Artigos

A esperanza chega da man da ciencia

Dedico o derradeiro artigo do ano en Faro de Vigo ao valor da ciencia e do sistema público de coidados:

Ninguén podía imaxinar hai un ano cando «sentidiño» foi escollida como a palabra galega de 2019 que protagonizaría a campaña da Consellaría de Educación de inicio de curso. Un de tantos paradoxos dun ano horrendo e inesquecible marcado pola irrupción en todo o planeta da pandemia do Covid-19. Un virus que o mudou todo, estarreceunos da noite para a mañá provocando que perdéramos a nosa tranquilidade e comodidade sen que apenas tivésemos moita conciencia sobre cal era súa orixe nin a súa transcendencia. Un bicho feroz que provocou até agora o falecemento de 1,7 millóns de persoas e o contaxio de máis de 77 millóns, ademais dunha crise económica mundial de consecuencias e duración aínda imprevisibles e doutras mudanzas disruptivas que afectan ás nosas formas de vida cotián, á organización do traballo, mobilidade, comunicación, educación e mesmo as actividades de cultura e lecer.

Dende aquel 11 de marzo, día no que OMS declarou que a covid causada polo virus SARS.CoV-2 era unha pandemia, cando en Europa apenas emerxía, aprendemos a convivir coas gráficas das estatísticas de falecementos e persoas contaxiadas, hospitalizadas en planta ou en UCI ou do número de probas de PCR realizadas. Afixémonos ao pavoroso reconto diario de vítimas e doentes en residencias de maiores, o espazo diana principal deste funesto coronavirus. Asumimos como inevitables as cifras disparadas de persoas afectadas por ERTES e ceses de negocios, quizais máis pendentes da xeografía de peches perimetrais e restricións horarias de concellos ou comunidades establecidos polas autoridades sanitarias. Medidas todas que foron consolidando o desacougo e a incerteza como emocións que expresan un estado de desánimo colectivo. E nin sequera a febre do espírito consumista de regalos, luces e paparotas dos encontros de Nadal, celebracións que algúns irresponsables manteñen como se nada sucedese no seu particular Titanic, conseguiu a remontada do pesimismo na segunda vaga da pandemia iniciada no outono.

Xaora, as primeiras vacinacións realizadas nos países da Unión Europea o domingo, convidan á esperanza de poder recuperar nos vindeiros meses unha certa normalidade. Nunca a ciencia lograra unha vacina en tan pouco tempo, apenas dez meses desde que se descubrira na China o misterioso virus que provocaba unha neumonía mortal. Un éxito histórico da colaboración da comunidade científica, daqueles grupos de investigación privados e públicos que traballaron arreo na discreción dos seus laboratorios desenvolvendo máis dun centenar de proxectos de vacinas (dos que por ventura xa están tres no mercado mundial), algunhas veces en condicións moi precarias, como por desventura sucede no noso país. Unha vacina sufragada na Unión Europea polos estados, distribuída e administrada de forma coordinada polos expertos sanitarios do sistema de sanidade pública, o que asegura a súa equidade, a prioridade de protección dos máis vulnerables e o seu carácter universal para toda a poboación. Unha vacinación, non o esquezamos, que debe chegar á poboación dos cinco continentes, un reto sanitario e de solidariedade humana sen precedentes.

Un éxito histórico da comunidade científica que debería axudar a valorar a ciencia como o mellor instrumento para afrontar os retos colectivos da humanidade. Razón pola que o investimento en ciencia e investigación ten un carácter estratéxico, tanto a nivel económico como da súa seguridade. Máis aínda cando superada esta pandemia do Covid-19 xa non se poderá adiar a axenda pendente da saúde do propio planeta, a do seu imparable quecemento global e a da perda da súa biodiversidade, onde os expertos identifican a orixe do Covid-19 e de onde pode aparecer outro bicho tamén con idénticos efectos devastadores. Ciencia, ademais, que debería formar parte con carácter xeral da axenda pública (da administración e dos medios), o que constituiría a mellor vacina contra todas esas fake news e condutas negacionistas irracionais que tanto dano fixeron á convivencia durante a pandemia.

Por último, o vagalume de longo alcance que comezamos a enxergar co inicio da vacinación tamén ten que ver coa propia recuperación do valor e da eficacia dos servizos públicos de coidados, tanto sanitarios como de maiores e crianzas. A súa prestación con carácter universal e de calidade é a garantía da súa equidade e do coidado óptimo das persoas máis vulnerables. E aí, non esquezamos, despois de finalizada a vacinación, no caso galego urxe saber que pasou nas residencias de maiores e como reconstruír o sistema público de coidados de maiores, hoxe no seu 80% negocio de empresas privadas (algunhas de capital transnacional), ao que contribuíu que durante a década de gobernos Feijoo non se abrira ningunha praza pública.

Quedar na casa

No artigo da semana en Faro de Vigo propoño unha reflexión sobre a pandemia do coronavirus e o confinamento na casa

A corentena permitiume volver sobre as páxinas d’ A peste (1947), a novela de Albert Camus, desta volta na extraordinaria tradución para o galego de Isabel Soto e Xavier Senín, publicada por Hugin e Munin (2018). Confeso que no relato de Camus abraioume a proximidade á situación que estamos vivindo. O retrato do mal e a súa superación, naquela primavera dun Orán colonial onde as ratas mortas inzan paseniño ás rúas mentres se estende a enfermidade, é útil para entender como unha praga semellante afecta tanto ás persoas contaxiadas como aqueloutras indemnes á doenza. A peste arrasa a actividade comercial e social e «suprime o futuro e os desprazamentos» de persoas que, até entón, se tiñan [coma nós] por libres ou non imaxinaban poder ser vítimas do contaxio. Mais tamén unha epidemia na que xurde [coma tamén no caso actual] o mellor da condición humana, unha mensaxe de esperanza que Camus deitaba cando a humanidade acababa de derrotar ao nazismo.

