Artigos

Onte 999: Gratitude

Capitan_Nemo_San_Simon_07-06-14Nin o vento nin a chuvia puideron co entusiasmo das duascentas cincuenta participantes na cerimonia na que onte demos a coñecer o ditame dos Premios Xerais 2014. A miña primeira gratitude é para elas polo seu apoio xeneroso e fraternal, pola súa calor e ledicia contaxiosas ao longo de todo o serán, fose na velada literaria coma no convivio posterior. É o espírito dos Xerais de San Simón que se multiplica despois no feis. A miña gratitude para Xavier Senín, figura esencial para o desenvolvemento do libro galego entre séculos, pola súa brillantísima loanza da lectura e a súa homenaxe aos membros da Xeración Lamote, á que el pertence. Beizón para Xiana Lastra que conseguiu emocionarnos cos seus dous temas musicais. Gratitude para as quince lectoras que tomaron as decisións dos xurados, trece delas mulleres, que apostaron polo pulo irresistible da xeración de narradoras do novo século que toma a remuda. Beizón para o traballo extraordinario do equipo de profesionais de Xerais, que dende hai máis de catro meses ocupou a Celia Torres na organización de todos os detalles do premio e a Helena Pérez, Xosé Manuel Moo e Francisco Alonso nas secretarías dos xurados. A ledicia compartida onte é a confirmación de que os proxectos con futuro son os alicerzados no rigor do traballo e os que conservan o plano dos valores sempre sobre a mesa.

Manuel G. Vicente preparou esta fotogalería do serán de San Simón.

Onte 998: Predicións

San_SimonEstivemos pendentes das diversas predicións meteorolóxicas para o serán deste sábado no que daremos a coñecer na illa de San Simón o ditame dos Premios Xerais 2014. Hai moitas probabilidades que chova, coma xa sucedeu nos dous últimos anos; aínda que tamén algunhas da existencia de clariños intermitentes. En definitiva, tempo variable e incerto, como lle acae a esta primavera do país de noso. Con todo, non teño dúbida que celebraremos o magnífico discurso de Xavier Senín de gabanza da lectura e dos membros da Xeración Lamote, gozaremos da música de Puntada sen fío, o grupo musical no que participa Xiana Lastra, gabaremos a Jules Verne na súa semana viguesa, leremos anacos d’ A illa misteriosa na tradución galega de Ánxela Gracián, coñeceremos tres novos textos, chufaremos ás súas autorías e, sobre todo, compartiremos co polbo e cos petiscos que prepara Fita anceios e angueiras de amigos e amigas chegados de todo o país. Eis a importancia do serán de convivio de San Simón. Quen dixo choiva!!!

Onte 991: Tarde en Soutomaior

Soutomaior_30-05-14_Foto_G_SanctorumNo acougo do formidable castelo de Soutomaior, ao pé do máxico monte da Peneda e co arrecendo do fondo da ría, tras o convivio dun xantar farturento e sabedeiro, os tres xurados dos premios Xerais 2014 escolleron as obras finalistas. Para min é un dos momentos inesquecibles de cada ano na editorial, unha tarde de intenso traballo dos xurados, alongada onte inusualmente, destinada a compartir as súas horas e horas de lectura en soidade. Sei que a experiencia destes xurados formados por lectoras, que Xerais convoca dende hai máis de dúas décadas, é xeralmente feliz para as participantes, aínda que nunca sexa para elas doado o momento de escoller. Nesta edición o predominio das lectoras nos xurados é moi claro, apenas 4 homes de 18 persoas, o que expresa o proceso de clara feminización da lectura literaria en Galicia. Un feito que debe ser destacado. O vindeiro sábado, 7 de xullo, coñeceremos os ditames dos xurados, tras unha semana de relectura das dez obras finalistas. Ler e reler.

Grazas a Gracia Sanctorum pola fermosa foto e pola axuda proporcionada.

Onte 853: Convocados os Xerais 2014

Venturosamente pechamos onte a convocatoria dos Premios Xerais 2014. A gran novidade desta edición (xa a trixésimo primeira) é a recuperación do premio de literatura xuvenil,  para o que moito axudou contar co patrocinio de Ámbito Cultural-El Corte Inglés. «Premio Jules Verne de literatura xuvenil» é unha denominación coa que queremos reivindicar tanto a figura do novelista bretón e a súa relación coa ría de Vigo (onde dende hai unha década se dá a coñecer o ditame dos premios) coma o papel sobranceiro das súas obras no noso catálogo xuvenil, que pretende contribuír á formación dun criterio literario. De aquí até o 7 de xuño, data na que se dictaminarán os tres concursos, tempo haberá para comentar outras novidades no noso certame.