Listado de la etiqueta: preescolar_na_casa

Onte 2024: Xabier, activista do esencial


Tarde moi emocionante a de onte na Coruña na que AELG e Asociación Cultural Alexandre Bóveda homenaxearon ao escritor Xabier DoCampo, primeiro ao pé da súa casa, onde se descubriu unha placa, e máis tarde cunha velada literaria no Teatro Rosalía de Castro. Un serán emocionante no  que puidemos escoitar a voz do mestre chairego, a lectura dalgúns dos seus textos, un conto ao xeito de Xabier da gran Paula Carballeira, tres cancións de Miro Casabella e diversas intervencións das amizades arredor das súas dimensións como profesor, activista e escritor. En palabras do seu amigo Martin Pawley «unha celebración xusta para un home xeneroso, inesquecible». Unha tarde na que se lembrou  tamén a Agustín Fernández Paz, no día do 72 aniversario do seu nacemento, exaltando a súa amizade e os días felices que ambos os dous compartiron cos membros da Xeración Lamote.

Na miña intervención lin unha parte do artigo, «Xabier, activista do esencial», incluído nas páxinas preciosas que o número 289 da revista CLIJ lle dedica, coordinadas con agarimo por María Xesús Fernández. Reproduzo a tradución galega do texto:

É difícil para min saber que non vou escoitar nunca máis a voz de Xabier ao teléfono ou gozar do seu abrazo cando viaxo a Coruña, el que foi sempre un activista da amizade, capaz de conxugar cunha xenerosidade desbordada o verbo compartir. Soubo cultivar a amizade e alentala nos xantares sorpresa que organizaba aos amigos cando necesitaban máis cariño ou asumindo o papel de editor creativo e executivo de libriños colectivos de benvida aos fillos das amigas, unha tradición laica que acuñou. Como sabiamos da importancia que lle concedía á creación das súas nadaliñas, as tarxetas que enviaba cada fin de ano, espazos para a beleza e os afectos, ou a publicación das súas cartas, xénero epistolar que utilizaba de forma maxistral para expresar as súas conviccións e a súa indignación necesaria. Coñecía o valor incalculable da amizade cando traballaba co ilustrador Xosé Cobas, con quen formou unha extraordinaria parella creativa, cando falaba todas as noites con Agustín Fernández Paz, a quen coñeceu como o seu titor de prácticas de Maxisterio, ou cando conversaba sen reloxo co seu veciño Óscar «Martin  Pawley», con quen compartía a súa devoción polo cine, a narración e o valor incuestionable da razón da ciencia.

Sabía do imán da amizade cando plantamos con Agustín un carballo na finca da súa casa de Vilarón, que medra e medrará indómito na memoria dos nosos afectos. Como era consciente de que formaba parte dunha xeración de mestres galeguistas, xunto a Agustín, Paco [Martín], Fina [Casalderrey], Xabier [Senín], Chus [Fernández], entre outros, á que nalgún momento bautizamos como «Xeración Lamote», activistas todos da «escola das pombas e as mazás», metáfora precisa para definir o modelo de escola pública galega polo que traballaron durante décadas. Foi tamén Xabier «activista do esencial» en todas as súas manifestacións, como a el lle gustaba xustificar o seu compromiso como primeiro promotor de Prolingua, plataforma apartidaria de defensa e promoción da lingua galega, ou coa renovación pedagóxica como fundador de Preescolar na Casa, Nova Escola Galega e a Revista Galega de Educación. Activista da literatura infantil como fundador de Galix e membro da OEPLI, como creador de fantasías marabillosas como Bloc, a revista de arte e literatura infantil, ou como conferenciante e contador incansable, sen esquecer que o compromiso de levar a radio, o cine e o teatro á infancia ocupou moito tempo das súas arelas.

Xabier foi un activista dos libros, que concibía como un lugar de encontro, aos que amaba como obxectos preciosos, consciente de que eran o mellor espazo para compartir coas persoas amadas. Foi activista da lectura e das bibliotecas e das escolas nas que se lía e se escribía como dúas iniciativas individuais que axudan a coñecernos e a recoñecernos, ao mesmo tempo que facilitan que todos poidamos converternos en narradores capaces de facer coma el, viaxeiro insubornable, da nosa vida relato. Non esquecerei aquel 13 de decembro de 2017, cando presentamos na librería Trama de Lugo A nena do abrigo de astracán, a novela longa para persoas adultas que miniou durante a última década; tarde na que defendeu ante un centenar de persoas emocionadas coa súa despedida que a literatura esfiañaba a vida. Comparto agora o que escribiu a súa nai en Catro cartas (2000), o seu libro máis testemuñal:

«Pensei moitas veces que o que ti facías era a máis precisa metáfora da lectura. Na costura pártese dun anaco de tea que hai que cortar e coser. Ler un libro tamén é construír unha historia a partir dun patrón. É o lector o que haberá de cortar e coser aquelas palabras para armar a historia. A lectura é un traxe que senta ben a alma e a embelece, como o vestido ao corpo».

