Listado de la etiqueta: marta_gómez_gonzález

Onte 1759: Presentación en Librouro d´«A ira dos mansos» de Manuel Esteban

Vai ser moi difícil esquecer o sucedido no serán de onte en Librouro onde presentamos A ira dos mansos, a novela de Manuel Esteban gañadora do Premio Xerais deste ano. Máis dun cento de persoas desbordaron a libraría viguesa seguindo as intervencións da xornalista viguesa Marta Gómez González, membro do xurado que outorgou o premio, e do autor na súa primeira presentación. Un serán moi emocionante que aventura unha recepción entusiasta desta novela negra viguesa de profundo carácter social e ético.

Comezou o seu discurso Marta Gómez confesando que »empatizou decontado co personaxe de Carlos Manso» e que «a estrutura tan sólida de novela negra parecía ser dun autor consagrado». «Cando escoitei as primeiras declaracións do autor comprendín que esta non era unha novela, era –como el sinalaba– un tumor que tiña que ser extirpado». «A ira dos mansos non é só un exercicio literario, é un berro de impotencia, a literatura concibida como ferramenta. Mais iso non impide que a novela sexa trepidante, que ofreza unha atmosfera de Vigo como cidade portuaria moi ben reflectida». «Ademais, o protagonista é un policía vello co que imos empatizando grazas ao seu humor negro que che vai corroendo».

Marta Gómez continuou sinalando que a novela «era unha homenaxe aos traballadores das asociacións como Down-Vigo, representados no personaxe de Lorena». A presentadora detívose en salientar a importancia da filosofía na novela que propón un debate entre as doutrinas de Confucio e o imperativo categórico de Kant e o seu sentido da xustiza universal. Rematou Marta gabando o momento de lucidez do narrador para poñerse na cabeza de Pedro, un dos personaxes con síndrome de down, que «representa o presente absoluto, a vivencia plena, constituíndo unha forma moi lúcida de achegarse a estas persoas».

Comezou Manuel Esteban confesando que non era amigo de referencias persoais, aínda que eran inevitables para falar d’ A ira dos mansos. Relatou as circunstancias do nacemento hai trece anos do seu fillo Antón con síndrome de down e como a partir de entón nunca deixou por sentado o que sucedería no futuro, «desa ferida interior naceron os meus primeiros textos narrativos». A seguir leu un deles (que se recolle no vídeo desta anotación, gravado por Librouro) e explicou que a orixe do título da novela estaba nunha frase emblemática de Jose Saramago «deféndenos señor da ira dos mansos».

Manuel Esteban xustificou a súa elección da novela negra para expresar a súa intencionalidade tanto por ser lector do xénero dende a súa mocidade como pola ambigüidade moral que permiten as súas convencións. «Quixen ofrecer un policía filósofo, misántropo, visceral, que levase ao lombo un fato de prexuízos, mais que fose capaz de mudalos. Esta historia vai de cambiar. Tiven presente unha frase de Eduardo Galeano: “Somos o que facemos para cambiar o que somos”». Rematou Esteban expresando que o personaxe de Pedro é a razón deste libro, «a voz de todos os mansos do mundo».