Artigos

Cartel de Castrelos

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á polémica anual do cartel de concertos do Auditorio de Castrelos:

Afeitos como estamos en Vigo a utilizar o ditirambo para referirnos ao que sucede na cidade, concibido este termo como o cántico consagrado ao deus Dionisos ou a loanza entusiasta e esaxerada, é sempre un exercicio de risco cuestionar ou sequera comentar cuestións tan delicadas en Vigo como o contido do cartel de concertos do auditorio Castrelos deste verán, anunciados xa pola alcaldía no inverno en FITUR como de «rango mundial», en dous dos casos con «afluencia prevista de cen mil persoas». Polo momento, un cartel de dez concertos nocturnos e cinco actividades de tarde para público familiar, todas gratuítas e abertas a toda a cidadanía, unha vez que por ventura se desbotou o anuncio de que na zona de pagamento se priorizaría ás persoas empadronadas no concello de Vigo.

Un programa musical no que está previsto desfilen polo palco da finca da marquesa figuras como os veteranos Tom Jones (1940) e Roger Hodgson (1950) ou artistas da música dos oitenta como Rick Astley (1966) e Fangoria, o dúo formado por Alaska (1963) e Nacho Canut (1957), que sen dúbida revivirán en Vigo o entusiasmo das súas mellores noites. Cartel do que forman parte figuras consolidadas da música estadounidense como a rapeira Lauryn Hill (1975) ou a banda californiana de rock alternativo 30 Seconds to Mars, e cantantes españois como Leiva (1980) e David Bisbal (1979). Programa que se completa coa achega musical da Coral Casablanca de Vigo, xa un clásico das noites de Castrelos, e dos ritmos indies dos mociños e mociñas pontevedreses de Furious Monkey House, acompañados do coruñés Xoel López e dos madrileños de Vetusta Morla.

Un cartel que non teño dúbida constituirá un éxito musical rotundo, tanto pola afluencia como pola entrega do público vigués destas noites de Castrelos, mais que sen menoscabo da calidade do elenco, dificilmente pasará a historia musical da nosa cidade. Un cartel ao que sei permanecerán alleas milleiros de persoas amantes en Vigo doutras expresións musicais distintas a este mainstream musical pop, rock e indie, xa que non se lle ofrece posibilidade ningunha a ningún dos formatos de música clásica, sexa camerística ou orquestral, nin da música de jazz en ningunha das súas expresións nin da música folc, tradicional e de raíz nin tampouco a ningunha das expresións das artes escénicas, fose a danza, a ópera ou o teatro, nin do propio cinema. Un cartel no que quedou excluída, coa excepción do programa que poida ofrecer a Coral Casablanca, a música interpretada en lingua galega, o que semella incomprensible nunha cidade como a nosa onde naceu esta expresión da nosa cultura popular e onde está instalada a primeira Escola de Música Tradicional de carácter municipal e referente internacional neste eido.

Como mención á parte merece que neste o noso primeiro palco non sexa convidado ningún dos músicos vigueses en calquera das súas expresións, un feito dificilmente xustificable, xa que a promoción da cultura e o apoio aos seus creadores, en todas as súas disciplinas, incluída polo tanto a música, é unha das responsabilidades que os concellos da magnitude do noso non deberían eludir. O mesmo que en Balaídos vibramos coas evolucións sobre a lameira de Aspas, Mallo ou Rubén, sei que en Castrelos faríamolo se volvesen o palco artistas internacionais da canteira viguesa como Siniestro Total, Carlos Núñez, Iván Ferreiro, Milladoiro, Son de Seu ou das ducias de grupos de rock, pop ou indie, formacións jazzísticas e folquis viguesas existentes ou da propia Orquestra Vigo 430, que terían ademais unha oportunidade formidable para presentar o seu traballo ao gran público. Os centos de músicos vigueses de todas as expresións non poden quedar excluídos das noites de Castrelos, xa que a súa participación axudaría a enriquecer un cartel que hoxe está por baixo do dinamismo e da tradición musical viguesa.

En todo caso, estes comentarios, que repetimos cada verán dende hai case dúas décadas, amosan a necesidade de contar en Castrelos cun evento musical internacional do que carecemos, á altura do Festival Intercéltico de Lorient (xa na 49ª edición, dedicada este ano a Galicia), do Jazz de Vitoria-Gasteiz (na 43ª edición) ou do Festival Noroeste da Coruña (na 33ª edición). Algo que se intentou sen éxito hai case catro décadas naquel primeiro Festival Celta en Castrelos, ou co «Para Vigo me voy», festival de música latina que tras sete edicións prometedoras naufragou en 2007. Se queremos competir no mundo da música internacional, Vigo terá que facelo dende a súa singularidade e dende o dinamismo do tecido dos seus artistas e dos seus públicos. E para iso Vigo precisa, tamén no eido musical, apostar por proxectos culturais estratéxicos sólidos, con continuidade no tempo, máis alá da querenza e dos gustos dun ou doutro corporativo.

 

Campo do Fragoso CCV

SEN CARÁCTER

Non saímos onte con boas sensacións, tras un partido no que un Celta sen Aspas nin Mallo sancionados demostrou ser moi fráxil e incapaz de definir nos metros finais. Outra vez chove sobre mollado nesta tempada de Unzué, xa que cando o equipo podía engancharse outra vez no corno da lúa das posicións europeas, mesmo despois de dous excelentes encontros no Camp Nou e Mestalla, que abriron tantas esperanzas, volveu fracasar en Balaídos cun partido frouxo. Un resultado negativo, ademais, ao que non foi alleo as grandes intervencións de Asenjo, o porteiro visitante, e unha certa falta de fortuna nun par de xogadas decisivas que puideron nivelar a táboa de marcas.

