Artigos

Campo de Fragoso CXXXI

MAGOS CELESTES

Na matinal de reis, os magos celestes agasallaron á bancada cunha contundente e merecidísima vitoria fronte ao Valladolid, un equipo sempre moi incómodo para os nosos, un rival directo co que temos librado mil e unha batallas decisivas. Durante a semana xa advertira Herrera da importancia de sacar adiante este encontro con Pucela e evitar o perigo de ocupar as posicións de descenso, moito máis aínda cando empezan a bulir algúns dos competidores da nosa liga pola salvación coma o Deportivo ou o Español. Razón pola que o noso adestrador sacou de cara un equipo moi atacante: en liña avanzada, tres dianteiros (Aspas, Park e Bermejo); detrás deles lanzando o xogo a Álex López e Krohn Dehli, deixando a Oubiña toda a responsabilidade no medio centro, como facía antes da lesión, sostendo, a estrutura, marcando os tempos de xogo e realizando as coberturas defensivas.

Dende o asubío inicial, o Celta foi a polo partido, non manexou ningunha outra hipótese nin reservou na manga carta táctica ningunha. Aos dous minutos, o xutazo de Krohn Dehli dende a frontal saíu un chisco desviado. Foi o primeiro aviso das intencións galegas. No minuto seis, tras unha xeitosa combinación da dianteira, Álex estragou un servizo magnífico de Aspas. Dous minutos despois Iago abriría o marcador, tras unha recuperación de Krohn Dehli na frontal da área galega e un pase longo de precisión excepcional do danés que permitíu ao noso Messi superar en velocidade ao seu marcador, conducir durante uns metros e case na área pequena superar a saída de Dani. Un golazo vibrante, tras un pase maxistral. Porén, o agarimoso agasallo celeste en día de reis chegaría tamén dous minutos despois, cando Javi Varas marrou un despexe diante do perigoso Javi Guerra, obrigando ao gardarredes sevillano a cometer un penalti que sería transformado por Bueno. Un partido que comezara de marabilla semellaba complicarse por unha fatalidade só atribuíble a un exceso de confianza. A pesar deste detalle, o Celta non perdeu en momento ningún a fé nas súas posibilidades e buscou no fútbol directo de contragolpe a fórmula para volver marcar. Park e Bermejo tiveron a súa oportunidade no minuto vinte e cinco. Pouco despois chegaría a mellor xogada do partido. Foi unha grande apertura de xogo atacante dende a dereita do campo propio, coa participación de Bermejo e Álex López que cun pase longo mudou de banda sobre Roberto Lago que dende a esquerda centrou en carreira sobre Aspas que cando ía rematar de cabeza á altura do poste dereito foi derrubado por un defensa. Un penalti de libro que o de Moaña nunha mañá afortunadísima e plena de confianza transformaría nas dúas ocasións que o lanzou.

Desta volta, a segunda parte tamén foi propicia para os de Herrera. A clave estivo, sen dúbida, aos cinco minutos, no golazo de Álex López, na súa estrea como goleiro en primeira división. Un cacheirón dende a frontal a unha distancia de vinte metros da portería. Un fabuloso xutazo que confirma a Álex como un dos nosos chegadores de segunda liña. Co marcador xa mais despexado, o Celta continuou enunciando o verbo combinar como o seu preferido até o derradeiro cuarto de hora no que como é adoito esta tempada encolleuse protexendo a Varas. Durante este período sempre tan delicado para os de Herrera, os pucelanos buscaron a súa oportunidade, mais a defensa céltica funcionou con disciplina e rigor e Varas (recuperado do seu esvarón) parounas todas. O partido estaba máis ca ben gañado. O Celta inicia o ano con confianza e enxerga o segundo treito da tempada con esperanza. Gran xornada dos magos celestes onde brillaron Álex, Aspas, Oubiña, Bermejo, Krohn Dehli, Cabral e compañía, todos nun excelente nivel.

