Xeración Montserrat
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición «Xeración Montserrat»:
O meu sogro, o redondelán José Paz Villar, embarcado nas turbonaves da Transatlántica, contaba con detalle a avaría que o 9 de agosto de 1970 deixou ao Montserrat á deriva e ás escuras no medio do Atlántico, case a 1.500 millas das Canarias. Un salvamento de película que durante catro días viviron co corazón na man os 630 pasaxeiros e 180 tripulantes procedentes dos portos da Guaira e Curaçao onde se lle fixera ao barco unha reparación provisional nas bombas de alimentación, que non producían vapor suficiente para as turbinas, o que provocaba que avanzase con lentitude. Sen luz nin máquina, o buque escorou polo vento durante dous días, até que chegou o Begoña, o seu xemelgo na Transatlántica, procedente de Venezuela na rota inversa con 677 pasaxeiros e 194 tripulantes, que se situou a 180 metros tratando de achegarlle ao avariado o amparo posible. Ambos os dous capitáns acordaron realizar unha arriscada e inédita operación de transbordo da pasaxe e de 6 tripulantes utilizando os botes salvavidas do Begoña. Unha manobra en profundo silencio, de trinta en trinta persoas, comezada ao amencer do 12 de agosto e finalizada ao mediodía, entre ondas de dous metros de altura e a presenza de quenllas, o que obrigou ao Montserrat a soltar fuel coa intención de que amainase a marusía. Proeza finalizada ao día seguinte cando se trasladaron mil maletas e outros efectos e o Begoña, previa emocionante despedida (con foguetes e pasodobre incluídos), colleu rumbo a Tenerife, onde chegaría o 19 de agosto con 1.507 persoas a bordo.
José Paz Villar fora un dos tripulantes (onde había un amplo grupo de galegos, singularmente, mariñeiros e camareiros do Morrazo) que agardaría no Montserrat a chegada o 15 de agosto do remolcador holandés Jacob Van Heemskerk que o levaría de novo a Curaçao para ser reparado nos estaleiros dese porto antillano. A Montserrat era xa entón unha turbonave que contaba con historia de seu e millóns de millas náuticas nos seus motores, sendo a súa presenza, coma a da Begoña, habitual na Estación Marítima de Vigo, como parte da liña da compañía Transatlántica Española, entre o porto inglés de Southampton e o venezolano da Guaira, con escalas regulares na Coruña, Vigo e Santa Cruz de Tenerife. Construída en 1945 nos estaleiros de Baltimore como buque de carga para a Armada dos Estados Unidos, co nome de Wooster Victory, foi utilizada primeiro para repatriar as tropas americanas e despois, entre 1948 e 1949, para levar ao novo estado de Israel a centos de xudeus refuxiados na China. Coma lle sucedeu á Begoña foi mercada en 1950 pola italiana Sitmar Line, transformada en buque de carga e pasaxe co nome de Castel Verde, pasando en 1957, como a súa xemelga, a Transatlántica que a bautizou co nome da patroa catalá. Despois de quince anos de travesías atlánticas, en febreiro de 1973 completou a súa derradeira singradura desembarcando en Vigo a 46 pasaxeiros procedentes de Inglaterra, antes de ser despezada en Castelló.
Durante a década de 1960, as escalas nos portos de Vigo e da Coruña do Montserrat e Begoña, marcaron un fito na nosa historia migratoria, tanto por tratarse do último éxodo galego cara América, neste caso a Venezuela, como por abrir o fluxo emigratorio cara o Reino Unido, que se consolidaría na década posterior. Período retratado polo fotógrafo coruñés Alberto Martí na súa serie «Os adeuses» que simboliza o mundo dos sentimentos que acompañaron persoas, baúis, fardos, maletas, gravadas na memoria colectiva de milleiros de familias. Período que no caso vigués coincidiu coa inauguración en 1959 do edificio monumental da Estación Marítima, proxectado polo enxeñeiro Manuel Espárrago Fernández, con relevos do escultor Camilo Nogueira, e polo seu ocaso nin sequera dúas décadas despois, cando o transporte aéreo adquiriu a súa primacía.
Memoria emocional daquela pioneira emigración galega ao Reino Unido retratada na exposición «As xeracións do Montserrat», instalada na Casa das Artes (até 26 de maio). Un fenómeno migratorio que entre 1960 e 1974 protagonizaron uns 250.000 (xoves) galegos, segundo estimacións do escritor Xesús Fraga, comisario da mostra, que mudaron o rumbo das súas vidas e as das súas familias, como do propio país. Travesías a bordo do Montserrat (e do Begoña) que dende Vigo ou A Coruña iniciaron mozas como Pilar Pérez que gardou a primeira libra que gañou, ou Antonio Lois Vázquez que se acompañou en Londres dunha bandeirola do Celta, ou de Montse Rodríguez que tras catro anos de estancia en Londres como traballadora do servizo doméstico regresou para recoller ao seu home, Manolo Hermida… Fotos, obxectos, documentos artellados pola sabedoría expositiva de Pepe Barro que ofrecen unha experiencia memoriosa e emocionante para a visitante. Unha exposición máis que recomendable.