Artigos

Onte 636: Os mil ríos de Manuel Sendón e Fran Herbello

Os fotógrafos Fran Herbello e Manuel Sendón inauguraron onte no Museo do Mar de Galicia a primeira das mostras do seu proxecto Mil ríos. Dedicada á expedición ao río Verdugo e a travesía en piragua da ría de Vigo, primeiro dende Bouzas e logo dende Cangas, a mostra presenta os rexistros fotográficos e o sucos do GPS dunha exploración e investigación sobre o territorio, dunha vivencia sobre senllas expedicións realizadas na ría de Vigo.

Foi Fran Herbello quen relatou a orixe do proxecto: «Hai dous anos e medio comezamos as nosas expedicións para coñecer os ríos galegos na nosa piragua. Dende entón levamos quince expedicións. Aquel proxecto deportivo comezou a facerse máis complexo. Engadímoslle GPS e unha cámara de fotos. Sei que ten un certo punto de chaladura domingueira, mais somos conscientes que ten outros aspectos que lle dan peso sendo máis potente do que poida parecer. O GPS fai un debuxo suxerente, coma o que fan os rapaces nas paredes. Con todo, para nós o que máis importou foi a vivencia da viaxe, mais que o seu rexistro. Vivencia que recollemos en cada un dos cadernos de bitácora do blog do proxecto no que a narramos».

As palabras de Manuel Sendón abondaron na importancia da vivencia. «As excursión foron sempre a forma de coñecemento directo do territorio. Agora facémolo por forma de representacións da fotografía ou do cinema. Neste proxecto o importante para nós era retomar a vivencia do territorio, coma fixeran os membros de Nós que patearon todo o país». Referiuse despois Sendón á diferenza de «percibir a ría desde o nivel da auga», unha das singularidades das fotos desta mostra sobre o traballo do Verdugo. Rematou falando da continuidade do proxecto: «Cando fagamos a de Cambados, presentaremos os materiais da remontada do Umia. Cando vaiamos a Ferrol, serán os do Xuvia. Queremos devolver o que producimos a cada lugar onde fomos. O proxecto é aberto, mais cremos que finalmente podería facerse unha exposición cos materiais de todas expedicións e quizais mesmo un libro».

Un proxecto artístico e deportivo a seguir de dous dos nosos máis grandes fotógrafos. Paga a pena visitar o (alicaído) Museo do Mar de Vigo.