Campo do Fragoso CXXVII

PASE PERFECTO

Miguel Torrecilla e Paco Herrera, responsables técnicos das fichaxes celestes, deben estar moi satisfeitos. Cinco dos novos xogadores que se incorporaron esta tempada contribuíron de forma decisiva a sacar adiante unha merecida vitoria fronte a un incómodo Getafe. A verdade é que este Celta das cinco primeiras xornadas, a pesar das súas tres derrotas pola mínima, froito quizais dunha certa inmadurez competitiva en Primeira, ilusiona pola calidade do seu xogo académico e ordenado. Este é un Celta moi xeitoso. Contando coa seguridade de Varas na portaría e a veteranía de Cabral no centro da defensa, é evidente que o equipo solidificou a súa estrutura; melloría á que tampouco é allea a recuperación física case completa do capitán Borja Oubiña, que partido a partido demostra que non perdeu a mestría da colocación e a capacidade de dirección do equipo sobre a lameira. Como é moi valioso o equilibrio de ataque-defensa achegado por Mario Bermejo, un auténtico atlante que traballa a eito, unhas veces como dique e outras como dardo. Mellora tamén, a acadada por Iago Aspas, a quen se lle ve cunha aparencia máis fibrosa e un comportamento máis acougado, mesmo diante dun árbitro tan estreliña e voluble como Teixeira Vitienes, sen perder a súa afouteza brutal para castigar aos defensas rivais, como sucedeu onte co veterano Alexis que rematou o partido desquiciado, mesmo expulsado tras darlle unha labazada a Hugo Mallo. Non obstante, superadas as comprensibles saudades da bancada de Orellana, semella que os tres novos dianteiros son os que poderían marcar as maiores diferenzas, tanto a maxia e o traballo do danés Krohn-Delhi, que onte fabricou os dous goles, como o talento diesel de Augusto Fernández e a incrible fame de gol amosada por Park Chu-Young, ambos os dous autores dos tantos da vitoria.

O Celta desenvolveu unha primeira parte excelente na que só lle faltou marcar, a pesar de estragar cinco goles deses feitos. Aos dous minutos Iago xa fixo unha xogada extraordinaria, na que con senllos caneos sentou por vez primeira a Alexis, para xutar logo moi axustado á base do pau. O Celta continuou procurando unha saída do balón limpa, combinando con paciencia, buscando situacións de superioridade, como a que no minuto once atopou na banda dereita, outra vez Aspas, finalizada cun soberbio punteirolo do de Moaña que bateu no poste. Cantamos gol. Non perdeu o Celta o seu espírito de ataque, sobre todo grazas as recuperacións de Bermejo que se transformaron en galopadas de Aspas, un auténtico pesadelo para a defensa madrileña, e ás aparicións descontinuas preto da área de Krohn-Delhi e Augusto Fernández. Pola súa banda, o Getafe apretaba só de cando en vez, buscándolle as costas a Túñez, mais nunca conseguiu unha oportunidade clara.

O partido animouse tras a reanudación, sobre todo cando o Celta conseguiu o seu primeiro tanto. Tras unha gran contra de Krohn-Delhi, na que soubo cruzar o balón no momento exacto para que Augusto cun preciso pexegazo inaugurase o marcador. O do danés foi un modelo de pase perfecto. Mágoa que un minuto despois, empatase Barreda, tras unha xogada anterior na que Varas fixo o mellor paradón do serán. Co partido empatado, desta volta Paco Herrera si que moveu axiña o seu banco. Cando faltaban apenas vinte minutos fixo debutar a Park en Balaídos e un minuto despois o coreano adiantaba ao Celta cun remate de semixeonllo, tras outro pase perfecto do xenial Krohn-Delhi. O do asiático foi de chegar e encher e o do danés unha demostración de abraiante calidade técnica dun xogador capaz tamén de ofrecer durante os noventa minutos os maiores sacrificios e disciplina defensiva.

Mentres a bancada expresaba a súa predilección polo fútbol de salón, un clásico en Balaídos, os minutos finais foron dun certo agobio para os nosos. Daquela apareceu o protagonismo de Teixeira Vitienes que arruinou os minutos do desconto coa expulsión de Paco Herrera e un incomprensible recital de vedetismo arbitral. Este Celta xeitosiño dá motivos sobrados para a esperanza.