Onte 2064: «Non hai espellos nos manicomios», a autobiografia de superación de Antonio Tizón
Non hai espellos nos manicomios. Antonio Tizón, biografia dunha superación from Arraianos Producions on Vimeo.
Antonio Tizón agasalloume onte un exemplar de Non hai espellos nos manicomios (Arraianos Producións, 2019), o libro que forma parte dun proxecto multimedia de edición estendida arredor da súa propia biografía. Dirixido e coordinado por Aser Álvarez, con banda sonora orixinal de Miro Casabella e montaxe audiovisual de Antonio Ramos, o proxecto constitúe un percorrido pola biografía de Antonio Tizón, que padece trastorno bipolar dende hai case corenta anos. Un proxecto de edición multisoporte, que mestura a impresión en papel e os contidos web (literarios, músicas e audiovisuais), algo aínda pouco frecuente no sector editorial galego, concibido como un achegamento á doenza mental dende o ámbito artístico e cultural e coa intención de ser utilizado na sensibilización social sobre esta cuestión.
A proposta literaria ten a súa cerna nun poemario aberto á hibridación de diversos medios de expresión, que dan paso a unha impactante autobiografía na que Tizón confesa a súa experiencia con esta doenza crónica dende a súa primeira crise en Madrid no 81, un terrible brote psicótico no que quedou mudo por completo, en silencio absoluto, perdendo mesmo a esperanza e o contacto coa realidad, o que levo a ser internado nun manicomio, até que trinta e catro meses despois regresó daquel inferno provocado pola mordida da loucura.
Como fixera nas súas novelas, A antesala luminosa (Xerais, 2015) e Un home estraño (Xerais 2018), Tizón concibe o seu novo proxecto creativo cunha intencionalidade sociopolítica e un valor terapéutico, consciente de que é a súa responsabilidade termar da súa biografía como doente crónico dun trastorno bipolar. Faino de forma valente unha veces valiéndose da poesía e outras relatando con crueza a súa propia experiencia. Aser consigue así un retrato humano de superación moi valioso e emocionante, concibido como relato da recuperación, normalización e integración do xornalista e escritor, o que axuda a desmitificar a doenza mental, a razón de ser de todo o proxecto.
Mención especial no desenvolvemento do proxecto merecen o traballo musical de Miro Casabella, con algún temas memorables como «Euforia, maldita euforia», e o visual a cargo da pintora Mari Quinteiro, a compañeira de Antonio, como a coidada realización fotográfica de Antonio Ramos, imaxes que enriquecen o proxecto multisoporte. Parabéns a Tizón e aos produtores por un dos proxectos de edición máis orixinais, coidados e socialmente valiosos que coñecimos en galego nos últimos anos.