Gerardo González Martín, paixón por Vigo
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo áo pasamento do xornalista vigués Gerardo González Martín:
Co pasamento de Gerardo González Martín (Ávila, 1943) Vigo perde a un dos seus máis destacados xornalistas, ademais dun dos máis apaixonados estudosos e divulgadores da súa historia. Tras estudar na Escola de Xornalismo de Madrid, ocupou en 1962 unha praza como redactor do «Faro de Vigo» que dirixía Manuel Cerezales. Dende entón despregou a súa actividade xornalista en todos os medios de comunicación galegos. Redactor de «Faro de Vigo» en dúas etapas distintas, foi director de «El Correo Gallego» con apenas vinte e oito anos; redactor, primeiro, e máis tarde director de Radio Popular de Vigo (1983), a emisora da COPE onde sendo director o salmantino José Andrés Hernández (1972-1979) creou o informativo do mediodía «Jaque a la actualidad» e abriu a emisora ao emprego pioneiro do galego na radio por parte dun equipo formado por Víctor F. Freixanes, María Xosé Porteiro e Xosé María Palmeiro, entre outros, animadores daquela inesquecible campaña «Mil primaveras máis para a lingua galega».
Primeiro correspondente de «El País» en Vigo (1976), coincidindo coa súa presidencia da Asociación da Prensa de Vigo (que anovou en plena Reforma Política) e a dirección da revista viguesa «El Pope», a súa sinatura aparecería tamén dende entón nos xornais «El Pueblo Gallego», «La Voz de Galicia», «Diario de Pontevedra», «El Ideal gallego», «Diario de Pontevedra» e «Atlántico diario». Xornalista todoterreo ademais de traballar como directivo na COPE, fíxoo noutras emisoras como «Antena 3» e «Radiovoz», onde dirixiu o informativo «Al final del día». Tampouco foi alleo ao mundo da televisión xa que foi director do centro rexional da «TVE-Galicia», director da «TVG» e de «Tele Vigo». Cabeceiras e plataformas nas que desenvolveu un labor xornalístico intermedial caracterizado por afondar na información de proximidade, defender con afouteza o pluralismo e o respecto pola diversidade, o que lle valeu o respecto e a admiración de todos os sectores políticos e sociais.
A súa curiosidade intelectual e a súa implicación coa información local levouno a interesarse xa nos primeiros anos setenta pola divulgación histórica da cidade de Vigo, recibindo o premio Luis Taboada outorgado polo concello de Vigo a unha serie de traballos desta temática publicada con José Martínez Couselo en «El Correo Gallego». No entanto, serían as súas investigacións sobre a Exposición Internacional da Pesca en Vigo (Deputación de Pontevedra 1985) e sobre a historia da Cámara de Comercio de Vigo as que o levaron a publicar semanalmente a serie «Memoria de Vigo» nas páxinas de «La Voz de Galicia», xermolo do seu libro «Vigo no espello dos nosos avós» (Xerais 1991), o primeiro da media ducia dos que publicaría en galego, no que retrata de forma certeira aquela cidade aberta e cosmopolita dos inicios do século XX, que deu un insólito estirón até situarse á cabeza de Galicia. Un libro decisivo na súa traxectoria que abriría a bibliografía máis prolífica e diversa (máis de vinte libros e máis de dous milleiros de artigos) das existentes sobre o Vigo do século XX.
O seu afán teimoso por dotar de memoria a unha cidade esquecediza, levouno a ser tamén un dos membros fundadores do Instituto de Estudios Vigueses (1991), xunto a figuras tamén desaparecidas como Andrés Martínez-Morás y Soria, Lalo Vázquez Gil, Xerardo Sacau ou Xaime Garrido, entidade na que desenvolveu unha actividade editorial fecunda nas páxinas dos anuarios «Glaucopis» ou con libros como «Pasión por Vigo: vida y obra del cronista Rodríguez Elías» (2005). Teimosía pola construción dunha memoria viguista que o levou a ocuparse de forma pioneira do deporte en libros como «120 anos de ciclismo galego» (Galaxia 2007) ou «Handicap creó el Celta» (Cardeñoso 2011) ou de abordar obras de referencia como o «Diccionario de Vigueses (1987-1945)» (Deputación de Pontevedra 2017), dous volumes onde organizou contidos do seu extraordinario arquivo privado.
Membro da Junta Democrática de Vigo durante os anos da ditadura, Gerardo González Martínez tampouco foi alleo a participar na actividade política durante a Reforma Política, asumindo a delegación provincial do Ministerio de Cultura (1979), sendo elixido deputado pola UCD no primeiro Parlamento de Galicia ou despois asesorando no ámbito da comunicación a diversos gobernos do PP. Xaora, máis alá da pulsión política, dedicou a súa vida enteira tanto á paixón pola información, mesmo nos últimos anos cando limitado pola saúde precaria nos enviaba por correo electrónico ás amizades a súa crónica diaria, como a de documentar a memoria de Vigo, a súa cidade amada, da que tan orgulloso se sentía en ter chantado raíces coa súa compañeira Teté e construír xuntos unha familia viguesa. A nosa gratitude por tanto que nos ten ensinado.