De saída sorprendeu Unzué confiando ao canteirán Brais Méndez a banda dereita para alternarse nela con Daniel Wass que recuperaba a súa posición de lateral como nos seus inicios, cando xogaba en Dinamarca. Un falso 4-3-3 moi prometedor no que Lobotka, onte o mellor dos celestes (xunto a un par de intervencións de Rubén), levou todo o peso das transicións dende uns primeiros minutos moi prometedores nos que os celestes monopolizaron a bóla. Xaora, os visitantes avisaron de contado que non viñan de excursión e puideron marcar nunha xogada a balón parado, cando non pasaran aínda dez minutos. Como cinco minutos despois puido facelo Jozabed cun xutazo, ao que porteiro amarelo respondeu cun paradón espectacular.

Esta boa saída celeste foise desinchando coma un globo diante dunha defensa dun Villarreal moi ordenado que non renunciaba en xogadas ao chou a enfadar a Rubén. Así o fixo Trigueros dende a frontal no minuto 31, despois dun desgrazado esvarón de Jonny. E así chegou no 34 o decisivo gol de Fornals que cabezou en prancha e sen marca ningunha un centro de Bacca que cun caneo sentou a Daniel Wass. O gol tronzou animicamente aos de Unzué que caeron nun estado de melancolía descoñecido dende hai tempo na lameira do Fragoso. O Celta continuou conservando a pelota, mais o seu xogo enlenteceuse, adoptando a maior parte dos xogadores unha apatía tan rutineira como aborrecida para os seareiros. Con todo apretou un chisco nos minutos finais da primeira parte cando Maxi, despois dunha boa xogada colectiva, obrigou a Asenjo a saír de forma desesperada.

Tras a reanudación Unzúe meteu máis voltios procurando as faíscas dos caneos  e da mobilidade de Emre More, esa pérola millonaria que aínda non brilla como agarda a bancada de Balaídos. O turco buscou o contacto coa pelota, encarou con afouteza aos defensas amarelos e conseguiu sacar un par de faltas perigosas na frontal. Un balance interesante, mais insuficiente. Xaora, a súa mellor intervención chegou no 74 nunha entrada na área pequena pola banda na que xutou coa esquerda, mais Asenjo, acertadísimo de novo, conseguiu desviar o balón para que batese sobre o pao.

Aí quedaron as ilusións celestes de empate, sobre todo cando o Villarreal, que nunca perdeu unha miga da súa orde e disciplina, colocou senllos valados que durante os vinte minutos finais se fixeron inexpugnables. Os de Unzué intentaron superalos á desesperada, mais nin sequera a entrada de Guidetti nin a de Radoja puideron revertir a situación. No entanto, o empate estivo na biqueira de Sergi Gómez no derradeiro minuto dos catro de desconto, cando con Asenjo xa batido enviou unha volea ás minchas de Marcador. Unha segunda xogada da desventura nun partido no que o Celta botou moito de menos a Hugo Mallo e Iago Aspas, os dous canteiráns que lle imprimen máis carácter competitivo e gañador. Agardamos recuperalo o vindeiro sábado no decisivo derbi de Riazor.

Guardar

Onte 632: A proeza da canteira

Os celtistas quedaremos sempre agradecidos pola vitoria da Real en Riazor, que nos permitiu conservar a categoría e vivir uns instantes de ledicia tan intensa coma fugaz. Mágoa que esta permanencia fose a costa do Deportivo do noso admirado Fernando Vázquez. Mais o malfado destas vidas galegas cruzadas só é explicable co sintagma «fútbol é fútbol» que define un deporte (tamén un formidable negocio) capaz de desbordar a emotividade colectiva co xogo inocente do azar e as súas combinacións. Dende ese punto de vista, a permanencia do Celta foi unha sorpresa, máis ben unha proeza, se temos en conta as súas escasas probabilidades matemáticas para evitar o descenso. Mais tamén, con maior acougo na análise, é un feito explicable, se valoramos a fe teimosa do equipo noso (sobre todo do adestrador Abel Resino) en confiar nas súas propias posibilidades e en evitar dar nada por perdido. Con todo, a pesar dos erros na xestión do cadro de xogadores (Pranjic, Demidov, Park, as fichaxes internacionais, quedaron no palco, fóra da convocatoria), o éxito deste Celta radicou na consolidación do proxecto da canteira da Madroa. Seis ou sete xogadores da casa por partido, once nesta convocatoria decisiva fronte ao Espanyol, explican tanto o éxito como a fraxilidade que arrastrou esta Celtiña das nosas angueiras. O mellor xogador de onte foi o porteiro Rubén Blanco, un rapaz que vai para figura e non rematou aínda o Bacharelato. O gol da permanencia naceu das biqueiras de fantasía de Iago Aspas, que agardo triunfe e madure como xogador desequilibrante na Premier League. A xestión dos inquedantes minutos finais correspondeu a Borja Oubiña, o cabezaleiro desta xeración de futbolistas galegos. A clave do éxito radicou nos canteiráns, aí está a orixe da proeza que onte celebramos. A pesar da marcha de Iago Aspas e Roberto Lago, a continuidade do proxecto de canteira a vindeira tempada está asegurada coa incoporación ao primeiro equipo de valores como Rubén, Santi Mina e Madinda, tres xogadores cunha fantástica proxección. A partir de finais de agosto, volveremos a emocionarnos en Balaídos. Arriba corazóns celestes!!!

Grazas ao pintor Antón Pulido que preparou esta imaxe para abeizoar aos celtistas.