Artigos

Onte 780: «A miña primeira Rosalía»


Neste Samaín de vento e chuvia, atrevémonos a coller a autoestrada esvaradía para asistir no serán de onte ao concerto compostelán d’ A miña primeira Rosalía. A pesar da violenta bategada, sobre todo ao regreso na noitiña, moito pagou a pena a viaxe. Unha ducia e media de artistas, convocados pola teimosía de Xosé Lastra, o argalleiro deste proxecto, continuidade do iniciado o pasado ano con O meu primeiro Celso Emilio, desenvolveron no escenario dun Principal petado as doce cancións do libro disco homónimo de Xerais.

A hora e cuarto do concerto foi de exaltación da poesía rosaliana a ritmo de música galega de raíz, coa presenza de inequívocos momentos jazzísticos: Unha excelente combinación á que non foron alleos os arranxos de Xurxo Varela e Nani García, sobre once temas rosalianos e a famosa homenaxe de Curros á autora de Follas novas. Como era de agardar, no concerto inundouno todo a voz excepcional de Xiana Lastra, que acada cotas memorables en temas como «O ceo azul clarísimo» de Rodrigo Romaní e, sobre todo, en «A xusticia pola man», unha canción composta e arranxada por Pablo Sebio expresamente para este proxecto. A interpretación excepcional de Xiana Lastra (dificilísima pola escala tonal na que se ten que mover) deste primeiro poema galego de rebelión, apoiada pola narración de Mini, foi un dos momentos máis emocionantes e aplaudidos do serán. Magníficas foron todas as interpretacións de María Manuela, ilustradora tamén do libro, bordando os temas populares como a xoldra de «Imos bebendo», con todos os músicos e os bailaríns sobre o escenario. Potentes e clarísimas, como é adoito, as de Mini e Mero, dous grandes mestres da nosa música popular, nas que merece unha mención á parte «Lévame a aquela fonte cristaíña», composta polo propio Mero, canción chamada a se converter nun novo himno rosaliano. Un concerto que sempre foi a máis, co apoio que nas pezas finais achegaron aos músicos deste proxecto artístico dirixido por Xurxo Varela o gaiteiro Anxo Lorenzo, a pandereteira Olga Brañas e os bailaríns Marcos e Gabriela.

O proxecto «A miña primeira Rosalía», que ten o seu corazón no libro cedé de Xerais, que chegará ás librarías galegas nos vindeiros días, amosa tanto o talento artístico deste excepcional grupo de músicos como o seu afán de homenaxear a unha Rosalía sempre viva, moderna e rebelde. «A miña primeira Rosalía» continuará por outras localidades do país. Aconsello non perder este concerto, é unha marabilla!