Durante hora e media Manuel Rivas condensou no seu discurso de ingreso na Academia Galega boa parte das preocupacions que desenvolveu ao longo de tres décadas de fecunda traxectoria literaria. Foi un discurso memorable, non tanto pola súa fermosa construción (a un xeito de vai e ven), nin sequera polo interese co que foi seguido polo público que ateigada o auditorio da mestranza. Non, o discurso foi memorable e perdurará como referente no tempo na medida que sinalara [no futuro] a data precisa na historia centenaria da Galega na que a nosa primeira institución cultural entrou de cheo no debate cultural do século XXI. Foi a necesaria inxección de entusiasmo que a institución, que renovaron Del Riego e Barreiro, precisaba. Rivas, con enorme serenidade e convicción, empregando o procedemento de «lembrar relembrando» artellu un relato que abre un novo mapa de esperanza para unha institución, tamén para todo o urdime culural do país, onde xa non é posible o conformismo (mesmo o que moitas veces se expresa na doce melancolía da resistencia que se sabe inútil).
Entre a beleza dos relatos da memoria familiar (esa que o autor da Marola denomina a «memoria intermitente» ou a provocada polas «intermitencias do corazón»); entre a rigorosa contribución que realizou á construción da memoria laboriosa colectiva (e literaria, especialmente da poética); entre o diálogo entre épocas e discursos de aquí e de acolá (citou en varias ocasións a Benjamin para referirse á «presenza do agora» e ao conformismo, a Breton, a Valle, a Beckett, ou a Barthes); entre as homenaxes múltiples á cidade, á Torre, ao Campo da Rata (marabilloso non ter esquecido a Xohán Casal), aos poetas de noso (citou de Códax a Pereiro, de Rosalía e a Pimentel, de Mendinho a Ferrín); entre tantos «tags» extraordinarios («o traballo da luz», «os círculos concéntricos», «o paraíso inquedo», «o manuscrito da terra»…), entre todos eses fios que Rivas foi ennobelando escollo dúas frases que entendo son as que mellor condensan a emoción e o sentido profundamente político deste discurso-manifesto: «A boca da literatura galega, antes e despois, ábrese na vangarda e no universal» e estoutra que Rivas recolle de Walter Benjamin: «En cada época deben realizarse novas tentativas para arrincar a tradición do conformismo que pretende dominala».
Dúas afirmacións con decisivas implicacións de cara ao futuro, xa que sitúan o espazo onde dirimir o futuro da cultura galega, na fertilidade da nosa vizosa tradición, mais tamén cun inconformismo que permita «anovala, ensanchala, transgredila» (foron os verbos que empregou Rivas) no contexto da vangarda e do universal. «Follar co futuro», citando a Patti Smith, mais tamén co pasado, «cando ese pasado é liberador e nos abastece faíscas de esperanza». A derradeira anotación que recollín no meu caderno foi a despedida do discurso, unha modulación moi sutil e relevante: «Saúde, terra e liberdade para sempre».
Moitas máis cousas poderíanse tirar deste texto que, sen dúbida, será estudado e analizado devagariño en contextos académicos e da crítica literaria. Agardamos conseguir que se poida ler, canto antes, na rede xa que verdadeiramente unha peza que paga a pena. A anécdota máis simpática da mañá foi a gralla clamorosa que aparece na portada da edición dos discursos do novo académico e da resposta que lle deu (coa voz a punta de quebrar) Xosé Luís Axeitos. Gralla que os responsables da coordinación da edición e produción do volume (52 páxinas) trataron de disimular cun autocolante que moito afeaba a publicación (algo verdadeiramente incomprensible, xa que nestes casos, e moito máis nunha publicación da relevancia da que comentamos, o que sen dúbida ningunha cómpre é realizar unha nova tirada da cuberta). Unha gralla para a historia da edición en galego. A nosa opinión sobre a ausencia clamorosa do alcalde da Coruña (nun discurso de homenaxe á cidade da Torre no que reclamou que os libros volvan oa escudo da cidade) ou sobre o tratamento informativo dalgún medio sobre o acontecemento xa a sinalamos noutro espazo.
Recomendo visitar a galería de fotos de Casteleiro que sobre o evento publica Xornal de Galicia, así como a que preparou Paco Vilabarros n’ A Nosa Terra.
Outras referencias interesantes sobre o acto que limos esta mañá foron as publicadas por Galicia hoxe, La opinión da Coruña, Faro de Vigo, La Voz de Galicia (moi breve, aínda que cos temas moi ben collidos), El Ideal Gallego, El Progreso e El País Galicia, así como a anotación no blog de Xoán Abeleira.