Artigos

Onte 1375: O pregón de Ledicia Costas

Ledicia_Costas_03-07-2015

Inaugurouse onte a cuadraxésima primeira edición da Feira do Libro de Vigo cun extraordinario pregón de Ledicia Costas. A mudanza de ubicación ao primeiro treito da rúa Progreso, a pesar das súas dimensións reducidas, facilitará o encontro da cidadanía viguesa co libro, ademais de contribuír a dinamizar a actividade do pequeno comercio no centro de Vigo. Chamou a atención que no acto non participase ningún representante do goberno municipal, fose o alcalde Abel Caballero ou o concelleiro de Cultura, sendo a Feira do Libro un dos eventos culturais máis importantes do ano. Máis alá das liortas entre o concello de Vigo e a Xunta de Galicia, que poden explicar as razóns políticas do caso, a falta en Vigo dunha política municipal de lectura é algo dificilmente xustificable.

Xaora, o pregón de Ledicia Costas compensou calquera insuficiencia institucional. Peza literaria ben traballada e equilibrada nas doses xustas de documentación e emoción, a autora de Recinto gris alicerzouna dende a memoria familiar dos seus barrios vigueses de Brea Muiñeira, «onde conviven o real e o imaxinario», e de Beade, «o lugar onde aprendín a devorar libros e onde me acheguei ao galego de xeito definitivo». Fíxoo para reivindicar o espírito filantrópico nos eidos da educación e da cultura de figuras viguesas como Ramón Nieto, Tomás Alonso ou García Barbón, mais tamén dunha longa nómina de escritores e escritoras viguesas en lingua galega, reclamando visibilidade na cidade para os seus textos. Citou Costas algunha sobras recentes do Vigo literario e desvelou o nome dos locais onde se recita de madrugada poesía galega actual. Referiuse á condición de Vigo como capital editorial de Galicia e reclamou que os creadores fosen incorporados á cidade, xa que sen eles «está perdida». Rematou apelando a crenza no valor actual da filantropía. Un discurso vibrante, magnífico, que nos abriu outra xanela por onde enxergar esperanza.