Artigos

Onte 678: Do Irixo á Pedra de abalar

Foi a de onte unha xornada de viaxe polos vieiros do país de noso, de Vigo ao Irixo pola mañá, do Irixo á Pedra da abalar pola tarde, de Muxía a Vigo pola noite. Acudimos á convocatoria da #Festadapalabra da Fundación Ínsua dos Poetas, na que se entregaron os premios Setecarballas e Salvador García Bodaño, Víctor Campio e Arcadio López Casanova homenaxearon aos poetas do Rexurdimento. Foi o do Irixo un convivio promovido con moito agarimo polo «Che» Tosar, movido polos ideais da colaboración e a irmandade, nun espazo natural privilexiado, un xeito de Brocelandia ourensá. No serán apoiamos os actos organizados en Muxía pola Fundación Gonzalo López Abente (impulsada polos incansables irmáns Rivadulla) con motivo do cincuenta aniversario do pasamento do escritor da Terra de Nemancos. Un serán histórico comezado coa presentación da edición da Poesía completa de López Abente, unha proeza bibliográfica (de máis seiscentas páxinas) do editor de Espiral Maior Miguel Anxo Fernán Vello e do editor literario Miro Villar destinada a poñer en valor, definitivamente, ao poeta muxián. Entusiasmo que continuou coa entrega a Daniel Salgado do premio de poesía López Abente por Dos tempos sombrizos (Diario). O poeta de Monterroso nunha gran intervención definiu a obra gañadora como «poemas sobre o medo escritos nunha lingua desprezada, amarrado a unha esperanza desesperada, un libro dos vencidos». Peche magnífico para unha xornada na que abalamos polo país entre a memoria e o futuro da poesía galega. Pagou a pena.

 

Baltar e o Irixo

No artigo da semana en Faro de Vigo abordo a posición do PP de Ourense sobre a ubicación da incineradora do sur de Galicia no concello do Irixo.

A sucesión familiar á fronte da Deputación de Ourense acaba de achegar a súa primeira manifestación de inconformismo dentro do Partido Popular. O novo presidente, Manuel Baltar Blanco, nunha apertura de auténtico mestre do taboleiro desafía ao Goberno de Feijóo acadando un acordo unánime da corporación provincial en contra do proxecto actual de ubicación no concello do Irixo da planta incineradora de lixo do sur de Galicia. Unha decisión de Baltar fillo que, sendo aparentemente contraditoria coa estratexia conformista empregada até agora polo seu pai, amosa a súa fortaleza política e a do seu grupo un ano ano antes das eleccións autonómicas. Como veu sucedendo con Baltar pai, Feijóo sabe que agora, inevitablemente, deberá negociar co fillo a composición das listas e o nivel de entusiasmo da súa fiel rede de partidarios.

Os motivos utilizados por Manuel Baltar para rexeitar a ubicación da macroincineradora na parroquia O Campo do Irixo son semellantes aos utilizados dende hai meses polos dous grupos da oposición e polas plataformas veciñais e ecoloxistas: os graves efectos contaminantes que ocasionaría sobre o patrimonio natural cos conseguintes prexuízos sobre os sectores termais, turísticos e da agricultura ecolóxica da comarca do Arenteiro. Porén, o que resulta abondo contraditorio é que a seguir do acordo o propio Manuel Baltar non cuestione a instalación da planta noutro espazo da provincia de Ourense ou mesmo sequera noutra ubicación do mesmo concello do Irixo, polo seu carácter xerador de emprego e equilibrador do territorio. Un auténtico exercicio de malabarismo político propio das prestidixitacións que fixeron famoso por todo o mundo ao galego Conde de Waldemar ou quizais apenas un xeito de acender unha candea política a deus e outra ao diaño.

Maior determinación e claridade amosou na súa defensa incondicional da planta Manuel Penedo Paradela, alcalde do Irixo, que a semana pasada prohibiu a celebración do Entroido no seu concello. Un alcaldada, un exercicio de ordeno e mando que até o domingo de piñata conseguiu evitar o desfile e as entroidadas dos membros da “Coordinadora Veciñal Incineradora no Irixo, Non!”, obrigados a saír noutros concellos limítrofes. Unha prohibición, á que semella non foi alleo o criterio do seu mentor, Rogelio Martínez, o delegado Territorial da Xunta de Galicia en Ourense, coñecido adversario dentro da provincia dos Baltares e ben famoso nos medios de comunicación pola súa presenza decote no palco do Estado Santiago Bernabeu. Un alcalde de adscrición non baltariana que sempre amosou serias dificultades para argumentar a prol do proxecto, máis alá da arroutada coa que lles contestou ás mulleres da Asociación de Mulleres Rurais do seu concello cando no seu despacho lle preguntaron por qué quería a incineradora: “La pongo porque me da la gana. Y pónganseme fuera”.

Na posición contraria están as Plataformas de Afectados pola Incineradora de Deza, O Carballiño e O Irixo. Colectivos que rexeitan a instalación nas súas comarcas pola destrución medioambiental e económica que provocaría sobre o sector primario, ao tempo que propoñen desenvolver unha Iniciativa Lexislativa Popular destinadaa modificar o actual Plan de residuos de Galicia aprobado hai un ano. A cerna do problema reside tanto na ausencia de estudo algún de impacto ambiental  como no modelo de tratamento de residuos escollido por Estela Eólica, empresa privada que financiará e xestionará a planta. En termos de sostibilidade, tras dúas décadas de funcionamento de Sogama e múltiples recomendacións do Parlamento Europeo, a Xunta recunca cun modelo de tratamento de residuos baseado, sobre todo, na incineración, o que supón unha inevitable emisión á atmosfera de substancias tóxicas e nocivas para a saúde, ao tempo que adía a extensión dos programas de redución, reciclaxe e reutilización.

Alleo a este debate “técnico”, coa súa actual posición inconformista sobre a ubicación da incineradora do Irixo, Manuel Baltar sae moi beneficiado. Tras a herdanza familiar da cadeira presidencial adquire un perfil propio, gaña en popularidade e credibilidade, aproveita para enfrontarse con firmeza a algúns dos seus maiores adversarios do partido dentro da provincia e, o que é máis importante, faise valer diante de Feijóo que recibe a mensaxe inequívoca da necesidade de contar con el nas vindeiras autonómicas. Unha gran apertura de xadrez. No entanto, coñecendo a escasa sorte de Feijóo na posta en marcha do que denomina “proxectos estratéxicos” para o país, pode tratarse dunha manobra para gañar tempo, xa que a instalación da incineradora dependería dun non descartable fracaso do plan eólico do que forma parte. Quen dixo que as leas internas están só nos partidos da oposición?