Listado de la etiqueta: miguel_torga

Fernando Franco

Non hai palabras abondo no emocionario que utilizamos para expresar a nosa admiración e pesar polo pasamento do xornalista Fernando Franco, o grande cronista diario de Vigo das últimas cinco décadas. Para explicar a nosa desolación podemos escoller a palabra tristura, esa caída do noso estado de ánimo provocada pola perda dun amigo. Podemos acudir ao desamparo, que nos provoca a súa ausencia. Podemos intentalo coa saudade, ese baleiro que nos invade e apenas enchemos coas pingas da pena. Como lamentar a inevitable melancolía que non asaltou, sen avisar nin estar preparados, cando soubemos hai unhas horas do seu pasamento en Salamanca.

Foi a de Fernando unha marcha discreta e sorprendente, propia dun mestre da tenrura e da arte de vivir, tamén de contar o vivido, a quen lle acae o que escribiu Miguel Torga: «deixou no mundo unha afirmación singular, insólita, unha vida construída con palabras». E abofé que foron milleiros as crónicas publicadas por Fernando en Faro de Vigo coa intención de facer comunidade, de contribuír a tecer unha cidade onde se recoñecesen todos e todas, uns e outras, onde fose posible sorrir e compartir o orgullo de sermos veciñanza.

A vida é irremediablemente un don provisorio polo que merece a pena arriscarse, sabendo que «non hai máis bondade que a que emana da intelixencia», como recitaba en Évame Carlos Oroza, o noso poeta peripatético, que Fernando tanto admiraba, até facer da escritura a súa vida. Linlle a Hanif Kureishi que «os grandes escritores son esencialmente cómicos», o que lle acaía a Fernando que utilizou o humor como un bastión contra o aburrimento, a banalidade e o odio, consciente de que o único que queda é o amor, con escribiu Agustín Fernández Paz.

Modelo de xenerosidade desbordada, sabía facer importantes ás persoas que citaba con nome e apelidos nas súas crónicas de «Mira Vigo» do Faro de Vigo, sacándoas do anonimato, facéndoas visibles na súa comunidade, contextualizándoas na súa adscrición dos diversos vigos. Facíao sempre coa súa prosa elegante, vibrante e contida, onde o lectorado non atopaba nada que fose superfluo ou resultase innecesario.

Lector curioso e omnívoro, nada lle resultaba alleo a súa paixón por coñecer, como escritor asumía unha ascendencia cervantina na variedade de subxéneros xornalísticos que manexaba con excelencia. Mestre da entrevista e do perfil biográfico, lega á memoria da cidade varios centos de memorias viguesas dos eidos de actividade máis diversas. Articulista de opinión, a súa sección dominical «Sálvese quien pueda» no Faro de Vigo achegaba unha documentada ollada de arcea sobre temas de actualidade social, o derradeiro (do mesmo domingo 15 de marzo) sobre o tratamento da neurodiversidade e dos problemas de aprendizaxe na escola actual, no que utilizaba argumentos científicos sólidos e un enfoque esperanzoso para familias e ensinantes. Xaora, foron, probablemente, as súas crónicas de ambiente, iniciadas no Club Faro, e continuadas como crónica social das páxinas locais, o que o fixo tan popular, respectado e querido por toda a cidade, quizais pola súa vontade de ceder todo o protagonismo ás persoas, que celebraban un xantar de amizade, un aniversario ou simplemente a felicidade de sentirse vivas.

Como editor encargueille algúns limiares, xénero introdutorio e divulgador do que era auténtico mestre, como o foi como autor de monografías como a da moda en Galicia. Lembro a gratitude do seu amigo Magar cando prologou o primeiro dos seus volumes fotográficos no que fixo gala da súa enorme memoria viguesa, de acontecementos e persoas que por desgraza agora perdemos. Fernado era memorioso, benhumorado, sabía escoitar de forma activa, preguntaba sobre o oculto e non se lle escapaba, como bo conversador, un sorriso entre as comisuras da alma.

Criado no Arco de Quirós, onde a súa familia tiña unha tenda de ultramarinos, a achega de Fernando Franco á recuperación do Vigo vello, tamén a súa memoria, foi enorme, dende aqueles días de entusiasmo e crise industrial da Movida dos oitenta, dos que foi cronista e redactor de suplementos memorables, como Pharo The Bego, até o seu maxisterio na redacción do decano onde desenvolveu a súa cátedra de xornalismo humanista.

Fernando fixo da escrita a súa vida plena e gozosa e da súa vida relato. Non a interrompeu nin sequera cando a ferida da doenza se fixera presente con toda a súa ferocidade. E os seus lectores e lectoras, grazas a súa xenerosidade, continuabamos alleos ao drama que libraba, gozando do seu optimismo (voluntarioso). Dende hai dez días, sabía que a asociación Évame Oroza o distinguiría como Socio de Honra, o que lle produciu gran satisfacción, a quen non recibiu en vida todos os recoñecementos que merecía nunha cidade onde son tan escasos.

Sei que Fernando se identificaba con dous versos de Oroza, merecedores de ser recuperados na súa honra como epitafios: «Eles van, onde nós xa estivemos» e «O futuro é pasado. E o presente envolve na mesma acción os dous tempos».

Con todos os abrazos para os seus fillos, netos e persoas queridas, para as súas amizades (tantas e tan diversas na cidade) e para a redacción do Faro de Vigo. Todos choramos a súa perda e agradecemos tanto que nos ensinou e compartiu. Grazas, Fernando!

Publicado en Faro de Vigo: 17/03/2026