Listado de la etiqueta: puntoGAL

Penélope

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da homenaxe a Xosé María Díaz Castro e do Día de Internet, comento as novas máis recentes sobre o estado da lingua.

galego-internet-300x199A coincidencia cada 17 de maio do Día das Letras Galegas e do Día de Internet é unha oportunidade para avaliar o estado e o futuro da nosa lingua na Rede. Este dezasete, coincidindo coa homenaxe a Xosé María Díaz Castro, o poeta dos nimbos de luz, foi a grande noticia para a nosa lingua a posta en produción da primeira web co dominio punto gal. Un fito histórico, un éxito extraordinario de toda a sociedade de noso, no que moito tivo que ver a teimosía esperanzosa e o compromiso do profesor Manuel González, presidente da asociación Punto Gal, mais tamén das institucións culturais do país (Academia, Consello da Cultura e Museo do Pobo Galego), das tres universidades, dos centos de colectivos empresariais, culturais e cívicos, como dos milleiros de persoas que apoiaron esta iniciativa pola que Galicia, o seu pobo, a súa lingua e a súa cultura milenaria contarán cunha presenza diferenciada na Rede. Grazas ao dominio punto gal, Galicia establecerá un diálogo en igualdade con outros pobos e culturas, ademais de poder, por vez primeira, participar na gobernanza de Internet e contribuír a desenvolver o proceso de alfabetización informacional e a suturar a fenda dixital que aínda arrastramos. Un éxito, pois, para celebrarmos, outra volta, o 25 de xullo cando se incoporen as primeiras noventa webs e tamén catro meses despois cando entren en produción aqueloutras direccións preferentes.

Porén, a ledicia do éxito acadado por Punto Gal non pode agochar que neste dezasete o galego perde peso cuantitativo en Internet. Os datos estimativos de “W3Techs”, traballados na reportaxe de Alberto Quián para o portal “G.Ciencia”, amosan que a porcentaxe de uso do galego en Internet se reduciu no último ano de forma significativa, colocando a nosa lingua no posto 48 da clasificación mundial. Xaora, os contidos en galego supoñen un 0,0075 % dos existentes na Rede, oito veces menos ca en catalán (0,1 %) , moi lonxe do 4,6 % en castelán e do 2,3 % en portugués, linguas todas as tres que superan o 0,1 %, porcentaxe que semella marcaría a fronteira entre as linguas relevantes en Internet (o inglés supón o 55,9 %) e as minoritarias. Outrosí cabería dicir con respecto a Twitter onde os estudos de xeorreferencia dos chíos emitidos en Galicia amosan que uso do galego é inferior ao do castelán. Datos que demostran que o emprego do galego na Rede, a pesar do seu incuestionable dinamismo nas redes sociais e nos blogs, asume o devalo que decote percibimos noutros soportes comunicacionais impresos e ámbitos da vida social e política.

Tras tres décadas da aprobación da Lei de Normalización Lingüística (1983) e unha da aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2014), documentos que contaron co apoio unánime do Parlamento de Galicia e de numerosos colectivos cívicos, é desacougante asumir que nos últimos anos a lingua galega sofre un doloroso retroceso, tanto na súa cadea de transmisión interxeracional (os picariños dos ámbitos urbanos apenas a coñecen, un feito desolador), coma no seu status e emprego en todos os ámbitos da vida social. O galego deu un paso atrás. Un retroceso no que ten responsabilidade a actuación dun lobby negacionista capaz de transformar os prexuízos e falsidades de pé de banco sobre o galego –unha lingua que para este lobby utilizariamos só “os parvos aldeanos ou os fanáticos nacionalistas excluíntes”– no dogma do “bilingüismo cordial” abrazado por Núñez Feijoo como argumento para desvincularse dos consensos arredor do idioma forxados durante as presidencias de Fernández Albor e Fraga. Unha decisión política adoptada coa intención de desbancar a Touriño do Goberno Galego, mais que unha vez gañadas as eleccións supuxo a rápida modificación do modelo lingüístico no sistema educativo non universitario (o Decreto de Plurilingüismo recorrido pola Real Academia Galega, hoxe no Tribunal Supremo) e, como efecto inmediato, unha abrupta redución do uso do galego como lingua vehicular na educación infantil e na etapa obrigatoria.

