Listado de la etiqueta: old_trafford

Horizonte Europa

Tras o memorable partido do serán do mércores, quizais o máis completo dunha tempada excelente en Balaídos, o obxectivo Europa xa se enxerga sobre a liña do horizonte das Cíes. Unha proeza atribuíble a Claudio Giráldez e o seu equipo técnico que –tras asombrar coa súa proposta de xogo no Olímpico, onde os tres tantos de Borja Iglesias obrigaron ao VAR a indultar no tempo engadido ao que será, probablemente, o campión– esmagou ao Vilarreal de Marcelino, incapaz de construír sequera unha xogada colectiva e menos aínda de rematar algunha vez sobre Guaita,  o que parece anómalo en todo un aspirante á quinta praza que daría acceso a Champions league 2025/2026.

Un resultado, 3-0, que quedou curto para o inxente xogo atacante dos celestes que, aínda así, xa acadaron os 50 goles, unha cifra extraordinaria e moi repartida entre o cadro de xogadores, superior a do Betis, Mallorca, Real Sociedade ou Raio, equipos de referencia do noso equipo na Liga actual. Unha vitoria rotunda, clarísima, acompañada cunha asombrosa serenidade polo celtismo, prudente na expresión do seu entusiasmo e orgulloso ao mesmo tempo, que tras case oito anos, aspira a repetir aquela semifinal histórica en Old Trafford, onde o Celta xeitoso de Eduardo Berizzo petou nas portas do ceo.

Para deseñar o seu plan de partido, un Giráldez en estado puro non renunciou as súas rotacións, nun equipo onde xa non hai suplentes, onde todos son pezas importantes nun momento do partido e da tempada. Volveu ao equipo Hugo Álvarez, despois de dous meses e medio en dique seco e notouse a súa presenza na creación de espazos, nunha actuación que foi de menos a máis. Regresou Damián á condución cunha actuación soberbia, dende os minutos iniciais, imprimindo co seu famoso metrónomo o compás que a orquestra claudiana precisaba en cada momento do xogo.

Como forman parte da estratexia do adestrador louriñés as mudanzas constantes do debuxo ao longo do xogo, desta volta alternando nas bandas a Hugo e a Mingueza, mágoa que o noso internacional non tivese o seu mellor día, incomodado pola súa propia imprecisión, a pesar de iniciar xogadas claves coma as dos primeiros goles. Como foron marca giraldina os trocos oportunísimos, tanto o de Moriba, que asinou o seu mellor partido coma celeste, como a incorporación de Carreira, outra das alfaias da tempada, e a media hora que lle deixou a Aspas, feliz de poder impartir unha master class como media punta en liberdade e meter outro caroliño, coma diría o Hincha Perico.

Certo é que para o devir do encontro foi determinante a tarxeta vermella a Bailly no 37´, froito dun pase boísimo de Marcos Alonso sobre Alfon que cando encaraba foi derrubado, –que o VAR non lle cuestionou a Alberola, colexiado ao que pola súa traxectoria é difícil chamar celtista–, que deixou aos de Marcelino en inferioridade e, o que foi peor para eles, nivelando unha pelexa que o adestrador asturiano quería que fose unha cuestión de quilos.

Porén, xa antes do vermello, o Celta superaba aos visitantes, obrigados a defender en bloque baixo. No minuto 4 puido marcar Borja cun xutazo envelenado, no cinco Marcos puido facelo nunha xogada preparada a balón parado, sacada coa luva de Mingueza. No 22’ o remate de Fer debeu abrir o marcador. O Celta saíra determinado, cunha liña defensiva solvente e sen fisuras, onde Carlos e Yoel estiveron a grande altura, tanto na batalla coas torres da cerámica como na saída paciente da bóla. Medula reforzada por Damián e Beltrán que funcionou, aínda mellor, na segunda parte coa presenza de Moriba.

A pesar do dominio celeste, os goles tardaron en chegar. Anunciounos no 41´Alonso con outro lategazo, nun serán no que o veterano defensa madrileño deu un recital incrible, extraordinario. O primeiro, no 44´,naceu dun globo de Mingueza sobre a área, que non recolleu Hugo, pero si detrás Beltrán, que xutou en horizontal sobre o pao longo onde apareceu Fer López que marcou a pracer o seu primeiro gol en Balaídos dos moitos que chegarán. E co marcador por diante, Claudio ordenou intensificar a presión no tempo engadido cando cunha boa cabezada Borja obrigou ao gardameta visitante a outra estirada de moito mérito.

Tras o intermedio, os celestes esmagaron aos amarelos no 52´cunha xogada coral iniciada por Mingueza sobre Alfon, que xutou contra a defensa, rexeite que aproveitou Moriba xutando ao pao dereito, cuxo impacto foi recollido de cabeza por Fer que pasou a Hugo e este o fixo sobre o Panda que marcou coa precisión do reloxeiro. No 67’ debeu facelo Aspas nun globo dende trinta metros, que o porteiro salvou in extremis; como no 79´un Moriba desatado xutou de forma brutal sobre Junior, que trataba de impedir a goleada. Con todo, o terceiro chegou tras unha parede de fantasía entre Aspas e Moriba, derrubado con claridade na frontal da área. Penalti transformado con tranquilidade polo Merlín de Moaña, nunha tarde na que acendeu a súa lampada.

