos dos nosos avós tiveron o campo de fútbol de Coia, a catedral do fútbol vigués até a inauguración de Balaídos en 1927, e o parque das Cabañas, onde dende 1923 se celebraban bailes e verbenas de verán moi populares, instalacións de lecer ambas as dúas localizadas na ribeira de Peniche, próximas hoxe á zona industrial da beiramar roubada á ría.

Segundo o profesor Xerardo Sacau, Peniche debe o seu nome á existencia na súa redonda dunha rocha de pequena entidade, caso moi semellante ao de Picacho, o lugar onde estivo ubicado o cemiterio municipal, até o seu traslado a Pereiró a comezos do século XX, e décadas máis tarde a chamada fábrica do gas na actual rúa Llorente, que tamén faría referencia á existencia orixinal dunha punta de pedra sobre a ría. Peniche e Picacho son dous topónimos vigueses únicos de raíz oronímica que, probablemente, en tempos non moi afastados sinalaban dous lugares sobresaíntes sobre a ría. Senllos topónimos ameazados de desaparición, xa que na actualidade teñen moi escasa presenza no rueiro vigués, apenas como “Escalinata de Peniche” e Colexio Picacho, a pesar de que a administración o bautizou como CEIP Ramón y Cajal. Un caso semellante a doutros topónimos vigueses presentes na fala popular como Travesas, Casabranca, Choróns, Calvario, que fan referencia a barrios e lugares que todos os vigueses identificamos, mais que continúan sen recoñecemento administrativo no rueiro.

A creación desta nova e tan fermosa Praza de Peniche debería conlevar a súa incorporación ao rueiro e o seu sinalamento in situ. Como tamén contribuiría á preservación deste topónimo único que a Universidade de Vigo recoñecese aos centros que ten na rúa Torrecedeira como Campus de Peniche. Como tamén axudaría que Vitrasa o utilizase no sinalamento dos seus traxectos. A conservación da microtoponimia popular e a súa incorporación ao rueiro forma parte principal da conservación do patrimonio inmaterial. Benvidos á praza de Peniche.