A presentación en Padrón da edición de Cantares gallegos preparada por Anxo Angueira constituíu outra emocionante homenaxe rosaliana. Case un cento de persoas participaron das intervencións moi celebradas de Ferrín, Angueira e O Leo nas que se lembrou a proeza de Rosalía tras cento cincuenta anos da publicación do seus Cantares gallegos.
O discurso rosaliano de Ferrín, un dos primeiros tras a súa dimisión como presidente da Academia Galega, foi memorable. Comezou lembrando que a «figura de Rosalía está chea de mitos, feitos descoñecidos e outros falsos» e expresando o seu desexo de que «Rosalía se empadrone, volva outra vez a Padrón». «Sabemos que Rosalía viviu coa súa nai dona Teresa na rúa do Sol, xogou coas meniñas de Padrón. Naceu en 1837, apenas nove anos antes que a Revolución de 1846 ocupe o poder en España. Un proceso que supuxo en Galicia a desaparición dos morgados e o inicio da fase de extinción da pequena nobreza rural, os pazos. Rosalía é filla daquela revolución. Os seus xestos, os da súa nai, os do seu tío Pepito de Lestrove son inequivocamente revolucionarios». «Rosalía emancípase axiña en viaxa a Madrid aos 19 anos para vivir a vida literaria. Casa e vive con eses principios de liberdade e independencia». Lembrou Ferrín que estivera en Padrón en 1958, o día no que se inaugurou o monumento de Rosalía. «O Espolón estaba absolutamente cheo de xente. Os meniños subidos aos plátanos para ver a intervención de Otero Pedrayo, un acto organizado por Camilo Agrasar, que constituíu o primeiro acto de masas do nacionalismo galego. Rosalía debe volver a Padrón». Ferrín argumentou despois a necesidade de «realizar unha revisión crítica da biografía de Rosalía», xa que para el «non hai probas que acrediten quen foi filla de quen se di». «Rosalía é a persoa máis significativa da nación galega,é a que preside a nación. Galicia é o único país no que todo o capital simbólico pasado e presente reside nunha muller, filla da revolución burguesa, que mesmo se decantou cara a posicións socialistas. Fai falta unha Rosalía, unha biografía escrita como as grandes biografías das figuras da Europa contemporánea».
Ferrín argumentou despois a necesidade de contar cunha edición crítica de toda a obra de Rosalía de Castro. «Cómpre ir aos seus textos, establecelos e facerlles introducións e notas críticas, coma se fixo en todos os países cos seus clásicos». «Aquí é onde aparece o proxecto da edición que presentamos de Anxo Angueira. Facía falta unha introdución e unhas notas coma estas que actualizasen a Rosalía de Castro no século XXI. Non podemos conformarnos coa interpretación de Carballo Calero e outras de carácter decimonónico». «Nesta edición de Cantares gallegos, Anxo Angueira explica que a obra non naceu da nada. Existían precedentes nunha xínea na que aparecen A gaita gallega de Xoán Manuel Pintos, A copla dos rústicos de Sarmiento, e a obra de María Francisco de Isla no século XVIII». Cualificou Ferrín Cantares gallegos como «un libro da nación galega, independentista no arranque dalgún poema (“Pobre Galicia non debes chamarte nunca española”). Na súa interpretación Anxo Angueira liga o pulo inicial de Rosalía de Castro co concepto romántico revolucionario, que algúns antinacionalistas pretenden ridiculizar, da folk poesie, poesía do pobo, poesía da nación. Para iso Rosalía bota man do cancioneiro popular, das cantigas dos pobres da aldea». Rematou o seu discurso Ferrín confesando que «cando tiña catro anos oín por vez primeira “Adios ríos, adios fontes”. Entón topei coa poesía galega». «Cantares gallegos é un libro intemporal, capaz de proxectarse no futuro», foron as súas palabras finais. O aplauso do auditorio ás palabras de Ferrín foi longuísimo, inusualmente prolongado. Un discurso para lembrar.