Preescolar na casa

No artigo da semana en Faro de Vigo abordo a situación agónica de Preescolar na casa.

A falta de apoio da Xunta de Galicia obrigará a un probable peche de Preescolar na Casa. Fundado en 1977 en Lugo por Antonio Gandoy, o queridísimo “crego da bicicleta”, secretario de Cáritas Diocesana Galicia, este programa tratou de buscar unha solución á carencia de prazas escolares para os picariños da aldea, tratando de paliar a discriminación á que estaban sometidos ao chegar á EXB en desiguais condicións ás do resto do alumando da súa idade. Dende aquel pioneiro programa piloto, no que o padre Gandoy pretendía axudar aos pais e nais dalgunhas comarcas do rural lucense a educar aos seus fillos nos primeiros anos de vida, Preescolar na casa desenvolveu sempre unha fecundísima actividade coa intención de crear na sociedade unha cultura de Educación Infantil Familiar.

Unha iniciativa que Gandoy, dende a súa inequívoca concepción humanista da educación, concibía como “unha utopía realizable e irrenunciable”, xermolada polo bo facer dun equipo entregado de profesionais, pola axuda de Cáritas e do Ministerio de Educación, primeiro, e máis tarde, da Consellaría de Educación que cederon mestres en comisión de servizos para traballaren na iniciativa. Un programa ao que durante décadas contribuíron, tamén, as achegas de concellos, deputacións e outras institucións, e do que o fundador, antes do seu pasamento en 2002, renunciou a ser referente propiciando a creación dun Padroado no que participan os profesionais do programa e as institucións que o apoian.

Ao longo da súa historia foron probablemente máis de 50.000 as familias galegas que participaron nas actividades de Preescolar na casa, sendo neste curso que remata case catro mil as familias participantes en 660 espazos educativos distribuídos por 267 concellos. Aínda que o modelo de intervención educativa foi mudando, o programa alicerzouse nas xuntanzas quincenais de pais e fillos de arredor de cinco familias dunha mesma zona. Durante dúas horas os orientadores analizan coas familias as actividades realizadas na casa, presentan novos materiais didácticos, resolven os problemas ou dúbidas das familias ou xogan cos picariños. Estas xuntanzas compleméntanse coas visitas que os orientadores fan as familias e cos materiais impresos de apoio que distribúen.

Gandoy e o seu equipo interesáronse dende o inicio de Preescolar na casa polo papel que os medios de comunicación social podían ter para apoiar a intervención dos orientadores, ao tempo que para contribuír a crear unha cultura de parentalidade positiva na sociedade galega, o concepto clave da súa filosofía educativa. De aí naceu en 1981 o programa emitido polo circuíto galego de Radio Nacional, continuado na actualidade polo programa dominical matinal da Radio Galega. Da mesma convicción naceu en 1990 o espazo da Televisión de Galicia, do que se emitiron 700 programas, o que constitúe a experiencia de televisión educativa máis importante da nosa historia. De aí saíron as súas revistas e a publicación das súas monografías de divulgación educativa e de escola de pais.

Ao longo destas tres décadas e media de intensa actividade, Preescolar na casa nunca foi nin unha gardaría nin sequera unha escola infantil, senón un programa sociopedagóxico pioneiro e dinámico de parentalidade pública, fomentador da implicación dos pais na formación temperá do seus fillos. Unha orientación recomendada polo comité de ministros da Unión Europea para os que “o exercicio da parentalidade, aínda que vinculado á intimidade familiar, debe ser considerado como un ámbito da política pública e deben adoptarse todas as medidas necesarias para apoiar o exercicio parental e crear as condicións necesarias para un exercicio da parentalidade”. Preescolar na casa é considerada como unha experiencia de éxito en foros internacionais de educación familiar, sendo imitada noutras comunidades como Asturias ou Castela, e valorada como modelo no Reino Unido ou Ecuador.

A agonía de Preescolar na casa por insuficiencia financeira, tras manter un ERE de suspensión e extinción ao longo do curso que remata, está motivada pola decisión da Consellaría de Traballo e Benestar de eliminar a axuda de medio millón de euros imprescindible para o pagamento do persoal. Unha medida estritamente política que a conselleira Beatriz Mato xustificou por considerar o programa como “obsoleto” e “non válido”, a pesar de que é innegable que Preescolar na casa foi sempre viable e eficaz socioeducativamente, que contribuíu a vertebrar e modernizar un territorio en proceso de desertización e promover o emprego e a dignidade da lingua e cultura galega nun difícil proceso de substitución. Como escribiu Manuel Rivas eu creo tamén que “a supresión deste servizo exemplar merecería unha denuncia ante Dereitos Humanos da ONU”.