Artigos

Onte 2: non somos inocentes

Non é doado manter a serenidade despois de recibir unha puñada na boca do estómago. Sentindo aínda os efectos desa dor e botando man dos folgos de reserva, atendín durante a mañán aos dous medios que se interesaron polos efectos dunha medida dirixida de forma virulenta e inequívoca ao que foi durante dúas decadas –e continúa sendo– o corazón da edición en galego. Desolación. Xa non somos inocentes para comungar con rodas de muíño, rosmaba na viaxe. Felizmente, no fermoso serán lucense acouguei coa acollida de Suso e coa súa sempre delicada e agarimeira atención. No tempo que dura un lóstrego as súas palabras devolvéronme ao territorio da nación dos optimistas afoutos.

Fútbol, bandeira e lingua

Afeitos como estamos a dar conta de malas noticias, enchémonos de fachenda de abeizoar ao Club Deportivo Lugo ao Pontevedra Club de Fútbol, dous dos clubes de fútbol galego da 2º B, xa que decidiron incorporar a bandeira galega no colo da camiseta os lucenses e no seu escudo os do «hai que roelo».  A este xesto hai que engadir a consideración por parte dos pontevedreses do galego como o seu idioma oficial, tanto na súa documentación oficial como na megafonía do estadio de Pasarón. Pola súa banda, o Celta, o equipo pioneiro na utilización do galego como lingua oficial da megafonía no estadio (un feito xa consolidado, e promovido dende o concello, hai dúas décadas), tras as vacilacións da pasada tempada no uso do galego nas súas publicacións, decidiu incorporar a galega como unha das linguas da súa nova web. O Coruña de Lendoiro, o Rácing de Silveira e o Compostela de Caneda ben poderían facer algún xesto co noso idioma.

«Ámote vermella» en Lugo

Quedei satisfeito da presentación/recital de Ámote vermella en Lugo. Medio cento de persoas acudiron á Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria, onde está instalada Vermellas. Chamábanlles «rojas», a magnífica exposición da que forma parte principal este poemario de Claudio R. Fer, ilustrado pola pintora Sara Lamas.  Tanto a exposición como o libro, un mesmo proxecto creativo multisoporte, promovido por Claudio co apoio de Carmen Blanco, constitúen unha homenaxe a aquelas mulleres represalidas polo franquismo. Nacido de «Vermellas», o número de 2006 da revista Unión Libre que ambos os dous dirixen, este poemario inscríbese, ademais, na triloxía que Rodríguez Fer ven ofrecendo sobre a memoria histórica, Lugo Blues sobre a memoria de Lugo, A loita continúa sobre a memoria de Galicia e este Ámote vermella sobre a memoria de muller.

Na súa intervención, Claudio R. Fer salientou que a intención deste proxecto é afirmar a vida, loitar contra a morte. «Cómpre unha catarse colectiva para superar o trauma deste esquecemento no que vivimos instalados nunha democracia tardofranquista amnésica». Antes de comezar a lectura dos poemas, comentou que lembrabamos a mulleres perseguidas por ter ideas. «O franquismo foi unha ditadura androcéntrica e machista, que practicou a violencia de xénero». Claudio agradeceu a presenza de varios familiares dalgunhas das vítimas lembradas no poemario: «Setenta anos despois, quixemos demostrar que hai quen as ama, aquí están os seus nomes elas que foron as esquecidas entre os esquecidos, aquí están os seus retratos, cando tivemos a fortuna de atopalos.» 

Rodríguez Fer leu unha decena de poemas. «A derradeira lección da mestra» (dedicado a Mercedes Romero Abella e a todas as mestras represaliadas), «A Juana Capdevielle»; «Amada Amada» (fusilada, en Ferrol despois de ter o seu fillo, por ter rexeitado a un pretendente falanxista); «As tres mapoulas de Montecubeiro» (homenaxe as tres fusiladas de Castroverde); «Un tranvía chamado Urania» (lembrando a Urania Mella); «A árbore da vida» (lembrando a Cintia Rey, a nai de Víctor Casas, fotografada por Amalia Álvarez Gallego, a muller de Alexandre Bóveda); «A viaxe vermella» (homenaxe a María Casares; «Memorial dos foxos de Lugo» e «Paz para sempre», derradeiro poema, tamén do libro, dedicado a todas as persoas que mantiveron viva as rosas da memoria.