Artigos

Onte 319: A editora de Lumen

O pasamento de Esther Tusquets, a editora de Lumen durante corenta anos, provocoume un chisco de melancolía. Membro dunha extraordinaria xeración barcelonesa de editores representa a concepción cultural e artesanal da edición, ese oficio que, segundo as súas palabras, «se vive todas as horas do día e no que se soña con libros a maior parte das noites». Unha editora que asumía a necesidade de manter unha relación persoal con cada un dos títulos que publicaba, dende a lectura do orixinal ou a concepción do proxecto até que atopaba sobre a súa mesa os primeiros exemplares de control de calidade da edición. Unha editora que asumía como outra das súas responsabilidades elixir títulos e descubrir novos autores e autoras para intentar poñelos en valor, unha tarefa moi arriscada e traballosa. Esther Tusquets apostou pola edición de coleccións, como «Moby Dick» e «A favor de las niñas» de Adela Turín, que moito influíron sobre a emerxente literatura infantil e xuvenil en España. Ademais, publicou a serie «Mafalda» de Quino, que ela recoñeceu como ese golpe de sorte que necesita cada editor para consolidar o seu proxecto. Tivo a intución que convertiu El nombre de la rosa de Umberto Eco nun dos primeiros best-sellers de calidade da edición española. Foi a editora dunha impresionantes nómina de autores e autoras literarias –Ana María Matute, Cela, Delibes, Vargas Llosa ou Carmiña Martín Gaite, entre outros– cos que mantivo unha conversa permanente sobre libros e literatura, as súas dúas grandes paixóns. Temo que a concepción cultural da edición na que acreditaba Esther Tusquets é a que está desaparecendo polo tsunami da edición industrial.