Listado de la etiqueta: luscofusco_edicions

Vigo en tres paisaxes

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación dunha nova edición dos Sonetos a la ciudad de Vigo de Manuel Lueiro Rey, baixo o título Vigo en tres paisajes (Luscofusco edicións, 2025):

Nun ano de excelente colleita bibliográfica sobre a cidade de Vigo, destaca a terceira edición de Vigo en tres paisaxes (Luscofusco edicións 2025), o libro de sonetos de Manuel Lueiro Rey dedicado a Vigo. Autoeditado en Pontevedra en 1960 como un libriño de 28 páxinas distribuído entre as amizades, Sonetos a la ciudad de Vigo, trinta anos despois na segunda edición mudóuselle o título por Vigo en tres paisajes (Kantil C.B.1990), libro de 96 páxinas, ilustrado, deseñado e epilogado por Antonio M. Chaves Cuíñas, prologado polo xornalista Gerardo González Martín e do que a imprenta Feito de Hernán Cortés fixo dúas mil copias. Edición de outono de 1990, días antes do falecemento de Lueiro, sendo a derradeira á que lle deu o seu visto e prace. Presentada en 1993, no Auditorio Municipal de Vigo, no que sería tamén unha homenaxe ao autor, na que falaron Uxío Novoneyra, Carlos Casares, Herminio Barreiro, Modesto Hermida, Luis Cochón e Xesús Alonso Montero e na que, ademais, Carlos Oroza recitou un dos sonetos entre cada un dos discursos.

Esta terceira edición, ao coidado do editor Xabier Romero de Luscofusco, en formato de libro de lectura, ilustrada por Xavier Magalhães, incluíndo textos de Alonso Montero, Luis Cochón e Modesto García, recupera un clásico da bibliografía viguesa, que para Ramón Nicolás, o primeiro coñecedor da figura do escritor de Fornelos de Montes, recolle «os mellores sonetos dedicados á cidade de Vigo que se teñan publicado». Sonetario, non o esquezamos, consecuencia de gañar o concurso literario convocado en 1960 polo concello de Vigo, con categorías e dotacións distintas en castelán e galego, sobre o tema: «cantar á cidade de Vigo». Obra nacida dunha intervención externa, exercicio de estilo no que o autor puxo o seu talento no xénero métrico por excelencia ao servizo dun tema que non escolleu, coa lexítima pretensión de obter as 3.000 pesetas coas que estaba dotado o primeiro premio. Obxectivo que acadou utilizando a forma do soneto da que Lueiro foi, para o profesor Luis Cochón, un dos mellores cultivadores españois do século XX, tanto polo monllo de sonetos vigueses de ourivaría grandiosa coma polos cinco dedicados ao poeta Miguel Hernández publicados na revista Ínsula e recitados polo autor o 14 de decembro de 1967 na homenaxe ao poeta oriolano do Ateneo de Pontevedra. Produción sonetística que en 1963 valéralle a Lueiro o segundo premio do concurso do concello de Ourense, no que cantou á cidade das Burgas en oito sonetos, certame do que fora gañador Celso Emilio Ferreiro cun canto ao Río Miño, cando acaba de publicar Longa noite de pedra.

Organizado en tres partes (paisaxes) –de oito, tres e dous sonetos respectivamente– de feitura clásica e esmerada preceptiva, o sonetario ofrece un percorrido polo rumor das rúas, fábricas e paisaxes dunha cidade que se mira no espello: dende a luz, que permite a contemplación da beleza do Vigo amado, até a tarde e a noite nas que a cidade «atada ao esforzo colectivo» queda sosegada polo deber cumprido. Paisaxes definidas polo vento («titán que ao buque dá tormento»), polo mar («ese glauco, camiño, salgado»), pola ave («lenta a gaivota mariñeira»), pola pedra («arcos e capiteis inmolados ao barrio do Berbés»), polo monte («Vigo, aos teus pés rendido, encadeado») como pola árbore («ambición de raíz para a oliveira») e polo porto («xa non queda na terra unha bandeira que non acendera o seu saúdo»). Canción fermosa do traballo dunha cidade proletaria definida polo martelo, pola roda e pola máquina, que se deu ao camiño do futuro aberta «nunha loita vertical cara a vida», mais que non renuncia a gozar no descanso. Sonetario que celebra a nosa cidade atlántica e, ao mesmo tempo, constitúe unha lección literaria de forma, ritmo e mirada. Libro xa incluído na historia viguesa por acuñar algunha das metáforas e imaxes máis luminosas e emocionantes sobre a cidade nosa: «Vigo, abella da ribeira», «Vigo [Berbés], porta do mundo [cando o mundo pasaba por Vigo]», «Vigo, cidade feliz e poderosa», «Vigo, cidade exacta, cerebral e astrolabiada», «Vigo, cidade do castro e das murallas», «Vigo, cidade que pugna cada día na batalla» …

Libro cento por cento vigués que contribúe ao que no seu día chamamos «Causa Lueiro», a de poñer en valor a obra e a figura de Manuel Lueiro Rey, poeta, narrador e xornalista, autor dunha obra literaria extensa e polifacética en castelán, dende os anos sesenta tamén en galego, comprometido militante, como sinala Xesús Alonso Montero, «coas xentes que padecen a historia». Recomendo vivamente esta oportunísima edición de Vigo en tres paisajes marabilloso canto ao Vigo creado por Martín Codax, o irmandado coa luz e co traballo; escrito por Manolo Lueiro hai sesenta e cinco anos, chega aos nosos días coa frescura e a forza coa que contaba entón.