Xa “Penélope”, o extraordinario poema de Xosé María Díaz Castro, salienta o aparente paradoxo do futuro de Galicia, do noso país, do noso pobo, tamén da nosa lingua e a súa cultura. “Un paso adiante e outro atrás, Galiza / e a tea dos teus soños non se move”. A posta en marcha do Punto Gal supón un paso adiante para o futuro do galego no século XXI, mais o decreto de Plurilingüismo do Partido Popular un paso atrás. Xaora, tamén enxerga Díaz Castro en “Penélope” a esperanza (“Traguerán os camiños algún día / a xente que levaron. Deus é o mesmo”), xa que o futuro do galego dependerá de cada un de nós, do esforzo da cidadanía galega, da súa firmeza e compromiso para usalo e defendelo (“Suco vai, suco vén, ¡Xesús María!, / e toda cousa ha de pagar o seu desmo”). Un paso adiante e outro atrás, Galicia.

Onte 943: nic.gal

nic.gal_13_04_2014

A de onte pasará á historia externa da lingua galega por ser a data na que pasou a produción en probas o primeiro espazo web con dominio punto gal. Un fito senlleiro para o futuro do idioma galego na primeir ametade do século XXI, que así consolida a súa presenza singular na rede. Un proceso promovido contra vento e marea pola asociación puntoGal, (representada por nic.gal), que tamén xestionará e controlará este dominio galego activado dende onte polo ICANN, o organismo internacional que xestiona a rede a nivel mundial.

A partir de agora comezará un programa de «Pioneiros« co que a asociación puntoGAL busca a promoción do novo dominio de primeiro nivel facilitando a posta en funcionamento dunha serie limitada de dominios de Internet para entidades de certa relevancia lingüística, cultural e social. Máis tarde comezará o período de lanzamento repartido nas fases de «Abrente» (sunrise) e «Carreira» (landrush), para despois abrirse o rexistro ao público xeral. No período de «Abrente» as administracións públicas e asimilados terán prioridade para rexistrar os seus dominios co sufixo .gal, seguidas polas entidades que teñan unha traxectoria probada de promoción da lingua ou da cultura galegas; as marcas rexistradas no Trademark Clearing House de ICANN e outras marcas rexistradas, nomes ou intereses protexidos; e páxinas realizadas ou con versión en lingua galega. Mentres, o período de «Carreira» facilitará o acceso ao rexistro .gal a rexistrantes sen dereitos ou intereses protexidos.

Tempo haberá de recoñecer aos responsables desta proeza que, en palabras do académico Manuel González, presidente da asociación puntoGAL e primeiro promotor do dominio, «dará visibilidade universal a nosa personalidade particular». Cónstame que foron moitos os apoios (12.000 persoas e 110 entidades), os esforzos e mesmo os cartos privados arriscados para acadar este dominio galego que en tempos difíciles abre un horizonte esperanzador para a lingua galega e a cultura dixital no idioma dos galegos. Beizóns a Manuel González e aos membros de puntoGAL.

Onte 264: puntoGAL

Magnífico acto de presentación da candidatura puntoGAL, que procura un dominio propio para a lingua e cultura galegas en Internet. Brillante foi a defensa que fixo Manuel González, o presidente da Asociación, salientando que a consecución do dominio supoñería «un fito decisivo na historia de Galicia. Lembraría día a día que existe unha comunidade que se chama Galicia, aumentando psicoloxicamente a nosa autoestima e socialmente a cohesión interna». Para González, ademais, «permitiría que os buscadores ordenasen os contidos en galego de forma máis completa» e «daríanos acceso a participar na gobernanza de Internet e a reinvestir os beneficios en Galicia no emprego da lingua en Internet». A presentación da experiencia da Fundación puntCAT, a cargo do seu director Jordi Iparaguirre, foi moi clarificadora sobre as posibilidades que o dominio puntCAT (53.000 dominios na actualidade) abriu para a lingua e cultura catalanas, incrementando a súa presenza social e liderando a incorporación de amplos sectores sociais nunha Internet segura.«O puntCAT permitiu que deixásemos de ser invisibles, achegando prestixio a nosa lingua que xoga na primeira división de Internet». Agardamos que nun ano poidamos celebrar a posta en marcha do puntoGAL, que axudará a visibilizar e proxectar no mundo a nosa industria cultural e aumentar a audiencia dos sitios en galego que, como sinalou con acerto Manuel Gago, «dende 2008 quedou lastrada polos algoritmos de Google».