Artigos

Onte 1458: Sete traducións ao inglés

20150930_150221

No Día Internacioal da Tradución recibimos un agasallo inesperado, unha caixa de libros de Small Sations con exemplares das súas sete traducións máis recentes de literatura galega: One Million Cows de Manuel Rivas, Vicious de Xurxo Borrazás, Soundcheck de Miguel Anxo Murado, Polaroid de Suso de Toro, Winter letters de Agustín Fernández Paz, I love you Leo A. de Rosa Aneiros e Dragal II. The Dragon’s Metamorphosis de Elena Gallego. Unha saída histórica en inglés para a nosa literatura contemporánea, á que non son alleos nin os esforzos do editor e tradutor Jonathan Dunne que abriu dúas coleccións específicas, Galician Wave e Fiction, como as importantes axudas achegadas pola Consellaría de Cultura para estas traducións. Esta oferta de Small Stations constitúe unha gran oportunidade para a visibilización da nosa narrativa actual tanto nos mercados internacionais de editores como no dificilísimo mercado interior do Reino Unido. Unha excelente noticia que celebramos no Día da Tradución.

Onte 1424: «Polaroid» de Suso de Toro en inglés

Polaroid_Small_StationsSoubemos onte da recensión publicada en Winstonsdad’s blog sobre a tradución ao inglés de Polaroid de Suso de Toro realizada por Jonathan Dunne e publicada por Small Stations. Sen dúbida que consitúe outro éxito do proxecto de Dunne a prol da visibilidade da literatura galega, outra xaneliña aberta para a literatura galega nun blog especializado en comentar obras de ficción traducidas ao inglés. O texto segue o fío da anotación de Tony sobre a publicación de One Million Cows de Manuel Rivas, identificado xa como escritor da literatura galega. Winstonsdad salienta que Polaroid foi unha obra inspirada pola cultura punk, relacionándoa coa de Raymond Carver «pola súa capacidade de utilizar poucas palabras posuidoras de moita forza». Como pareceume significativo que o comentarista reparase  no feito de que este é «un libro cheo de polaroids que retratan tanto vidas aborrecidas como outras gloriosas». Parabéns a Suso de Toro que, por fin, conta coa tradución ao inglés deste libro radicalmente actual, tamén unha obra alboral para a narrativa galega do século XX.