Artigos

Onte 1727: Volve Harry Potter

Harry_Potter_VIIIPúxose á venda onte en todo o mundo a oitava entrega en inglés de Harry Potter, neste caso o texto da obra teatral Harry Potter and the cursed child, que se estreou tamén onte no West End londiniense. Tras 450 millóns de exemplares vendidos das sete entregas anteriores, o tesouro de Rowling segue acendido e as vendas do libro foron excelentes (Salamandra publicarao en castelán o 29 de setembro) como tamén as de entradas para a función teatral (175.000 nun só día). Algo espectacular para unha autora debutante. Porén, o caso máis chamativo é que o 50% das persoas que mercaron estas entradas non foron nunca ao teatro, sendo máis da súa metade, menores de 35 anos. Harry Potter conseguiu pór o teatro de moda entre os seus seguidores, que hoxe xa forman parte de varias xeracións. Unha noticia, que coincide coa celebración do catrocentos aniversario do pasamento de Shakespeare, o que no Reino Unido non está pasando desapercibido.

Máis alá do talento literario da J.K.Rowling e do interese do mundo de ficcion creado por ela hai dezanove anos, Harry Potter constitúe unha marca capaz de adaptar os seus contidos aos formatos máis diversos (lectura, cine, vídeoxogos e teatro polo momento, música e transmedia no futuro).  Unha transversalidade desenvolvida na era da homoxeinización cultural (que non coñece de fronteiras nin de linguas) sobre un mundo literario transformado en mito contemporáneo. Para fortuna dos seus editores e produtores teatrais o éxito desta oitava entrega está asegurado. Agardo que a peza dramática non desmereza a calidade dos textos narrativos.

Onte 1626: A corrupción financeira por Camilleri

portada_el-caso-santamaria_andrea-camilleri_201511300923Dentro do amplísimo catálogo de Andrea Camilleri, ademais das dúas ducias novelas negras protagonizadas polo comisario Montalbano e ambientadas na cidade imaxinaria de Vigàta, publicadas por Salamandra, cómpre non esquecer outras obras non menos interesantes publicadas por Destino na súa veterana colección Áncora y Delfín. Este é o caso de obras mestras da comedia como La concesión del teléfono ou La ópera de Vigàta ou thriller tan desacougantes como a recente El caso Santamarina, onde aborda o sofisticado entramado da corrupción. Mauro Assante, un rigoroso supervisor de entidades bancarias italianas recibe o encargo de preparar un informe confidencial sobre a situación da Banca Santamaria. Na súa vida de ordenado funcionario aparecerán entón situacións imprevistas e irrumpirán personaxes descoñecidas que acabarán por intimidalo até refacerlle a vida enteira. A mestría narrativa do siciliano permítelle tecer unha trama moi emotiva sobre os abusos do poder financeiro sobre o propio estado. Unha novela sobre a corrupción que non deixa fendas para a esperanza.