Seguro que Davide Ancelotti comezou xa a repasar os vídeos dos últimos partidos do equipo de Giráldez, que o 4 de maio en Chamartín pode decidir a Liga. Con todo, coa actual puntuación e seguindo estando de boas, obter nove puntos de quince aseguraría o billete dos xoves europeos. Bravo, Claudio!

Publicado en Faro de Vigo: 25-04-2025

Para o ano que vén

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á permanencia do Celta en primeira:

O celtismo non esquecerá o triste remate da tempada do confinamento. Tras os cinco partidos dun nefasto mes de xullo, nos que o equipo de Óscar García fixo apenas dous puntos, acadou a permanencia in extremis grazas a unha cabezada de Sergio Ramos e a un xutazo de Marco Asensio, estrelas merengues que evitaron a derrota do campión en Butarque diante dun afouto Leganés que tivo no derradeiro minuto de tempo engadido a permanencia na biqueira de Óscar Rodríguez. Como tampouco esquecerá que pese ao partido ruín da maioría dos nosos en Cornellá, Iago Aspas dispuxo, tamén nos minutos finais, cando xa esgotara a reserva das súas forzas, dunha oportunidade extraordinaria para marcar, nunha das súas carreiras de dianteiro de alta definición finalizada cun xute que pasou a centímetros da base do pao longo. Aí tivemos a permanencia por goles propios, unha fortuna que tampouco nos fora propicia aquel inesquecible serán do 11 de maio de 2017 cando o Celtazo de Eduardo Berizzo visitou Old Trafford e nun balón centrado por Claude Beauvue sobre Guidetti escachou os soños de xogar a súa primeira final europea. Xogadas decisivas, resoltas por decisións imprevisibles tomadas en segundos e en carreira, expresión de alustros de talento e concentración adestrados por atacantes e defensores, que converten ao fútbol na disciplina deportiva das Belas Artes que conta con máis seguidoras no planeta.

Ese territorio deportivo apaixonante da incerteza, delimitado en todas as lameiras do mundo polas dezasete regras da IFAB e polos valores do fair play, o xogo limpo e o respecto entre as persoas participantes, debería abondar para explicar o que acontece neste fermoso xogo de balón. Cadora, o chamado «fútbol moderno», parte do negocio millonario do espectáculo audiovisual globalizado, modificou cos seus intereses e novos protocolos (como a creación do VAR) as competicións do fútbol profesional até o punto de desenvolvelas xa coa ausencia do público, substituído para non desconcertar á clientela audiovisual apenas por infografías e gravacións sonoras e musicais enlatadas. Movendo en España 15.700 millóns de euros e achegando á Facenda case 1.500 millóns, o desenvolvemento imparable desta industria futbolística, mesmo a pesar da distancia social e da etiqueta obrigada pola pandemia, modifica tamén o funcionamento dos 42 clubs (na súa maior parte Sociedades Anónimas Deportivas) que forman parte da selecta elite do fútbol profesional. Xaora, a pesar de que todos os clubs artellan identidades territoriais e afectos da memoria, todos son máis que un club deportivo, debemos asumir que hoxe o territorio natural do fútbol profesional é idéntico ao de calquera outra empresa privada, onde priman sobre todo os intereses da súa propiedade.

Só atendendo a ese territorio deportivo e empresarial é explicable a errática traxectoria do Real Club Celta de Vigo SAD nas dúas últimas tempadas nas que, tras un desfile de cinco adestradores e numerosas fichaxes e traspasos, tanto lle custou manter a categoría, o que non impediu achegar un excelente resultado económico para o seu propietario maioritario. E só dende aí é comprensible a desconexión cada vez máis explícita entre as esperanzas e bulires deportivos do corpo social de abonadas, peñistas e seareiras celestes (seguidoras dende os cinco continentes) e as decisións políticas do propietario e dos xestores do club orientadas, como sucede no caso da cidade deportiva e centro comercial a construír en Mos, a incrementar o valor económico da entidade. Como tamén sobre esa trabe dupla deportiva e empresarial desenvolveuse o pasado mes de agosto a «operación retorno» de promesas da Madroa da diáspora, con mellor resultado como campaña de marketing destinada a fidelización das persoas abonadas ca no propio terreo de xogo onde estas incorporacións na súa maior parte non engadiron a diferenza que delas se agardaba.

De cara a vindeira tempada, a afección celeste repetirá o debate sobre o futuro deportivo do equipo, dividíndose entre as posicións máis optimistas e saudosas daquel Celta europeo de entre séculos, recuperado en apenas tres tempadas polo Toto Berizzo, e aqueloutras máis prudentes que asumen a tradición dun club máis austero no palmarés pero sempre afouto e resistente até o derradeiro salaio na lameira. Apenas diferenzas da gamma de matices que conforman a identidade acolledora, case centenaria, dun club de voces baixas, esas humildes que non impoñen, mais que son capaces de aloumiñar coa súa continuidade as ilusións de tantas vidas viguesas e galegas. Un debate social ao que agardamos sexa sensible o propietario e os seus primeiros xestores reflexionando e priorizando, sequera por unha vez, a coherencia do proxecto deportivo e social sobre os seus intereses económicos. Agardemos recuperar para o ano que vén, como lembra A Roda, novos azos e esperanzas. Sempre Celta!