Operación Rosalía
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Día de Rosalía:
A celebración este ano do Día de Rosalía ven marcada polos importantes achados biográficos sobre a autora da investigadora Sagrario Abelleira recollidos no seu traballo recente «Rosalía e Murguía: datos, datas e documentos (1851-1858)». Esculcando sobre a denominación da praza de Vigo en Compostela, nacida dun irmandamento entre as dúas cidades, que supuxo tamén a inauguración da praza de Compostela en Vigo, Abelleira descubriu os documentos que testemuñan que Rosalía de Castro naceu o 23 de febreiro de 1837, e non o 24 como aparecía na súa partida bautismal. A localización do expediente inédito do casamento de Rosalía de Castro e Manuel Murguía na igrexa de Santo Ildefonso de Madrid o 10 de outubro de 1858, depositado no Arquivo Histórico Diocesano de Madrid, permitiulle atopar a escritura notarial de 1843, na que a nai de Rosalía, Teresa de Castro, declara por dúas veces que a súa filla naceu o 23 de febreiro de 1837, ás catro da mañá, ademais de recoñecela como filla natural, desmentindo a acta bautismal de que fose filla de pais incógnitos.
Declaración materna que a todos os efectos legais supoñía o seu recoñecemento como herdeira mais que, ademais, confesa que a levou a Ortoño onde foi aleitada durante seis meses por María, unha muller da parroquia, o que afasta a posibilidade de que fose abandonada por ela. O que abondaría tamén, segundo Abelleira, no feito de que Teresa Castro teimaría en que a súa filla recibise unha educación moi superior á que recibían a maioría das mulleres do seu tempo, tratando de formala arredor da Real Sociedad Económica de Amigos del País (1850), onde recibiría formación artística, literaria e musical e participando nas actividades do Liceo da Xuventude, onde coñecería aos poetas Eduardo Pondal e Aurelio Aguirre e probablemente, segundo Abelleira, lle permitiu ter acceso á bibliotecas de persoas que posuían libros en francés, inglés ou italiano. Esculcas de Abelleira sobre a estancia do matrimonio Murguía De Castro en Madrid que amosa a súa colaboración con intelectuais asturianos e a súa correspondencia cos responsables do periódico vigués La Oliva (1856) de ideas liberais e rexionalistas de Alejandro Chao, impreso no prelo de Juan Compañel na rúa Real 14 (que se corresponde ao actual 21, segundo demostrou o investigador Xurxo Martínez).
Relación co editor Compañel que no caso de Rosalía permitiría no ano do seu casamento a publicación do seu primeiro texto en prosa, «Lieders», incluído en «El Álbum del Miño» (1858), considerado o primeiro manifesto feminista en Galicia e a declaración da súa condición como escritora. Colaboración que continuaría coa publicación de «La hija del mar» (1859), a súa primeira novela. A amizade da parella con Compañel levounos a vivir en Vigo na casa do editor durante uns meses do ano 1860, estancia da que pouco sabemos. En todo caso, Rosalía publicaría con Compañel en 1863 os poemarios «A mi madre» e «Cantares Gallegos», o libro fundacional da literatura galega, saído do prelo o 17 de maio. Sabemos por don Francisco Fernández del Riego que Rosalía rematou a correr o libro, apremada polo editor. Contaba don Paco que «só estaba escrito o primeiro prego, que Murguía entregara na imprenta sen coñecemento da autora. Esta viuse obrigada a seguir escribindo, a medida que nas caixas demandaban o orixinal». Vigo quedou así vinculada á xeografía rosaliana, pola proeza de Rosalía e polo necesario estímulo do editor Compañel e do núcleo de liberais vigueses artellado arredor da súa imprenta dende 1855.
Os achados biográficos rosalianos de Sagrario Abelleira supoñen, como ten sinalado o xornalista Manuel Xestoso, un «renacer simbólico» da nosa poeta primeira, icona do noso Rexurdimento como da propia lingua, tanto polo feito de abrir novas liñas de investigación nos estudos rosalianos como pola mudanza da propia data do Día de Rosalía, que a partir deste ano pasa a ser o 23 de febreiro. Unha efeméride literaria que, ademais, este curso 2021-2022 e por vez primeira foi incluída no calendario escolar, o que sen dúbida contribuirá a intensificar as actividades sobre a autora. Como continuarán as múltiples iniciativas promovidas pola Fundación Rosalía presidida polo incansable Anxo Angueira que nesta edición, ademais de seguir coas actividades do 50 aniversario da apertura da Casa de Rosalía (1971), propón organizar lecturas e actos rosalianos, como o previsto na Deputación de Pontevedra, participar nas alboradas organizadas pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s ou convidar aos restaurantes a que esa xornada preparen un Caldo de Gloria, un caldo humilde recollido no poema «Miña casiña, meu lar», no que se relata a épica diaria da supervivencia. Neste primeiro 23 de febreiro, anóvase a celebración da proeza literaria de Rosalía.