A lectura da versión galega d’ A peste convida a reflexión sobre a utilidade da ficción literaria para achegarse, a pesar de ter transcorridas sete décadas, a unha epidemia como a do coronavirus, onde aquela inquedanza inicial de hai unhas semanas polos seus efectos, á altura deste terzo do confinamento previsto no estado de alarma e diante das estatísticas sanitarias e económicas, converteuse xa en medo e ansiedade sobre o futuro que nos agarda. Emocións retratadas na novela de Camus como un xeito de «exilio na propia casa», onde cada un de nós estamos «reducidos ao noso pasado» e obrigados a «aceptar vivir o día a día, e só fronte ao ceo». Cadora e por ventura, nesa obrigada soidade familiar da nosa reclusión contamos coa comunicación dixital e o acceso aos produtos culturais nas pantallas que nos facilitan mantermos en contacto coas persoas queridas, acceder a información en tempo real ou mesmo, dentro das posibilidades, non desvincularmos totalmente da nosa actividade laboral ou educativa.

O saber experto, unha das claves para enfrontar a pandemia do COVID-19, xunto a posta en valor preferente dos servizos públicos de sanidade, atención á dependencia, educación e seguridade, estableceu que o confinamento e o distanciamento social son medidas imprescindibles e obrigadas para superar esta crise sanitaria. Medidas severas pola restrición da nosa liberdade para movernos onde nos pete e polo seu carácter universal (polo momento aínda incompleto, na medida que o actual estado de alarma non afecta a todas as actividades económicas non esenciais por igual) que poñen a proba tanto a nosa intelixencia colectiva como a capacidade empática de cada cidadán para respectalas coa severidade e continuidade que requiren. Empatía que debemos entender como un exercicio de intelixencia e solidariedade de cada un de nós que asume que toda a cidadanía está ameazada e que todos podemos sumar co noso comportamento responsable e cos coidados que achegamos na tarefa cooperativa de vencer ao coronavirus.

Non somos inxenuos e sabemos que este confinamento obrigado ten tamén un carácter de clase xa que afecta de forma moi desigual a unhas e outras persoas, dependendo da súa idade, das súas características funcionais ou das condicións da súa vivenda. Dentro destes colectivos máis vulnerables están as persoas maiores, que sofren a presión emocional de constituír o primeiro grupo de risco, as que padecen doenzas mentais ou discapacidades funcionais e os menores de 15 anos, un colectivo de 7 millóns de persoas, completamente desaparecido do espazo público, que dende a declaración deste estado de alarma adultocéntrico son responsabilidade privada que corresponde a cada unha das súas familias. Unha situación inédita que está provocando tensións nalgunhas familias, sobre todo nas que contan con vivendas máis reducidas ou precarias, menos recursos dixitais (carecen de ordenador, impresora ou conexión internet) e menor formación dos proxenitores. Unha fenda de desigualdade que apenas pode ser mitigada polo voluntarismo e entusiasmo do profesorado que pretende acompañar ás familias coas súas tarefas e orientacións propostas de forma telemática.

Nestas condicións, enfrontar as vindeiras semanas de reclusión non vai ser doado para ninguén, sexa polo impacto emocional que provoca a información da pandemia como polo ruído engadido polos bulos e fake news que corren polas redes sociais. Con todo, como sucede na novela de Camus, serán días nos que no entorno deste exilio na casa con certeza aparecerán iniciativas para mitigar a doenza da soidade das persoas queridas ou para evitar a pasividade ou a ansiedade das nosas crianzas. Quedar na casa e manter sempre aberto o fío coa comunidade á que pertencemos. Velaí o exercicio de intelixencia colectiva que precisamos.

 

Onte 1094: Zapatillas rotas

XG00225901Relín durante a fin de semana a versión editada de Zapatillas rotas, a quinta novela de Xabier Quiroga. Volvín enguedellarme cunha narración de lectura engaiolante, unha road movie á galega movida cun motor narrativo moi potente, unha estrutura contrapuntística sólida, unha peza escrita toda ela cunha prosa galega de auténtica festa, unha marabilla que flúe coma a seda. Volvín rir a gargalladas con algúns dos enredos relatados, sobre todo os referidos ao comportamento hipócrita que na clase política galega e nalgúns medios audiovisuais provoca a desaparición dun velliño de oitenta e pico anos cuxo mérito é ser sogro dun director xeral dunha Consellaría. Volvín emocionarme cunha historia dun amor imposible que os amantes levaron tatuada nos seus corazóns durante sete décadas. Volvín alporizarme coa violencia brutal contra as mulleres e os maiores, tanto aquela agochada durante décadas nos eidos do privado como aqueloutra utilizada polo estado no devalo moral da sociedade actual. E, sobre todo, volvín conmoverme coa ollada que o narrador deita sobre o mundo das persoas maiores do noso agonizante mundo rural, co valor vivificador da súa memoria, coa narración das rotinas cotiáns dos centros de maiores ou coa afouteza e profesionalidade do seu persoal. Secasí, o deseño de personaxes magníficos como Miriam, a asistenta social, o sarxento Parga, Pepe, a avoa Lola e o avó Xaquín merecen mención á parte. Con Zapatillas rotas, Xabier Quiroga confírmase como un dos mestres da novela galega do noso tempo. Novela conmovedora, divertida, emocionante, memorable. Aventuro, eis a primeira e moi gabanciosa crítica, que será unha obra que interesará a moitos lectores e lectoras. Beizóns, Xabier.