Artigos

Gabanza da castaña

Ás portas do San Martiño dedico o artigo semanal en Faro de Vigo a realizar unha gabanza da castaña galega:

Esta é a semana por excelencia dos magostos, na que a carón do lume rendemos culto ao froito do castiñeiro, a árbore milenaria, xunto ao carballo, da nosa paisaxe agraria. Festa de orixe pagá, acristianada como tantas outras, celebrámola vencellada ao 11 de novembro, festividade de san Martiño de Tours, coincidindo con ese tempo sempre ventureiro do pequeno verán de San Martiño, «que dura mentres o can avanta o porteliño» ou «que pode ser grande ou pequeniño» e no que «os trompos saen ao camiño». Unha festa popular que anuncia a chegada dos primeiros fríos da outonada e a necesidade de arrouparse dos rigores do inverno.

Xaora, foi Manuel Murguía o primeiro en sinalar a importancia dos magostos na nosa cultura, interpretándoos como un banquete funerario no que a castaña, o viño e o lume simbolizan a presenza da vida e tamén da morte: a castaña medra, incha e rebenta; o viño é o sangue da terra; e o lume, símbolo do deus da vida, é o elemento purificador e unificador desta cerimonia. Magostos reforzadores dos vencellos entre os membros de cada comunidade agraria, que celebran cos seus aturuxos o estoupido de cada castaña lume, tradición anovada hogano nos centros escolares e nas asociacións veciñais coas súas festas arredor do lume das castañas.

Magostos que formaban parte dos coidados comunitarios dos soutos que chegado o outono se repetían, cando a veciñanza da aldea soutaba, recollía as castañas bulladas e atoleiraba os castiñeiros coas baloiras ou taloiras para guindar os ourizos ao chan. Despois de ourizalas coa petela, un pau en forma de pinzas, levábanas aos sequeiros, pequenos edificios unidos á casa ou a unha parte dela e que tiñan un andar coas táboas do piso lixeiramente separadas e cheas de buratos. Alí permanecían, durante dúas semanas, ao coidado dunha persoa que as remexía cun rodo cada dous ou tres días. Cando estaban secas e logo de desbotar os picóns e as carabulecas, as mirradas ou de peor calidade, que se arredaban para cebar aos porcos, pasábanse ao canizo, de onde se ían collendo a medida que se necesitaban.

Non hai dúbida de que dende a chegada dos romanos, o noso foi un pobo de comedores de castañas, como amosa o feito de que Afonso X o Sabio xa as citara nun verso da súa cantiga 386 («A que avondou do vinno aa dona de Bretanna»: «que sól non lles minguou dele que valvéss’ ũa castanna”»). Na Idade Media, coa expansión da cultura dos mosteiros bieitos e cistercienses, e a conseguinte limpeza e cavadura dos montes, que facilitou a plantación de viñas e castiñeiros nos seus arredores, a castaña constituíu o alimento principal da poboación durante o inverno, un auténtico pan do pobres, até que co descubrimento de América foi substituída polo millo e, sobre todo, polas patacas, as chamadas castañolas, castañas mariñas ou castañas de terra.

No século XXI, no «país do millón de vacas» (arredor de 600.000) e do abandono das aldeas da Galicia interior, a castaña continúa tendo a súa importancia na nosa produción agraria e constitúe unha das súas potencialidades exportadoras (na actualidade a 60 países) polo seu prestixio como alimento saudable e de produción sostible. Secasí os arredor de 20 millóns de quilos recollidos cada ano nos soutos galegos, valorados no mercado en 35 millóns de euros, o 60 % da produción española, converten a Galicia nunha humilde potencia castañeira. Unha produción que, segundo os responsables da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, creada en 2009 para modernizar o sector e velar pola súa protección e promoción, podería ser incrementada de forma moi significativa se fosen recuperados e modernizados os cultivos dos soutos tradicionais, mecanizada a súa recollida e promocionado o seu consumo como alimento saudable, materia prima utilizada na cociña máis creativa e innovadora na preparación de fariñas, cremas, salsas, marmeladas, pans ou sobremesas.

No entorno da gravísima alerta climática mundial, a continuidade anovada das castiñeiras galegas permite a conservación dos soutos como ecosistemas autóctonos que achegan biodiversidade á paisaxe agraria sendo un dos cultivos agroforestais con maiores posibilidades de diversificación e economicamente máis rendibles e sostibles. Unha produción baseada na calidade do froito protexido, definido polo seu pericarpo fino, cor marrón, membrana fina, sabor doce e textura fina. Mais tamén pola diversidade das castiñeiras cultivadas de forma tradicional, na que a IXP recoñece até 23 variedades multiplicadas por enxertos dende hai séculos (amarelante, de presa, branca, calva, inxerta, de parede, negral, luguesa, loura, longal, garrida, famosa…), que ofrecen matices de formas e sabores.

Celebremos os magostos con castaña galega, o xeito noso de festexar a outonada!